domingo, 22 de mayo de 2016

Toponimia da comarca


CERCEDA, segundo Cabeza Quiles, provén de cereceta, abundancial en -eta de cerasus (cerdeira). Por tanto, significaría "lugar plantado de cerdeiras". Para Gonzalo Navaza, en cambio, provén de cercêta (variante de quercêta), colectivo derivado de quercus "carballo".
As Encrobas está relacionado coa palabra gótica groba "fondal, depresión", de feito esta parroquia é un gran fondal.
Rodís viría de *(villa) Roderici, unha explotación agrícola medieval "vila de Rodericus -Rodrigo-". Como moitos destes topónimos primeiro remataría en "iz" para logo evolucionar cara á terminación "is".
A Silva ven do latín silva (selva, bosque). Aínda que en galego actual silva é o nome dunha planta, o topónimo máis ben significaría "lugar cheo de maleza".
Xesteda é, obviamente, "lugar poboado de xestas".
 
FRADES provén do latín fratre (irmán). Por tanto, "lugar onde hai monxes".
Añá viría dunha *(villa) Aniana, é dicir "vila de Anius".
Céltigos significa "célticos".
Gafoi podería vir de *(villa) Gafoi (gab +oi). A partícula gab significa "rico" e forma parte do nome xermánico Gabila "próspero".
Galegos sería un topónimo que se contrapoñía ao doutro lugar próximo (Céltigos?) para resaltar a antiga orixe dos seus habitantes.
Ledoira está composta a partir da partícula céltica let (segundo Cossue ven de plet+or+iam) que ten un significado de "lugar chan".
Mesos posiblemente signifique "lugar alto e chan".
Moar viría de *(villa) Modarii, propiedade dun tal Modarius, nome xermánico composto de mod "coraxe, valor" e hari "exército, hoste".
Papucín viría de *(villa) Pappucini, da que sería dono un tal Pappucinus.
Ponte Carreira é un topónimo que ven da antiga ponte. Carreira (que provén do latín vulgar carraria), ao igual que Carril ou Carral, fai referencia aos camiños polos que transitaban os carros.
Vitre podería vir de *(villa) Vitri, é dicir "vila de Vitrus", nome composto da forma withr "opoñente, contrario".
 
MESÍA. Tanto Mesía como Mesos, lugar de Frades, ambos sitios altos e chans, poderían vir da palabra meso (banco de tres patas) ou mesa na súa acepción xeográfica de "meseta".
Bascoi viría dunha *(villa) Velasconi, é dicir "vila de Velasco".
Castro ven do latín castru "asentamento fortificado", palabra que debeu substituír ao céltico brig "altura fortificada".
Cumbraos Sería un lugar repoboado nos séculos IX e X con xentes (quizais mozárabes) procedentes de Coímbra.
Lanzá podería vir dunha *(villa) Lantiana, ou sexa "vila de Lantius".
Xanceda, a pesar do que poidera parecer non ten que ver co nome Xoán. Segundo Manuel Ferreiro o topónimo, que transformou un "S" en "X", viría de saliceta, abundancial de salicem (lugar abondoso en salgueiros).
 
OROSO procede probablemente dunha base pre-romana or ou oro (monte, altura, sitio costento) relacionada tamén co grego óros (monte, altura). Sería por tanto "lugar alto".  Paulo Martínez Lema propón o significado "hedroso, lugar con moita hedra".
Calvente procedería dunha *(villa) Calventii, pertencente a un tal Calventius.
Cardama quizais teña relación coa partícula xermánica karth "carruaxe".
Marzoa aparece nun texto do ano 830 como Marçola. Debe vir por tanto dunha *(villa) Martiola ou Marciola, cuxo propietario sería un tal Martius.
Senra podería vir da palabra céltica senara (campo labrado) que posteriormente se aplicou a "campo de cereais".
Sigüeiro ven do latín Ponte Sequarii -verbo sequor- "Ponte seguinte ou ponte secundaria". 
Vilarromariz procede de *(villa) Romarici, é dicir "vila de Romaricus".
 
TORDOIA podería vir, segundo Moralejo, dunha antiga Turodobriga, coa forma céltica briga (altura fortificada, castro, fortaleza).
Anxeriz sería antes *(villa) Anserici, é dicir "vila de Ansericus", nome xermánico.
Cabaleiros procede do latín vulgar caballus (cabalo). Pero non se refire ao seu xinete senón a pedras cabalares, é dicir a un "lugar onde hai pedras cabalares, dolmens" como efectivamente sucede aquí.
Castenda sería lugar abundante en castiñeiros.
Gorgullos, parroquia sucada por varios ríos dos que as súas augas inquedas producen innumerable gurgullos, borbollóns ou burbullas. Este topónimo aparece como "Sca Eolalia de Gorgolis" nun escrito do ano 1228.
Numide podería vir dunha *(villa) Numitii -"vila de Numitius".
Leobalde viría dunha *(villa) Leovaldi -de Leovaldus, nome composto das partículas leov e walth "príncipe amado"-.
 

TRAZO procede probablemente de Taracio ou Toracio, nomes que levan as partículas pre-romanas tara ou tor (altura rochosa).
Berreo podería vir da partícula pre-latina berr "lugar húmido".
Chaián, ao igual que outros topónimos como Chaveán, Chaiván ou Cheiván, viría de *(villa) Flaviani, ou sexa "vila de Flavianus".
Monzo, ao igual que o Monzón aragonés ou o Monção portugués (que veñen de *montione -derivada de mons-montis-), parece proceder do latín *montiu. Nesta parroquia está o Cotón de Monzo, que xunta a palabra prerromana cott "coto, altura rochosa" con Monzo, co que reforza dobremente este significado.  
Restande sería unha *(villa) Restenandi -de Restenandus, nome composto de rest "resucitar, restaurar" e nanth "valor, coraxe"-.
Vilouchada procede do latín villa ostulata (vila ou aldea queimada). De feito podemos ler nun documento do ano 947 "...uilla quam dicunt ostulata".
Xavestre viría de *(villa) Labestri, ou sexa "vila de Labestre", nome formado polas partículas xermánicas geb "regalo, presente" e wistr "oeste, occidente".
 
FONTES: "Topónimos de Galicia"  de Fernando Cabeza Quiles, Cossue e outros. 
Para profundar na toponimia da comarca, é recomendable ALDEIAS de ORDES, blogue de Carlos Calvo Varela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario