lunes, 15 de enero de 2018

José Seoane Regueiro

  Nacido en 1914 na parroquia de Santaia de Gorgullos (Tordoia), José Seoane non foi o primeiro compoñedor da súa familia (nin o último) pero si o máis famoso no século XX.

 Comezou moi pronto, arredor de 1925 (cando tiña 11 anos) o seu labor curativo e así seguiu durante máis de medio século ata practicamente a súa morte.
  Ao contrario que outros menciñeiros que tamén se dedicaban ás faenas do campo ou a outros traballos, José Seoane tivo dedicación exclusiva: era o seu traballo e a súa paixón.
  José puxo no mapa a parroquia de Gorgullos, a onde se achegaban diariamente ducias de persoas para ser atendidas das súas dores e que pagaban a "voluntá" pois non había tarifa fixa. El aseguraba que o promedio diario era duns 100 pacientes. Estaba orgulloso de que entre estes houbera algúns médicos especializados en doenzas óseas.
  Tamén viña á feira de Ordes e atendía na casa Mirás.
  A súa fama foi tanta que ata unha prima do Caudillo acudiu á súa consulta. Quedou tan contenta dos resultados que se mostrou moi xenerosa e ademais fíxolle propaganda. Isto valeulle para que durante algún tempo lle chamaran "O curandeiro dos Franco" e para que a súa fama traspasara os límites da comarca (ata apareceu no xornal madrileño ABC).
  Casou con Antonia Fraga Raña (1914-1982) coa que tivo 7 fillos: Carmen, Valentina, Jesusa, María José, José María, Andrea e Estrella.
  Morreu o 3 de novembro de 1983, ano e medio despois da súa muller, con 69 anos de idade.

  A súa filla maior, Carmen Seoane Fraga (n.1943), sen más formación que a que lle transmitiu o seu pai, continuou a tradición familiar, comezando as curacións antes de cumprir 10 anos, a principios dos 50.
  A rutina de Carmen é simple: examina o lugar lastimado e, cando o paciente está distraído, mete as xemas dos seus dedos no tendón ferido e nun segundo proclama: "Xa está!", di os días de recuperación e pide ao seguinte que pase.
  A aglomeración é grande os fins de semana pois as innumerables ligas de fútbol e fútbol sala proveen dunha multitude de xoves pacientes acompañados normalmente dos seus pais, á súa vez antigos clientes. "A min xa me traía o meu pai en tractor hai 40 anos" comenta un, chegado de Carballo co seu fillo. Algúns fanse ver antes por un médico, pero outros veñen directamente.
  Carmen asegura que non hai maxia, só coñecemento. "Non tratamos roturas nin facemos milagres. Ao que ten algo roto derivámolo ao médico".
  Os 20 euros por consulta permitíronlle acumular un bo patrimonio.

  O oficio saltou unha xeración: Antonia Regueiro Seoane, a filla de Carmen e do seu marido Jesús Regueiro Padín, non se dedicou a el, pero si a filla desta, Patricia Lamas Regueiro (n.1983) que vive en Vilagudín. Patricia empezou aos 14 anos, a finais dos 90. Recorda perfectamente o seu primeiro paciente, un adolescente como ela. "A miña avoa propúxome arranxarlle o nocello. Guioume, fíxeno ben e para min foi o máis do máis. Agora traballo nisto e moita xente sorpréndese ao verme porque esperaban a alguén de máis idade".
  Pero a tradición mestúrase co moderno: Patricia xa está dada de alta na Seguridade Social como autónoma e masaxista profesional.
  Ela é a última (polo momento) da saga dos compoñedores de Tordoia.
FONTES: "ABC" e "El País"

No hay comentarios:

Publicar un comentario