sábado, 1 de noviembre de 2025

Emérita Pernas Pereira

  Emérita Pernas naceu en Céltigos (Frades) no ano 1928. Era a menor de 8 irmáns (Aurora, Alfredo, Adolfo, Gerardo, Florinda, Eladio, Primitivo e Emérita), fillos do matrimonio formado por Vicente Pernas Ponte (1896-1972) e Esperanza Pereira Vázquez (1885-1957). Eran unha familia acomodada, donos da chamada "Casa de Esperanza" unha taberna-fonda en Campoduro, ao pé da estrada.
  Ser a menor non significou que fose branda, ao revés, sempre foi unha loitadora. Contaba que naqueles tempos o seu soño era poñer unha tenda de roupa, soño que nunca chegou a facerse realidade.
 
  Sendo moi nova casou con Lino García Agra (1923-2009), un dos fillos do carteiro de Frades, José García Garea*. Con el fundaría o salón "El Vergel" en 1948. Pero resultou que a Lino non lle ía o negocio do baile e pronto se centrou na cafetería, así que Emérita converteuse na primeira e durante moitos anos única empresaria do sector, traballo que alternou coa crianza dos seus seis fillos: José Lino, Vicente, Ángel, Juan Carlos, María Esperanza e Gerardo García Pernas.
  Emérita non o tivo fácil ao principio, cando quería contratar unha orquestra non a tomaban en serio porque ninguén cría que unha muller tan nova puidese ter un salón de baile. Sempre agradeceu a axuda que recibiu neses primeiros momentos por parte de Manuel Muñiz que a apoiou e lle ensinou moitas cousas do negocio. 
  A situación cambiou en pouco tempo e Emérita foi coñecida por todas as axencias e creouse unha reputación. "El Vergel" foi medrando e alí, ao pé do canón, sempre estaba ela vixiando e mesmo poñendo orde se facía falta.
  Anos despois xustificábase: "Penso que os que non me coñecen ben teñen un concepto de min como alguén demasiado duro. Eu desde que empecei a traballar tiven que gañarme o respecto e o prestixio como persoa seria para poder saír adiante. Aínda que sempre tratei amablemente a todo o mundo, fun moi estricta coas pelexas e outras cousas que podían estragar a boa sona do local".
 

  Nos anos 60, 70 e 80 "EL Vergel" era unha sala de referencia en toda a comarca e as noites dos domingos pertencíanlle: Por alí pasaron desde o trío Siboney a Manolo Escobar, un Julio Iglesias (recente gañador do Festival de Benidorm con "La vida sigue igual") que cobrou 30.000 pesetas da época, e ata o cantante Basilio, o primeiro home de raza negra que viran en persoa a maioría de asistentes aquel día.
  A sala chegou a ter 30 empregados e baixo o seu paraugas abriron outros negocios de hostelería dándolle vida á vila de Ponte Carreira.
  Nos 90 chegou o declive, así que Émerita, despois de 47 anos! de traballo, alugoulle a sala a outro empresario en xaneiro de 1995. Os primeiros días non se acostumaba e pasaba polo lugar para ver como ían as cousas.
 
  Incapaz de estar inactiva, dedicouse con paixón á Asociación de Amas de Casa de Frades da que xa levaba anos sendo presidenta e para a que organizou moitas viaxes e actividades. Tamén foi unha asistente pertinaz, aínda despois dos 90 anos, ás Festas dos Maiores do Concello.
  O 5 de outubro de 2009 morreu o seu marido e o velorio tivo lugar na sala que ambos os dous fundaron. 16 anos despois, o día 27 de outubro de 2025, morreu Emérita con 97 anos de idade (aínda que no seu DNI figurasen dous menos), deixando 6 fillos, 9 netos e 4 bisnetos.
  Curiosamente, poucos días despois, o 2 de novembro, faleceu en Carballo aos 87 anos Gonzalo Rodríguez Regueira, o empresario que abriu en 1976 a mítica sala "A Revolta".

