miércoles, 24 de enero de 2018

A peregrinación de 1915

  O luns 13 de setembro de 1915, un espléndido día de sol, tivo lugar a peregrinación das parroquias do Arciprestado de Berreo de Arriba. En inspirada crónica do habitualmente anticlerical La Voz de Galicia "Mil quinientos romeros montañeses, sanos de cuerpo y alma, en los cuales reside el noble y vigoroso espíritu de la raza nuestra, saturado de continuo por el balsámico aroma de los pinos y de los retamares, que constituyen la nota peculiar de su montuoso y agreste país, a pocas leguas de la compostelana urbe [...] hombres recios y fuertes para las labores campesinas, mujeres sanas y robustas para la cooperación de ellas, las dejaron por un día, solo con el religioso deseo de dar cumplimiento a las devociones de su católica fe. Y en brillante caravana cerca de dos millares de estos buenos labradores montañeses acaban de contribuir también ellos, muy gozosos, a las esplendideces de este Año Santo".
  Curiosamente o moito máis clerical El Correo Gallego reduciu as cifras a 1.300 persoas, o que de todas formas seguía sendo un número considerable, tendo en conta que Berreo de Arriba só contaba con 16 parroquias (13 matrices máis 3 filiais): Ardemil, Buscás, Cerceda, Deixebre+Trasmonte, Encrobas, Leira, Meirama, Mercurín+Lesta, Montaos+Pereira, Poulo, Ordes, Oroso e Queixas.
  Por certo que as outras 3 parroquias ordenses (Barbeiros, Beán e Vilamaior) pertencían ao arciprestado de Barbeiros que comprendía tamén o leste de Oroso, Frades, Mesía e parte de Cesuras.

  Ás dúas da noite saíron cara a Santiago numerosos peregrinos a pé, aínda que outros desprazáronse en autobuses de Sanjurjo Badía e coches. Ás 10 da mañá comezou a organizarse a comitiva na rúa de San Roque, fronte ao convento de Santa Clara, onde foron a recibilos algúns concelleiros santiagueses como Pintos Reino, Amenedo e Souto, máis unha comisión do clero composta polos presbíteros Borobio, Costas e Vidal Vecino.
  Ás 11 púxose en marcha a numerosa masa de peregrinos. Estaba presidida polo arcipreste (o sacerdote de Ordes don Nemesio Morgade Portela* que tamén fora a pé) ao que acompañaban representacións dos concellos de Cerceda, Ordes e Oroso e a comisión do de Santiago.

  Saturnino Aller, o presidente da Deputación Provincial e cacique ordense, conducía o estandarte do grupo de homes, flanqueado por Domingo Antonio Moar Veiras e o médico forense Antonio Concheiro Rodríguez, que levaban as cintas. O estandarte feminino portábao Carmen Mato (viúva de Astray López) xunto con Asunción Iglesias Rapela (muller de Antonio Concheiro) e Josefa García Rodríguez (muller do tamén médico Ignacio Castro) que levaban as cintas. Entre os ordenses tamén ían algunhas persoas distinguidas veraneantes na vila, entre elas Joaquín Varela Tojo e a señora Carmen Sanjurjo Neira.

  Entre homes e mulleres ía a Banda Municipal de Santiago acompañando musicalmente aos peregrinos que entoaban o himno do Apóstolo. Como era costume disparáronse foguetes e bombas e houbo repique xeral de campás.
  O xentío peregrino fixo o percorrido habitual (San Roque, Algalia de Arriba, Cervantes, Acibechería e Praza da Inmaculada), entrando na Basílica pola porta do Obradoiro. O Cardeal Arcebispo José Mª Martín de Herrera, que presenciaba a procesión desde unha das xanelas do seu palacio, recibiunos na catedral cunha comisión do Cabildo, composta polos cóengos Caeiro, Camba e Tafall.

  A misa foi celebrada polo cura de Ardemil, o polémico don Pascual Couce Pico*, e dirixiu o rezo do rosario o de Leira, don Jesús Mansilla Fernández. Logo subiu ao púlpito o cardeal que saudou aos peregrinos e encomiou as peregrinacións "que servirán para escribir una página de gloria de la historia de Galicia y de la España católica". Rematou bendicindo aos peregrinos.
  Non podía faltar o voo solemne do botafumeiro que "cruzaba gallardo por las naves del transepto", mentres os peregrinos entoaban o himno "resaltando notablemente un afinado coro de señoritas que dirigía la presidenta de Hijas de María de Órdenes, señorita Carmen Barreiro Uzal".
  O Arcebispo recibiu despois ás comisións e sacerdotes aos que felicitou polo seu labor. Estes ademais tiveron un premio extra: foron invitados a unha opípara comida por Saturnino Aller. Un gran final para aquel día.

* Nemesio Morgade (1874-1931) foi o cura principal de Ordes durante 18 anos ata a súa morte. 
  Pascual Couce (m. 1937) foi protagonista de episodios conflitivos: ese mesmo ano tivo varios pleitos xudiciais cun fregués (José Gaudeoso) co que se levaba moi mal, e posteriormente, en 1933, sufriu un atentado por parte doutros veciños de Ardemil, membros da Sociedade Agraria da parroquia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario