sábado, 20 de enero de 2018

Parroquia de Mercurín


  A parroquia de Mercurín está situada ao noroeste do concello de Ordes, entre Lesta e Leira. A súa extensión é de 11,09 km² segundo a páxina web oficial do Concello, pero outras fontes outorgábanlle 14,37 km².
  Todo o seu territorio supera os 300 m de altura pero é máis elevado na súa zona central chegando ás súas cotas máis altas aos 437 m no Alto do Faro e aos 428 no Monte de Mercurín.
  Numerosos cursos fluviais teñen o seu nacemento nestes outeiros, como o rego da Uceira, o de Pepín, o de Lesta, o de Loureda e o regato Mercurín que é o que pasa pola vila de Ordes.
  No sur da parroquia, onde se concentra a poboación, abundan os prados que dan paso ás matogueiras no noroeste, para ir mesturándose co arboredo cara ao concello de Cerceda.
 

  Hai 16 lugares habitados, todos agás Pepín e Perra, no cuadrante sueste da parroquia. A súa densidade de poboación é escasa (roldando os 20 h/km²), a menor do concello xunto con Lesta e Barbeiros. Na primeira década deste século baixou dos 300 habitantes (niveis dos anos 70 do século XIX). No ano 2021 a poboación era de 251 habitantes.
 
LUGARES: Carracedo, O Cruceiro, Guntín, A Igrexa, Mañufe, Pedre, Pepín, Perra, O Piñeiro, A Poza, O Seixo, O Souto, Tras o Río, Trasmil, O Vilar, Zampaño.
 

  Conta con fermosas paisaxes ao longo do regato Mercurín, coa igrexa parroquial de San Clemente e un notable cruceiro barroco do século XVII no antigo campo da festa.
  Aínda que San Clemente (23 de novembro) é o patrono da parroquia, a festa máis importante é a de Santa Lucía que se celebra o Luns de Pascua en primavera. Tamén o 2º domingo de setembro celébrase o Santísimo Sacramento.


  No Antigo Réxime Mercurín pertencía á xurisdición de Folgoso e era de señorío do Conde de Altamira a quen pagaban impostos. 
  No século XVII, nas "Memorias del Arzobispado de Santiago" (1607) de Jerónimo del Hoyo aparece o seu número de veciños que eran 28 (uns 126 habitantes), só por enriba dos 20 veciños que tiña Lesta. No ano 1666 consta unha confraría dedicada ao Santísimo Sacramento e a Santa Lucía.
  Segundo o Catastro del Marqués de La Ensenada do século XVIII xa había 49 veciños, dos que só 4 eran "pobres de solemnidade" -na parroquia de Ordes eran un terzo-. Tamén había 4 muíños e unha soa taberna que rexentaba Eusebio Seoane.
  O "Catastro" xa mencionaba a existencia de montes comúns, 1.300 ferrados de terreo dos que 80 eran de 1ª calidade, 600 de 2ª e 620 de 3ª.
  A principios do século XIX o Diccionario Geográfico-Estadístico de Miñano fala de 38 veciños (199 habitantes). O Diccionario de Madoz en 1848 menciona 53 veciños (259 habitantes). O clima era "sano si bien se experimentan fiebres inflamatorias". Producía produtos agrícolas (centeo, trigo, legumes, pastos e combustible) e gando vacún, cabalar e lanar. Tamén había caza de perdices, lebres e xabarís. Como industria había 2 muíños fariñeiros e algúns teares.
  En 1876 a poboación de Mercurín era de 299 habitantes (máis que na actualidade).
 
  A principios do século XX moitas propiedades da parroquia pertencían ao terratenente Manuel Batanero Maseda, residente en Madrid, de quen era apoderado o compostelán Leis Carlés. O alcalde pedáneo era Domingo Gestal, o párroco don Manuel Torres e a mestra Elvira Troche. Tamén había un zapateiro que era Juan lópez.
  O século non lle sentou ben á parroquia, cada vez máis pobre e illada: as estradas daban pena, pero o máis indignante era que, mentres que a electricidade chegou á vila a mediados dos anos 20, algúns lugares de Mercurín estiveron sin ela... ata finais dos anos 70!!! Os mozos doutras parroquias chamábanlles "crouchos" -espigas inmaduras e pequenas- a pesar de ser tan brutos coma os demais.
  Mesmo as súas mulleres se manexaban ben nas liortas: en 1962 doce veciñas apedraron a obreiros do Patrimonio Forestal que entraron no monte "Inxerio". Afortunadamente foron absoltas.
 
  A partir dos anos 80 Mercurín foise equiparando co resto das parroquias do rural ordense. Aínda así segue sendo coñecida por cousas negativas: o alto índice de suicidios (4 nunha mesma familia!) ou algún terrible accidente (3 membros da familia Gómez atropelados) en agosto do ano 2011.
 

PÁRROCOS E ENCARGADOS DA PARROQUIA

Juan Ignacio Recarey Bermúdez (finais do século XVIII ata 1816)

Antonio Rodr. Carnicero 1817-1843

Pedro Calvo Lema 1843-1862

José Antonio Pena 1862

Manuel Martínez 1862-1897

Manuel da Torre 1897-1907

José Carrillo 1909-1922

Jesús Castro Naya 1922-1927

Emilio Regueiro 1927

Juan Pena 1927

Diego Pereira 1927

Juan Simal Fernández 1927-1940

Ramón Pérez Rajoán 1940-42-47

Lino Caramés García 1942-1946

Ramón Seco Pérez 1961-1962

J L Bermúdez de Castro Ozores 62-67

Manuel Regueira López 1967-1987

Paulino Rodríguez Guerra 1987-1988

Santiago Miramontes 1988-1991

Albino Verdía Arcay 1991

 

No hay comentarios:

Publicar un comentario