 

 * José García Garea era fillo de Manuel García Seoane, que en 1924 sería o primeiro carteiro rural da zona de Frades. Aínda que tiña a axuda do seu fiel cabalo, a profesión era dura naqueles anos de guerra e posguerra, pois estaba sometido a continua vixiancia da Garda Civil. Nos anos 40 José García herdou, como era costume, o traballo do pai pero morreu bastante novo. O sucesor, na década dos 60, sería o seu fillo Edelmiro García Agra (cuñado de Emérita) cando tiña 30 anos. Pablo García Astray, o último dos 5 fillos de Edelmiro, continuou a tradición (xa en Santiago) e deixou paso á 5ª xeración, esta vez por partida dobre: Pablo e Alba García Bermúdez. E aínda hai outro neto de Edelmiro no oficio, José Mosquera García.

martes, 28 de octubre de 2025

Festa de Parada en 1963


  Velaquí un anuncio con máis de 60 anos das festas de Parada. Corría o ano 1963, tempos nos que se celebraban sempre o 18 de xullo (Santa Mariña) aínda que non fose fin de semana. Neste caso os bailes foron xoves e venres e, como podedes ver, amenizados por unha orquestra da Coruña e outra de Santiago.

sábado, 25 de octubre de 2025

Escudo dos Lagos

 
   Con total seguridade o escudo máis descoñecido de todo o concello é o que está no lugar dos Lagos, na parroquia de Barbeiros. A min faloume del Manuel Pazos Gómez, o creador do Obradoiro da Historia, pero poucos máis saben da súa existencia.
  A primeira das casas do lugar, a máis próxima é estrada, foi edificada a finais dos anos 80 do século XX, pero conservou algunhas paredes dunha construción moi antiga. Pois ben, incrustado no medio da cachotería nunha desas paredes, orientada cara ao leste, é onde podemos ver ese escudo.
  Aquí teño que agradecerlle ao dono da casa, Ricardo, a súa amabilidade, pois cando lle preguntei por el, resultou que estaba completamente oculto por unha espesa capa de hedra, pero comprometeuse a cortala con prontitude para que eu puidese velo e deume as poucas informacións que tiña. Segundo el, representaba un tinteiro porque tiña entendido que alí antigamente viviu un "escritor". Supuxen que sería máis ben un escribán, o que encaixaba coa categoría da casa, porque as portas que se conservan demostran que pertencía á xente de boa posición.
 

  Cando vin o escudo, comprobei que ten forma rectangular apaisada (a base é máis longa ca altura). Nun principio sorprendeume porque as dúas figuras que se divisan parecen a primeira vista unha árbore e unha torre -nada que ver co tinteiro-. Obviamente o desgaste polo paso do tempo dificulta a identificación precisa dos símbolos heráldicos que poida conter.
  Nunha análise máis detida das (moitas) fotos obtidas, si que creo que a figura da esquerda pode representar unha persoa sentada e a dereita unha especie de pupitre. Tal vez sería a casa dun escribán o un mestre? Admítense outras opinións.
 

martes, 21 de octubre de 2025

Cruzando os Carrás

   No xornal La Voz de Galicia aparecen habitualmente uns artigos de Cristóbal Ramírez onde descobre lugares naturais pouco coñecidos e interesantes para percorrer a pé ou en bicicleta. Hai varios deles dedicados ao concello de Ordes. Este foi publicado o 12 de outubro de 2025.
 
   Escribió sobre la aldea de Os Carrás, hoy municipio de Ordes, el mismísimo padre Sarmiento en el siglo XVIII tras recorrer, entre otras de Galicia, las tierras de la comarca compostelana. El gran intelectual hacía el Camino Inglés en sentido contrario, no por nada relacionado con la peregrinación sino porque esa era la vía para ir directamente al norte (había otro camino procedente de las cercanías de Betanzos). Además, resulta muy probable que al menos el tramo que se conserva durante un kilómetro en números redondos sea puramente medieval. O en otras palabras, un tesoro que hay que proteger.
 
 
  La recomendación es conocerlo en el mismo sentido que lo conocen más de treinta mil peregrinos anuales. Es decir, carretera nacional a Ordes, desvío a la derecha justo tras el bar Orense y, al llegar a la encrucijada con la iglesia a la diestra, seguir de frente. Abajo de todo está el puente medieval (oculto por el moderno) y ahí llama la atención la primera señal del Camino Inglés. Mejor seguir en coche hasta que la ruta jacobea se aparta del asfalto.
  Quizás alguien se sorprenda inicialmente, puesto que se encuentra por el medio de una repoblación de pinos, los cuales por supuesto de medievales no tienen nada. Pero cuando empieza a poner un pie delante del otro la pista se convierte en el varias veces centenario sendero que va a cruzar un minúsculo arroyo y a partir de ese punto comienza el ascenso, suave al principio.
 
