Emérita Pernas naceu en Céltigos (Frades) no ano 1928. Era a menor de 8 irmáns (Aurora,
Alfredo, Adolfo, Gerardo, Florinda, Eladio, Primitivo e Emérita), fillos do
matrimonio formado por Vicente Pernas Ponte (1896-1972) e Esperanza
Pereira Vázquez
(1885-1957). Eran unha familia acomodada, donos da chamada "Casa de
Esperanza" unha taberna-fonda en Campoduro, ao pé da estrada.
Ser a menor non significou que
fose branda, ao revés, sempre foi unha loitadora. Contaba que naqueles tempos o
seu soño era poñer unha tenda de roupa, soño que nunca chegou a facerse
realidade.
Sendo moi nova casou con Lino García Agra (1923-2009), un dos fillos do carteiro de Frades, José García Garea*. Con
el fundaría o salón "El Vergel" en
1948. Pero resultou
que a Lino non lle ía o negocio do baile e pronto se centrou na cafetería, así
que Emérita converteuse na primeira e durante moitos anos única empresaria do
sector, traballo que alternou coa crianza dos seus seis fillos: José Lino,
Vicente, Ángel, Juan Carlos, María Esperanza e Gerardo García Pernas.
Emérita non o tivo fácil ao
principio, cando quería contratar unha
orquestra non a tomaban en serio porque ninguén cría que unha muller tan nova puidese
ter un salón de baile. Sempre agradeceu a axuda que recibiu neses primeiros momentos por parte
de Manuel Muñiz que a apoiou e lle ensinou moitas cousas do negocio.
A
situación cambiou en pouco tempo e Emérita foi coñecida por todas as axencias e
creouse unha reputación. "El
Vergel" foi medrando e alí, ao pé do canón, sempre estaba ela vixiando
e mesmo poñendo orde se facía falta.
Anos despois xustificábase: "Penso que os que non me coñecen ben
teñen un concepto de min como alguén demasiado duro. Eu desde que empecei a traballar tiven que gañarme o respecto e o
prestixio como persoa seria para poder saír adiante. Aínda que sempre tratei
amablemente a todo o mundo, fun moi estricta coas pelexas e outras cousas que
podían estragar a boa sona do local".
Nos anos 60, 70 e 80 "EL Vergel" era unha sala de
referencia en toda a comarca e as noites dos domingos pertencíanlle: Por
alí pasaron desde o trío Siboney a Manolo Escobar, un Julio Iglesias (recente
gañador do Festival de Benidorm con "La vida sigue igual") que cobrou
30.000 pesetas da época, e ata o cantante Basilio, o primeiro home de raza
negra que viran en persoa a maioría de asistentes aquel día.
A sala chegou a ter 30 empregados
e baixo o seu paraugas abriron outros negocios de hostelería dándolle vida á
vila de Ponte Carreira.
Nos 90 chegou o declive, así que
Émerita, despois de 47 anos! de traballo, alugoulle a sala a outro empresario en
xaneiro de 1995. Os primeiros días non se acostumaba e pasaba polo lugar para ver como
ían as cousas.
Incapaz de estar inactiva,
dedicouse con paixón á Asociación de Amas de Casa de Frades da que xa levaba
anos sendo presidenta e para a que organizou moitas viaxes e actividades. Tamén
foi unha asistente pertinaz, aínda despois dos 90 anos, ás Festas dos Maiores
do Concello.
O 5 de outubro de 2009 morreu o
seu marido e o velorio tivo lugar na sala que ambos os dous fundaron. 16 anos
despois, o día 27 de outubro de 2025, morreu Emérita con 97 anos de idade
(aínda que no seu DNI figurasen dous menos), deixando 6 fillos, 9 netos e 4
bisnetos.
|
* José García Garea era fillo de Manuel García
Seoane, que en 1924 sería o primeiro carteiro rural da zona de
Frades. Aínda que tiña a axuda do seu fiel cabalo, a profesión era dura
naqueles anos de guerra e posguerra, pois estaba sometido a continua
vixiancia da Garda Civil. Nos anos 40 José García herdou, como era costume, o
traballo do pai pero morreu bastante novo. O sucesor, na década dos 60, sería
o seu fillo Edelmiro
García Agra (cuñado de Emérita) cando tiña 30 anos. Pablo García
Astray, o último dos 5 fillos de Edelmiro, continuou a tradición
(xa en Santiago) e deixou paso á 5ª xeración, esta vez por partida dobre: Pablo
e Alba García
Bermúdez. E aínda hai outro neto de Edelmiro no oficio, José Mosquera García.
|


No hay comentarios:
Publicar un comentario