miércoles, 20 de junio de 2018

A peregrinación de 1920

  O luns 20 de setembro de 1920 tivo lugar a peregrinación do arciprestado de Berreo de Arriba. Uns 2.000 peregrinos segundo "El Ideal Gallego" (ou 3.000 facendo caso a "La Integridad") achegáronse a Santiago. Se outras veces a comitiva xa se organizaba nas rúas da cidade bastante cedo, ese ano non foi así porque unha avaría no autobús que levaba ao arcipreste (o sacerdote de Ordes don Nemesio Morgade Portela) e a outros 30 peregrinos importantes ocasionou un inesperado retraso.
  Acudiron a recibir á comitiva en Santa Clara os concelleiros santiagueses Rafael Otero Ramos e Vicente Goyanes Cedrón, o ecónomo de San Miguel dos Agros, don José Limia Rodríguez e o coadxutor de San Félix de Solovio, don José García Fernández.
  O deputado a Cortes polo distrito, Alfonso Senra, portaba o estandarte do grupo de homes, flanqueado por Pedro Concheiro Rodríguez e Juan Liñares Iglesias, que levaban as cintas. As portadoras do estandarte feminino eran as mesmas de 5 anos atrás: Carmen Mato (viúva de Astray López) xunto con Asunción Iglesias Rapela (muller de Antonio Concheiro) e Josefa García Rodríguez (muller do tamén médico Ignacio Castro) levando as cintas.
  Como era costume a Banda Municipal de Santiago ía acompañando musicalmente aos peregrinos que entoaban o himno do Apóstolo. Desde a balconada da Sala Capitular presenciou o desfile pola Praza de Alfonso XII o ilustrísimo Antonio Manuel Pereira Ribeiro, bispo de Funchal (Madeira), que tamén viñera visitar a tumba do Apóstolo e gañar o xubileo. Así que aproveitaría logo para escoitar a misa acompañado do seu secretario don Manuel Salvador e do padre José Marqués da Silva, mestre de cerimonias da catedral de Lisboa.


  Preto da unha da tarde fixeron os peregrinos a súa entrada na catedral onde foron recibidos por D. Emilio Macía Ares, D. Antonio Tobío Mayo e D. Santiago Tafall.
  A misa foi celebrada polo ecónomo de Poulo, don Celso Balo Porto, e dirixiu o rezo do rosario o sacerdote de Leira, don Jesús Mansilla Fernández.
  Esta vez o sermón correu a cargo de don Emilio Macía Ares loando o fervor relixioso dos "montañeses" e animándoos a perseverar no mesmo. Concluíu bendecindo as imaxes e obxectos piadosos dos romeiros. 
   
  Voou solemne o botafumeiro mentres os peregrinos entoaban o Himno Xacobeo. 
  Por certo que, para evitar dar o cante, este himno (con letra de Juan Barcia e música de Manuel Soler) fora ensaiado as noites precedentes na igrexa de Ordes. Baixo a batuta do polifacético Julio Pol (que servía tanto para un roto como para un descosido) un coro composto por Rita e Aurora Castro Bao, Pilar Romero, Sara e Clara Rivas, Carmen Barreiro, Piedad Carnota, Celia e Sara del Río Castro, Teresa e Sara Álvarez, Pilar Astray, Carmen del Río Barros e as fillas do director, Julia e Paca Pol, intentaron que a xente as seguira sen desafinar demasiado. Non sabemos se finalmente o lograron.

  O Arcebispo recibiu despois á comisión directiva e sacerdotes parroquiais de Berreo de Arriba aos que felicitou polo seu labor. 


  As parroquias de Barbeiros, Beán e Vilamaior-Olas pertencían a Barbeiros onde era arcipreste o párroco de Mesía don José Moscoso Carro. Eles fixeran a súa peregrinación varios meses antes, concretamente o mércores 13 de abril.

No hay comentarios:

Publicar un comentario