 
  El caminante llega al pequeño núcleo habitado de Os Carrás (atención al venerable horno de la vivienda de la derecha), cruza una pista y queda a la vista un área de descanso también de dimensiones reducidas pero que se agradece lo mismo que si fuera monumental. Al dejar las casas a la espalda arranca la subida propiamente dicha, fantástica, maravillosa, una congostra con vegetación autóctona. Y cuando los pies pisan en lo más alto y cambia el paisaje, queda atrás el municipio de Ordes y al frente el de Oroso. Seguro que el padre Sarmiento sonreirá desde donde esté al comprobar que el sendero que él holló continúa siendo frecuentado. Lo dicho: una joya.
 

Dificultad:  Es un tramo para todos los públicos. La subida final muestra una respetable pendiente, pero son solo 450 metros que se deben acometer con calma para gozar de ellos.
Cristóbal Ramírez

sábado, 18 de octubre de 2025

Concurso de tractoristas de Ebro

 
  A década dos 60 supuxo un enorme salto na modernización do campo. Buscáronse producións máis rendibles, melloraron as razas do gando e aumentou o gasto en piensos e fertilizantes, pero por suposto a parte máis visible foi a mecanización: aínda que os tradicionais carros de vacas seguiron dominando a paisaxe abrumadoramente, o número de tractores aumentou de ano en ano de forma espectacular.
  Unha das causas foi que ata 1960 non se podían comprar libremente senón que se tiñan que pedir mediante solicitudes de adxudicación, o que limitaba moito a demanda. De feito os primeiros tractores que chegaron a Galicia foron agasallos destinados a campesiños locais aliñados ideológicamente co Réxime, propietarios que eran dirixentes das Irmandades ou Xefes Locais do Movemento.
  A partir dos anos 60, nun contexto onde desaparecen os problemas políticos, económicos e industriais do Estado xa se puideron comprar libremente aínda que o seu enorme prezo era unha forte dificultade.
  Como vemos no gráfico, en Galicia pasou de haber 400 tractores en 1960 a máis de 10.000 en 1970.
 
Número de tractores en GALICIA nos anos 60
ANO
Unidades
Novas unidades
% de España
1960
407
---
0,77 %
1961
734
327
1,10 %
1962
872
138
0,99 %
1963
1.783
911
0,64 %
1964
2.140
357
1,73 %
1965
2.977
837
2,12 %
1966
4.289
1.312
2,66 %
1967
5.832
1.543
3,20 %
1968
7.446
1.614
3,66 %
1969
9.285
1.839
4,07 %
1970
10.744
1.459
4,35 %
 
  E como se chegou a estas cifras? Cun forte traballo de promoción. Nos 60 o Servizo de Extensión Agraria (SEA) colaborou a nivel local cos axentes de vendas, empresas e distribuidoras, para informar sobre os futuros propietarios. Igualmente exerceron este labor os monitores dos cursos de formación de tractoristas que organizaba a Promoción Profesional Obreira (PPO) e os técnicos do Instituto de Reforma e Desenvolvemento Agrario (Iryda). Todos eles axudaron ao proceso de difusión, facilitándolle ás empresas fabricantes e tamén ás distribuidoras a información necesaria para adaptar a oferta á demanda.
 
  E un aspecto importante dentro da promoción e publicidade da mecanización foron os concursos. Na provincia da Coruña comezaron a celebrarse en 1962, preto da cidade, os concursos de habilidade para tractoristas organizados pola Cámara Oficial Sindical Agraria.
  En Ordes celebraríase o 3º destes concursos en 1964, pero antes xa tivemos un adianto.
  O venres 19 de xullo de 1963, organizado por Auto Avión, que era o concesionario de Motor Ibérica SA para a venda de tractores Ebro, Superebro e Fordson en Galicia, tivo lugar un concurso de habilidade e arada (só para condutores de tractores Ebro e Fordson). Os premios ascendían a 23.000 pesetas (10.000 para o gañador e logo 6.000, 4.000, 2.000 e 1.000 para os seguintes na clasificación).
  Como o evento tiña un fin publicitario, logo da competición houbo unha demostración de máis produtos e sorteouse unha máquina cultivadora.
 Segundo Fausto Blanco foi todo un éxito pois a pesar de ser un día laborable, ata un centenar de agricultores da zona acudiron a ver o concurso. Lamentablemente non mencionou quen foi o gañador.
 
