Aínda que a finais do século XIX volven facerse peregrinacións a Santiago, é no século XX cando se popularizan de verdade, grazas sobre todo ao impulso que lles deu o arcebispo José Martín de Herrera de la Iglesia.
Destaca esta política de promoción xacobea
durante o ano santo de 1909. Os 36
arciprestados son instados a organizar a peregrinación dos seus fieis a
Santiago para o que se negocian rebaixas nas tarifas de transporte, tanto en
ferrocarril como en compañías de autobuses, así como nos prezos da Cociña
Económica compostelá.
A finais de setembro peregrinaran case 80.000
persoas da propia arquidiocese, un éxito espectacular pero restrinxido ao
ámbito local pois ata 1926 non hai unha peregrinación desde outra diocese allea.
A peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba (entidade que constaba de 16 parroquias -13 matrices e 3 anexas- pertencentes aos concellos de Cerceda, Ordes* e Oroso) tivo lugar o venres 17 de setembro e foi organizada polo seu
arcipreste, o párroco de Buscás, D. Eugenio
Girón Murias (1847-1913).
Durante a noite anterior máis de mil persoas,
a maioría delas a pé, dirixíronse a Santiago. Algunhas xa asistiron a unha misa
(ás 5 da mañá!!!) oficiada en Santa Clara polo coadxutor de Ordes, D. José
Oubel Salgado.
Ás 10 da mañá organizouse a procesión que
comezou no tramo comprendido entre os conventos do Carme e Santa Clara e que se
dirixiu ao Obradoiro pasando por San Roque, a Algalia, Cervantes e Acibechería.
Primeiro ían os homes, pouco máis de 400, en
filas de 4. Diante o estandarte que en principio ía levar o xuíz de 1ª
instancia de Ordes, Policarpo Fernández Costas (tivo que ausentarse pola morte do
seu pai), e que finalmente portou o presbítero de Ordes, José Barreiro Uzal, en
compañía de Juan Barreiro Ríos -o seu pai- e Manuel Pazos (os que levaban as cintas).
Despois a Banda Municipal e logo o estandarte
das mulleres portado por Carmen Barreiro Uzal en compañía de Justa Torrero
Míguez e Gumersinda García Iglesias.
A continuación 820 mulleres presididas polo
arcipreste Girón, acompañado polo concelleiro de Santiago Ángel de Acosta.
Durante o traxecto repicaban as campás das
igrexas. Chegados á catedral, os homes entraron pola Porta da Epístola e as
mulleres pola Porta do Evanxeo, segundo o costume da época. No presbiterio
foron recibidos polo arcebispo, a súa eminencia José Martín de Herrera de la Iglesia.
Despois da misa oficiada polo párroco de
Oroso, D. Joaquín Ordóñez, e do rosario oficiado polo de Sta Mª de Betanzos (anteriormente de Ordes), D.
Felipe Gómez Muñoz, o propio arcebispo subiu ao púlpito e falou aos presentes, deulles
a benvida e agradeceu a súa defensa da fe. Tamén agradeceu os actos de
desagravio que se fixeran contra os sucesos de Barcelona (a Semana Tráxica) e pediu oración polos combatentes
en Marrocos. Bendiciu as medallas e deu por rematada a
peregrinación.
Logo chegou a hora dos saúdos e das fotos. E
un dato para a historia daquel día: sabemos que o primeiro en confesar e comulgar
e, por tanto, gañar o xubileo foi o veciño de Buscás José Suárez Gómez.
* Das outras catro parroquias de Ordes, Parada pertencía á diocese de Berreo de Abaixo, e Barbeiros, Beán e Vilamaior á de Barbeiros.
* Das outras catro parroquias de Ordes, Parada pertencía á diocese de Berreo de Abaixo, e Barbeiros, Beán e Vilamaior á de Barbeiros.
No hay comentarios:
Publicar un comentario