jueves, 2 de abril de 2026

Os de Parente

  Na primeira década do século XX Estrella Corbelle Piñeiro casou con Pedro Sánchez Neira, que tiña unha carnicería na entón "Calle Real" e hoxe Alfonso Senra. Eran por tanto unha familia acomodada, pero iso cambiou totalmente coa morte prematura do marido.
  Estrella e os catro fillos do matrimonio quedaron practicamente na rúa. A situación mellorou lixeiramente cando casou en segundas nupcias con Domingo González Parente (1892-1971), un albanel que veu de fóra.
  Con todo os primeiros tempos (os anos 20) foron tan duros que o matrimonio viuse obrigado a deixar a Eliseo e a Amador no Hospicio Provincial. Aos poucos a súa situación foi mellorando e Domingo, un home moi traballador, ensinoulles aos seus fillos varóns o oficio de albanel. Ademais dos 4 de Sánchez Neira, tivo 5 fillos propios, pero todos eles foron coñecidos como os de Parente. Mesmo á súa muller, Estrella, tamén lle chamaban a Parenta.
 
Pedro Sánchez Corbelle (1909-1971) casou con Jovita Seoane Cotón, con quen viviu no Recreo. Jovita era moi amiga da miña avoa, polo que o meu pai, Juan de Babila, traballou con Pedro de aprendiz de albanel. Tivo unha única filla, Mª Carmen, que casou con Jesús Bello Carballeiro (1943-2009).
Benigno Sánchez Corbelle (1910-1965), que de mozo tocou na Banda de Música de Ordes, tamén comezou traballando de albanel. Co tempo chegaría a ser responsable de varios edificios da Compañía Telefónica. Casou con Estrella Farto coa que viviu na Coruña. Foi o primeiro dos irmáns en morrer (aos 55 anos).
Eliseo Sánchez Corbelle (1912-1990) cambiou a paleta polo uniforme da Garda Civil. Casou con Manuela Chico coa que tivo 4 fillos.
Amador (1913-1979) non casou e rematou os seus días vivindo na rúa República Arxentina xunto á súa nai e a súa sobriña Lourdes, filla maior do seu medio irmán Joaquín.
 
María González Corbelle (?) viviu fóra de Galicia. Sabemos que polo menos tivo un fillo, o tamén garda civil Ismael Porres Gónzalez (1941-2011), soterrado no cemiterio do Piñeiro no mesmo nicho que o seu avó.
Joaquín González Corbelle (1920-1987) traballou en Ordes no seu negocio de construción, pero logo casou cunha moza de Frades, Concepción Costoya Garea (1921-1991), así que estableceuse na Ponte Carreira. Foi o de familia máis extensa pois tivo 8 fillos.
Iluminada González Corbelle (1923-1994) casou co fradense José Garea Souto (1925-2001) co que montou un dos bares máis emblemáticos de Ordes: O Sótano. Na súa etapa de esplendor estaba no Recreo, preto do cruce. Logo trasladouse á República Arxentina pero xa lonxe dos seus mellores tempos. O matrimonio tivo dous fillos, José e Lino, moi coñecidos, ao igual que os seus netos.
Eugenio González Corbelle (19204-1996) tamén estivo no negocio da construción. Casou con Elvira de Conde coa que viviu en Alfonso Senra e tiveron dous fillos, Eugenio (1957-2013) e Salomé.
Manuel González Corbelle (1925-1966) foi o que morreu máis novo. Casou con Luisa López Quintás (1929-2016) Luisa do Albardeiro -os seus pais eran Francisco López Cea o Albardeiro (1903-1980) e Rosina Quintáns Cendón (1904-1992)-. Con ela viviu na rúa Casabella onde criaron dous fillos, Francisco Manuel e Feliciano.