 
  A marca máis popular daqueles anos era Ebro, que se fabricaba en Barcelona. Ao principio era unha marca branca da multinacional Ford pero a mediados dos anos 60 desligouse dela e asinou con Massey Ferguson para que lle dese asistencia técnica. Barreiros era a primeira ou segunda marca máis popular en moitos lugares de Galicia e metade Norte de España. En cambio John Deere, o popular "Jondere" verde, vendía máis no Sur e ata os anos 70 non se popularizou en Galicia.

martes, 14 de octubre de 2025

A gran nevada de 1963

 
   O inverno de 1962-63 foi un dos máis crus que Europa vira nunca. Unha onda de frío procedente de Siberia azoutou todo o continente, aínda que loxicamente as noticias que chegaban a España eran dos países próximos, especialmente dun conxelado RU, e non dos que entón a prensa chamaba "Telón de acero".  Segundo os xornais da época era o peor inverno en 100 anos e a principios de febreiro xa ocasionara máis de 1.400 mortos.
  En España, aínda que as zonas altas xa estivesen brancas, a nai de todas as nevadas chegou o 2 de febreiro. Na cidade de Madrid, despois de 3 días de neve e xeadas, chegou a marcar o termómetro 10ºC baixo cero e o espesor da neve superou os 15 centímetros, permanecendo varios días sen poder ser retirada. Non é estraño porque tamén se deixou ver en zonas tan pouco habituais como o litoral catalán. En Lleida no Lago Gento chegáronse a rexistrar 20ºC baixo cero e en Tarragona foi a maior nevada de todo o século XX.
  En Galicia, ademais das montañas de Lugo e Ourense, nevou en todas partes. Se na meridional e costeira cidade de Vigo caeu neve durante 3 horas e media, imaxinade a que puido caer na Coruña ou en Santiago. As comunicacións quedaron moi seriamente afectadas nas provincias orientais. Nas occidentais o tráfico viuse retardado pero mantívose, aínda que en zonas da estrada de Noia a Santiago, na comarca de Santa Comba ou na temible costa de Herves os autobuses non eran capaces de pasar. Os coches particulares, en cambio, lográbano grazas ao seu pequeno tamaño, axilidade e (tamén hai que dicilo) temeridade dos seus condutores.
  Ordes non sería a excepción: foi cuberto por un belo manto branco que tardou varios días en desaparecer, especialmente no Mesón do Vento. Houbo que lamentar un choque de vehículos pero sen danos persoais. Por certo que non estou seguro que a icónica foto de Riveira que ilustra este artigo sexa a desa nevada do 63, pero aí queda polo bonita que é. Nela podemos apreciar a casa de Carril, o antigo Nogallás, o xa desaparecido edificio do Frente de Juventudes, a Alameda, a Casa do concello e o antigo campo da feira, hoxe Parques municipais.

sábado, 11 de octubre de 2025

O ano 2012


  2012 era o ano no que segundo o calendario maia remataba o mundo, cousa que non sucedeu a pesar da enorme crise económica global, pero empezou co accidente náutico do cruceiro Costa Concordia en xaneiro e acabou sendo o ano no que se descubriou o bosón de Higgs e no que se celebraron as Olimpíadas de Londres. Tamén foi o ano no que saíu o Windows 8 e no que Google Chrome sería xa o navegador máis usado desbancando ao Explorer.
  No mundo árabe, que viña de contemplar grandes protestas no ano 2011, Siria vivía xa un clima de auténtica guerra civil e en Exipto gañou as eleccións o islamista Mohamed Morsi pero a súa deriva ditatorial provocou unha forte oposición. En Rusia Putin gañou por 3ª vez as eleccións con máis do 63 % dos votos, o que lle deu carta branca para avanzar na súa senda autoritaria. En Venezuela Hugo Chávez foi reelixido (por 4ª e última vez) e nos USA tamén Barack Obama repetiu. En Francia François Hollande logrou quitar do Eliseo a Nicolas Sarkozy, enorme triunfo para toda a esquerda europea. No Vaticano comezou o escándalo do Vatileaks.
 
