lunes, 2 de julio de 2018

O Lago das Encrobas

  Antes de nada mencionaremos a polémica co seu nome. Xa cando se empezou a extraer mineral e se construíu a central térmica, ambas as dúas na parroquia de Encrobas, a moitos estrañou que levasen o nome de Meirama. A razón, segundo souberon despois, era xeolóxica. Resulta que a cunca terciaria de lignito onde se situaba o xacemento denomínase Cunca de Meirama. Ao chamarse así a mina parecía lóxico que o lago tamén levara este nome, polo que podemos atopalo denominado "Lago de Meirama" en moitas publicacións. Con todo creo que é máis xusto que leve o nome da parroquia onde está situado.

 
  Un forasteiro ou un mozo que descoñeza a historia local sorprenderase despois de velo ao saber que é un lago artificial que apenas unha década atrás non existía. De feito pódese ver a fervenza do río Porto Pereira achegando auga ao lago e, na beira oposta, a canle de evacuación cara á cunca do Barcés, por onde conectará co Encoro de Cecebre.

  A súa historia remóntase aos anos 70 do século pasado cando Fenosa decidiu extraer o lignito e construír a central térmica á beira para aproveitalo. Non foi fácil: os enfrontamentos dos paisanos coa Garda Civil en febreiro de 1977 aínda se lembran na zona. Non foi unha loita en balde, porque das 10.000 pesetas que lles daban por ferrado ao principio, pasouse ao final, grazas ao tesón e resistencia veciñal ás 350.000 pesetas. Ademais, houbo empregos para veciños da zona e construción de novas casas.
  Os beneficios económicos foron grandes pero coa tristeza de ver como aos poucos íanse sumindo no cada vez maior burato da mina, terras, casas e ata aldeas enteiras, entre elas Gontón onde estaba a igrexa (que foi trasladada pedra a pedra ao lugar de Pontoxo) e o cemiterio.


  Desde 1980 este fértil val foi perforado e durante 27 anos extraéronse 94 millóns de toneladas de lignito ata que en 2007 esgotáronse as reservas e só quedou unha enorme cicatriz: un tremendo buraco de 300 metros de profundidade.
  Que viña agora?


  Xa en 1985, a compañía lanzaba o primeiro proxecto de rehabilitación ambiental: en paralelo á explotación da mina comezábase a planificar a futura restauración, froito dela son as árbores que rodean o lago, con vinte anos de vida.
  Pero a parte máis importante foi a creación do lago artificial. O proceso de enchido comezou no ano 2008 e concluíu en maio de 2016 despois de trasvasar case 150 hectómetros cúbicos. Foi unha das actuacións ambientais máis importantes acometidas en España cun custo de 60 millóns de euros.


  A antiga mina de lignito é agora, para calquera observador profano, unha contorna totalmente natural. O lago mide 2,2 quilómetros de longo, un de ancho, e ten unha profundidade máxima de 205 metros. O volume de auga é de 148 hectómetros cúbicos e a súa superficie é de 171 hectáreas. As áreas rehabilitadas (que inclúen a aldea de san Andrés) suman 730 hectáreas (con 450.000 árbores frondosas!) e contan cunha gran biodiversidade (máis de 800 especies de flora e fauna), similar ou mesmo superior a calquera outro lugar natural.

  O lago das Encrobas terá, no futuro, unha dobre función lúdica e de subministración de auga á área da Coruña pero polo de agora iso terá que esperar. De momento aínda non está aberto ao público xeral (iso sucedeu en maio de 2021).
  Para un visitante é un lago normal pero para a xente das Encrobas non. Moitos veciños emocionáronse a primeira vez que o viron, como José Prego:
- Como non me ía emocionar? A metade do pobo traballou debaixo deste lago.
  A auga cobre agora as terras sobre as que se asentaron Gontón, Guichar, Soriga, Pontoxo, Belsar, Burís, Francelos, Boián, Croeda, Avieira, Pumariño... Unha historia que xa non ten volta atrás.

No hay comentarios:

Publicar un comentario