A 2ª década do século XX en Ordes seguiu a
tónica da primeira: as pelexas, liortas e actos violentos en xeral estaban á
orde do día.
Ás veces tamén se empregaban armas de fogo aínda
que había pouca habilidade con elas. Por exemplo, en outubro de 1913 nunha
taberna da vila de Ordes José Quindimil, Constantino Rodríguez e outros máis burláronse
de Andrés Louro "Pernas Tortas" que,
vendo que non os podía coller, decidiu que un par de balas serían máis rápidas ca
el, pero a súa puntería afortunadamente era tan mala como as súas pernas.
Non máis preciso foi Jesús Sánchez Fernández,
un mozo de Ardemil de 23 anos, quen en agosto de 1915 e xunto con Andrés López
Fernández de 21, disparoulle varios tiros á súa noiva María Couto Candal de 30,
coa única consecuencia de darlle un gran susto e rematar no cárcere.
Adolescencia e armas de fogo non son unha boa
combinación como demostrou en decembro de 1919 José Garabato Liñares de 16
anos, que, explicando nunha reunión en Buscás como funcionaba a súa pistola,
feriu nunha perna e deixou tolleito a Juan Bao.
En cambio Manuel Mosquera Liñares e Jesús
Martínez López, ambos os dous de Leira, dispararon con toda intención en febreiro
de 1920 ao veciño de Ardemil José Bouzas Bao que quedou gravemente ferido.
Pouco despois, en marzo do mesmo ano, Antonio Martínez Boquete, asañado por ser
baixado á forza dun autobús no que ía sen pagar, disparoulle tres tiros ao
conductor. Afortunadamente a súa ira era maior ca súa puntería.
As discusións estaban á orde do día e, ás
veces, polos motivos máis nimios. Por exemplo en novembro de 1914 María Vieites
golpeou á súa veciña Dolores Bascoy coa que se levaba mal. En abril de 1915 Manuel
Cores e Jesús Juncal gañaron unha regueifa en Ordes e recibiron o habitual premio
dunha torta de pan. Manuel Souto, que debía ter máis forza que dotes canoras,
descontento coa decisión do xurado, emprendeuna a golpes cos gañadores aos que
deixou bastante maltreitos.
En outubro de 1916 José Mª Fraga Sánchez tivo
un cruce de palabras con José Otero que rematou cun tremendo estacazo.
Máis estúpido aínda é discutir por quen pechou
unha porta. Tal feito aconteceu en xullo de 1917 entre Dolores Sánchez coa súa
cuñada Manuela Rey e a súa sogra Manuela García. Remataron por ir ás mans. A
pelexa foi a peor cando se uniu a ela Manuel Rey, o sogro, que golpeou no pulso
dereito a Dolores ... cunha gadaña! Dolores non quedou quieta e tiroulle unha
pedra e ambos os dous quedaron feridos.
Na feira de Ordes en 1918 Jesús Villaverde
Franqueira e Antonio Iglesias Pedrouzo tiveron unha discusión con José Botana
de Poulo que acabou a paus.
Por suposto, un dos principais motivos de
discusión eran as mozas. Por exemplo, en decembro de 1918 nas Travesas na casa
da atractiva Dolores Bao coincidiron para "tunar" dous mozos de 20
anos, Jesús Rodríguez Bao de Mesía e José Mesías Candal de Ardemil. Dolores
despediu ao segundo dicíndolle que era tarde que xa estaba falando con outro.
José retirouse aparentemente pero un pouco máis tarde e en compañía de dous
amigos atacou a Jesús que se defendeu a estacazos pero que levou a peor parte ao ser
ferido con sete puñaladas.
En 1920 no camiño que ía da feira da Adina a
Orellán Jesús Prego Candal e José Candal deron tal malleira ao mozo de Leira
Victoriano Bello de 28 anos que quedou sen fala.
Na
maioría das ocasións as liortas remataban con alguén ferido, pero algunhas veces
as consecuencias eran máis graves.
En 1919 nun muíño de Oa, parroquia de
Xavestre (Trazo), J.M. Nouche Astray acompañado de Antonio Fernández, ambos os
dous de Fecha (Enfesta), sobou e maltratou de palabra a varias mozas que alí
había. Unha delas contoulle logo o sucedido ao seu irmán Antonio Landeira Cebey
e ao seu primo Máximo Rial Cebey. O remedio foi peor ca infirmidade porque
foron a confrontar aos abusóns e a cousa saiu moi mal: sen case mediar palabra
Nouche sacou un puñal de grandes dimensións co que matou a Antonio e deixou
malferido a Máximo.
En 1920 en Visantoña (Mesía) o carpinteiro de
23 anos Ramón González García discutiu por unha cuestión de lindes co labrador
de 30 anos Manuel Posse Graña. Ao día seguinte volvéronse atopar fortuitamente
e reiniciaron a discusión ata o punto que Ramón, fóra de si, disparou tres
tiros dos que dous impactaron en Manuel e lle produciron a morte case
instantanea.
Non faltaban tampouco as agresións sexuais
que debían ser moito máis numerosas das que se denunciaban. A prensa da época
referíase a este tema con bastantes florituras como neste caso de 1918: «Téñoche un can de palleiro cantaba
muy a menudo a Dolores Pardo Pombo, el vecino de Órdenes, Manuel Bello Grela,
hasta que el 23 de junio, fuese porque se alborotó el can o que se cansó Manuel
de cantar, ello fue que este intentó cometer con la joven un hecho que castiga
el Código Penal.»
Non é de estrañar que en maio de 1920 a proposta de suprimir
o posto da Garda Civil que existía en Ordes desde 1864 causara unha auténtica
conmoción na vila. As protestas foron firmes e, afortunadamente, o tema non
prosperou.
No hay comentarios:
Publicar un comentario