  2012 foi o ano do bombazo coreano "Gangnam Style". Outros temas moi oídos foron "Call me Maybe" de Carly Rae Jepsen e "Locked Out of Heaven" de Bruno Mars. Tamén apareceu o álbum Red de Taylor Swift. No cine foi o ano dos megaéxitos The Avengers, Skyfall, The Dark Knight Rises e The Hunger Games.
 
España
seguía sumida na crise económica e baixou de novo o PIB. Mariano Rajoy iniciou o seu goberno poñendo orde nas finanzas, iniciando unha política de austeridade e recortes, que incluíron unha reforma laboral e un rescate bancario. Estas medidas foron duramente contestadas pola oposición que contraatacou con dúas folgas xerais (29 de marzo e 14 de novembro) e manifestacións como as Marchas de la Dignidad ou o asedio ao Congreso en setembro. En abril un accidente de caza do rei Juan Carlos en Botsuana deu moi mala imaxe á monarquía. En Cataluña despois dunha Diada multitudinaria, CIU convocou eleccións en novembro nas que imprevistamente baixou os seus resultados, pero grazas a pactar con ERC continuou o goberno de Artur Mas, agora cun tono xa claramente máis soberanista.
No 2012 houbo unha tremenda onda de calor con temperaturas de 44ºC no sur e 42ºC no centro e NE de España.
Galicia comezou o ano coa perda do seu político máis importante nas últimas décadas: Manuel Fraga Iribarne "don Manuel" morreu o 15 de xaneiro. Este ano estoupou o escándalo das preferentes e NovaCaixaGalicia era unha das entidades implicadas. O goberno de Feijoo continuaba capeando o temporal da crise, sufrindo moitas críticas da oposición, pero nas eleccións autonómicas de outubro apenas sufriu desgaste, mantendo practicamente a mesma porcentaxe de votos (máis do 45 %) e mesmo subindo de 38 a 41 escanos grazas a participación de AGE que dividiu o voto da oposición. Nesta campaña sería onde Pablo Iglesias aprendeu os trucos, que logo poría en práctica a nivel español.
 
Ordes
tamén vivía sumido na crise, que se evidenciou cando xa en decembro do ano anterior foron despedidos os 15 integrantes do GRUMIR. Aumentaba o paro, pechaban empresas, marchaban inmigrantes que viñeran en tempos de bonanza e a Movida estaba desaparecida, por moito que o BNG fixese propostas para reactivala, de feito ese ano pechou LP 45 -aínda que en principio só era un peche parcial-. No Concello non había  cartos para pagar as facturas aos proovedores e anunciouse que nin Brincadeira (na que se gastaran 500.000 € en catro anos) nin a Gala contra o Cancro volverían a ter lugar en Ordes. O orzamento baixaría aos 13,5 millóns (algo máis que no ano 2008).
 
  Con todo iso aínda houbo obras. Rematouse en abril a Ronda Leste e en xullo volveuse a abrir ao tráfico a rúa República Arxentina que se estivera reformando e ampliando. Tamén comezou ese ano a polémica reforma da vella Casa do Concello.
 
A nivel político, Regos continuou mandando sen sobresaltos. Aínda que houbo rumores dun posible entendemento entre o PP e o BNG, nunca pasaron de rumores. De feito foi nestes partidos onde houbo cambios: no BNG xurdiu un novo líder para o Consello Local, Pablo Vidal Ríos (entón con 26 anos), e no PP deixou a súa acta o Nº 2, Pedro Carrasco Pedro da Farmacia
  En setembro saltou por primeira vez o tema da guardería: a empresa Sermasa (unha das da trama Pokémon) despedira a unha cociñeira para logo contratar á muller do concelleiro de cultura, despido no que se viu implicada a Nº 2 de UxO, Silvia Marín.
 
Novas máis alegres foron a visita de Xosé Neira Vilas celebrando o 50 aniversario de "Memorias dun neno labrego" e o gran éxito do equipo xuvenil de fútbol que acadou o ascenso á Liga nacional.
  A pesar de non ter Gala contra o Cancro nin Brincadeira seguiu habendo todo o resto de celebracións habituais e as festas patronais contaron de novo coas tres orquestras top: Panorama, París de Noya e Olympus. Ademais ese ano foi o trixésimo aniversario do incio do "Día do Emigrante". Esta emotiva xornada estivo dedicada ás irmás María e Adela Calvo Veiras, emigrantes en Uruguay, e nativas de Vilar.
  O ano rematou coa morte do noso empresario máis importante: Ramón Carro Romero.