A SANTA COMPAÑA
A Santa Compaña é indubidablemente a máis
famosa das supersticións galegas, tanto que traspasou as nosas fronteiras. O folclorista Xesús Rodríguez López proporcionounos a
descrición canónica do fenómeno no seu libro "Supersticiones de Galicia" (1895):
La compaña es la reunión de almas del
Purgatorio para un fin determinado. A las doce de la noche se levantan los
difuntos, salen en procesión por la puerta principal, una persona viva va
delante con la cruz y el caldero de agua bendita, y no puede, bajo ningún pretexto,
volver la cabeza. Cada difunto lleva una luz que no se ve, pero se percibe
claramente el olor de la cera que arde. La comitiva tampoco se ve, pero se
percibe el airecillo que produce su paso. El desgraciado director solo puede
dispensarse de tan tétrico cometido encontrando a otra persona y entregándole
la cruz y el caldero, antes de que haga un círculo en la tierra, con lo cual
queda libre de dirigir la compaña.
Nos ambientes intelectuais, que defendían
contra vento e marea o celtismo de Galicia, esta tradición foi citada innumerables
veces aparecendo en contos, obras de teatro e poemas coma este.
A ESTADEA
Por
suposto había variantes segundo as zonas. Por exemplo nalgúns casos a Estadea ou Estantiga (palabra
probablemente derivada do latín "hostis antiqua" [hoste antiga]) era
un sinónimo de Santa Compaña, mentres noutros casos era unha pantasma de
aspecto atemorizador que preguntaba ao transeunte que tiña a desgraza de
cruzarse con el:
- Por onde queres ir? Pola terra ou polo aire?
Se a resposta era "por terra" a
Estadea arrastraba ao infeliz a través de camiños, bosques e silveiras
deixándoo totalmente maltreito, cheo de arañazos e mazaduras. Se a resposta era
"polo aire" o comezo era máis doado pois levábao voando pero a caída
era un perigo de morte e normalmente remataba magoado e completamente
desorientado a bastante distancia da súa casa.
Para librarse da pantasma podía facerse cunha
vara un círculo na terra e outro no aire e meterse dentro deles. A pantasma entón
amosaba unha caixa e había que depositar unha moeda con cruces nela. Isto tamén
detiña á Estadea, ata que alguén quitara a moeda da caixa.
Esta crenza perviviu ata épocas relativamente
recentes. Nos anos 70 do século pasado Antonio Botana -Antón
da Fonte (Estrei)- narroume, totalmente convencido, un encontro que tivo
coa Estadea nos seus anos mozos e que lle deixara como recordo múltiples marcas
no corpo.
A posguerra diminuíu o medo ao sobrenatural e
aumentou o medo a algunha bala ben real e tanxible que puidese vir dos "Foucellas"
ou dos gardas civís que os perseguían. Pero a chegada da luz eléctrica ás
aldeas foi o final definitivo da crenza. Como calquera que teña paseando de
noite sabe perfectamente, é máis fácil ter medo cando non hai un farol preto.
Doutra banda moitos dos encontros coa Estadea
non eran imaxinacións. Está claro que había moitos mozos aburridos e dados ás
bromas pesadas que aproveitaban para dar sustos aos máis crédulos e aos que
levaban unha boa carga de alcol encima, cousa que axudaba a esa desorientación
que algúns sentían. O feito de que era posible librarse da mala viaxe dándolle
á aparición unha torta ou unha moeda de cobre aumenta a probabilidade de que esa pantasma fose un bromista disfrazado que de paso sacaba gañancia da broma.
Continúa en Crenzas populares (2)
No hay comentarios:
Publicar un comentario