O Mesón do
Vento é o segundo núcleo en importancia do concello de Ordes. Os nomes das súas
rúas datan do ano 2.000, momento en que a corporación municipal comandada pola
Democracia Galega de Teodosio Martino decidiu poñer nome a un gran
número de rúas novas (produto do recente bum urbanístico) que aínda non o
tiñan.
Ao Mesón
tamén lle tocou a súa parte: catro rúas estrearon denominación. Despois dun
pequeno baile de nomes (algúns coincidían con outros da vila de Ordes), a
presión veciñal inclinou a balanza cara aos seguintes: a vía principal, a N-550
denominaríase Santiago Apóstol, a
que tocaba o campo da feira loxicamente Rúa
Campo da Feira e a estrada cara a
Cerceda Rúa da Quenlla.
Finalmente a
rúa que comeza sendo un pequeno calexón ao lado da discoteca Josfer e leva ao
colexio recibiu o apropiado nome de Rúa
Roberto Forján.
Roberto Forján
Pais (1936-2023) foi un mestre coruñés que deu clase no Mesón nos anos 60, antes
de que fora construído o colexio actual. Casou en 1964 coa moza de Betanzos
Ángela Menéndez Martín (tamén mestra no Mesón), voda a que estiveron invitados outros
compañeiros de profesión de Ordes coma Gamallo e Picallo. Estaba considerado un
gran mestre, de feito en 1969 levou un 2º premio provincial no concurso do
"Cuaderno de rotación". Posteriormente marchou á Coruña onde foi
director moitos anos do CP Salgado Torres.
Foi homenaxeado na Festa do Lacón do ano 2002. O domingo 10 de marzo
deu o pregón e asistiu á inauguración da rúa que leva o seu nome.
Morreu o 16 de decembro de 2023 aos 87 anos de idade.
Non é o único
personaxe con rúa dedicada porque, desde 2016, un pequeno ramal da Rúa Roberto
Forján leva o nome de Rúa Sancristán
Francisco.
Francisco
Fariña Bouzas (1956-2014) casou con Divina Grela Calo que morreu moi
nova con 29 anos en 1990 deixándoo con dous fillos. Seis anos despois comezou a
colaborar na igrexa do Mesón do Vento, o que lle valeu o alcume de Paco o
sancristán e o agradecemento dos fregueses pola súa dedicación e bo
carácter. Morreu en 2014 aos 58 anos deixando un gran recordo.
2 anos
despois da súa morte, o domingo 3 de xullo de 2016 foi inaugurada a rúa coa presenza do alcalde José Luis
Martínez, a concelleira do Mesón Beatriz Martínez Candal e os dous fillos do
homenaxeado, Iván e Rosa María, que foron os encargados de descubrir a placa.
No hay comentarios:
Publicar un comentario