jueves, 11 de enero de 2018

Vellos alcumes de Ordes (2)

   Moitos alcumes tiñan que ver co LUGAR de PROCEDENCIA do portador:
  Antonio Rivas Couto (1904-1982) naceu na Casabella, unha pequena aldea preto da Rúa de Buscás. Estableceuse na vila e edificou unha casa fronte ao camiño ao cemiterio vello. O seu alcume, Casabella, rematou por transferirse ao lugar. Hoxe o camiño ao cemiterio é a Rúa Casabella.
  Tamén de Buscás, concretamente do lugar dos Ramos, era Manuel Moar Pérez (1906-1975), que tiña xunto coa súa muller Estrella Martínez Viqueira -de Vilar (Mercurín)- unha tenda de ultramarinos en Alfonso Senra 62. Era coñecido como Manuel dos Ramos. O seu único fillo, Manuel Xosé Moar Martínez, é Manolito de Ramos.
  Así mesmo José Iglesias Brandariz (1899-1970) que tiña unha carpintería en Alfonso Senra onde máis tarde o seu fillo máis novo, Higinio, montou unha tenda de ultramarinos era coñecido como José da Calzada debido á súa procedencia (a Calzada ao norte da Rúa de Buscás).
  José García Freire (1905-1988), tratante de gando e logo posuidor dunha carnicería a carón da igrexa, era máis coñecido como Pepe de Betanzos. Os seus fillos eran os de Betanzos, igual que a familia Concheiro Iglesias eran os de Carballo, aínda que neste caso o alcume viña do nome dunha tenda de teas que o avó materno tiña en Alfonso Senra, onde hoxe está o supermercado Froiz.
  Ao tratante de madeiras José González Insua, marido de Concepción Amado Ferreiro, chamábanlle Pepe de Cambre, pois procedía dese concello próximo á Coruña.
  Ricardo Martínez Barros (1905-1975) era Nogallás, coma o seu bar. Neste caso o alcume é enganoso porque Ricardo veu de Vilacoba (Abegondo). A que procedía de Nogalláns en Berreo (Trazo) era a súa muller Mercedes Viqueira Veiras (1915-2003).
  Jesús Louro Raposo (1922-2015) naceu na Fraga (Ardemil) e tocou xunto aos seus tres irmáns no grupo de música tradicional "Os da Fraga". Foi o máis coñecido na vila porque rematou montando unha taberna na Rúa Reconciliación no edificio da esquina. Era Suso da Fraga ou simplemente Fraga.
  Tamén Manuel Viqueira Noya, o fillo maior de Manuel Viqueira (o gaiteiro de Vilaverde) era chamado nos seus anos mozos Ghosende, aludindo a aldea onde naceu.
  Así mesmo o taxista Jesús Manteiga Míguez (1942-2021) era coñecido como o Escaravelleiro debido ao seu lugar de nacemento: a Escaravelleira (na parroquia e concello de Mesía).
   Asunción Copa Lago (1896-1969), que tiña unha taberna no campo da feira do Mesón do Vento co seu marido, era a Lughesa. Os seus fillos Manuel e Ricardo Candal Copa e as súas familias foron -e son- os da Lughesa.
  Do "barco máis grande do mundo" -o Barco de Valdeorras- veu Carlos González Rodríguez (1923-2011) o Orensanocasado con Leonarda Trincado, que tiveron un coñecido bodegón no Recreo.
  No caso de Manuel Mosquera Rilo (1932-2012), coñecido como o Vasco (igual que o seu exitoso bar), o alcume non se debe a nacer en Euzkadi senon en ter emigrado alí.
  E non podía faltar Esteban González Espada (1929-2012) o Estremeño que montou o bar do mesmo nome ao lado do Rego de Loureda nunha gran curva da N-550 hoxe desaparecida coa remodelación da estrada.

  Ás veces a procedencia era do LUGAR de TRABALLO ou dunha rama familiar.
  Ramón Faya Fernández (m. en 1945) montou unha fábrica de curtidos no Recreo. Todos os seus descendentes na vila eran denominados os da Fábrica. Parente político seu foi Manuel González Romero o Capitán, pai do coñecido zapateiro e escritor Víctor González Faya. Tamén esta familia son coñecidos como os do Capitán.
  Pedro Fernández Mareque (1931-1979), Pedro do paraghüeiro (porque o seu pai viñera de Ourense), era un electricista do Recreo que casou cunha filla de Luis da Fábrica, Hortensia, e traballou co seu cuñado, Roberto Faya. Posteriormente traballaría na fábrica de Viriato. Tiña un curioso alcume: Cursino.
  A nai do panadeiro José Ferreiro Rama (1894-1980) e o seu apelido Rama foi a orixe dos Ramechos, coñecida familia do Recreo.

  Falando de panadeiros, Juana Noya Candal (1879-1965) de Codeseda (Leira) tiña unha panadería na Rúa Alfonso Senra -onde está hoxe o comercio de roupa de Pazos-, por iso lle chamaban Juana do Forno. Un dos seus fillos foi o coñecido panadeiro José Fuentes Noya (1910-1983), Pepe de Juana. Outro dos fillos, Manuel (1913-2002), foi o Bolichero, porque repartía botellas de gasosa (naqueles tempos chamábaselles "boliches" pola bola que tiñan na tapa).
   Andrés Gaudeoso Pazos, que tiña unha panadería ao lado do antigo cárcere, nunha casa moi estreita que foi derrubada cando se fixo a Casa consistorial nos anos 50, era coñecido como o Loreta. O seu fillo maior, Ramiro Gaudeoso Bascoy, por ser máis culto e benfalado que a maioría, era o Carrizo (os nenos na escola metíanse con el chamándolle "Carrizo llan llan"). Por certo que todos os irmáns, agás Carmiña (casada con Rodrigo Robado), emigraron a Brasil.
  O outro panadeiro da Rúa Alfonso Senra, Andrés García Calvo (1902-1975), era Lanoche -como o xornal compostelán- porque sempre pasaba co carro moi tarde cando xa todo o mundo rematara a xornada. Pero o nome da súa muller, Alfreda García Gende (1910-2001), transformado en "Frieira" e logo en "Fleira" foi o alcume que herdaron os fillos, o máis coñecido dos cales é Fausto de Fleira.
Continúa en Vellos alcumes (3).

No hay comentarios:

Publicar un comentario