No ano 1910 na parroquia de Vilamaior tivo
lugar un suceso que hoxe pódenos parecer bastante bizarro.
Os protagonistas foron Lorenzo Viqueira
Sanjurjo, un home de 30 anos cazurro e agresivo -cousa nada rara na época-, e
María Núñez Moar, unha agraciada moza de Vilamaior.
Lorenzo, como se dicía elegantemente naqueles
tempos, "requiría de amores" á rapariga desde había tempo, pero esta
non estaba polo labor. A persistencia de Lorenzo era inútil ante a non menos forte obstinación
de María. De feito ela estaba cada vez máis aburrida das súas demandas e xa se
poñía de mal humor cando o vía.
O 2 de setembro de 1910 pola mañá Lorenzo achegouse unha vez máis a ela e acompañouna
cara á súa casa mentres insistía no tema. Unha vez máis María rexeitouno e a
situación foi derivando das palabras agres á violencia.
Completamente fóra de si, Lorenzo botoulle os
brazos ao pescozo coa intención de estrangulala, berrando:
- Ou es miña ou non serás de ninguén!!!
Na calor da pelexa rematou por tirala ao chan
e poñéndose de xeonllos sobre ela golpeouna con saña repetidas veces ata que a
deixou sen sentido.
Aquí acaba o lamentable para comezar o
estraño. Crendo que estaba morta, atoulle unha corda ao pescozo e arrastrouna
ata unha leira de millo onde a escondeu. Cubriulle a cara con herba (por que só
a cara?) e marchou camiñando coma un somnámbulo á súa casa. Ali, consciente da
barbaridade que cometera, decidiu suicidarse ese mediodía.
Nese momento demostrou que, ademais de
violento, era bastante chapuzas. Cortouse cunha navalla no pescozo e disparouse
un tiro que lle ocasionou a fractura do maxilar inferior pero que non logrou
acabar coa súa vida. Foi ingresado no hospital de Santiago ao día seguinte,
operado e encamado na sala de San Cosme durante un mes.
Por outra banda, María recuperou o
coñecemento e, andando a duras penas, dirixiuse á súa casa. Foi levada ao médico e,
a pesar da malleira que padecera, só tardou nove días en curar.
O xuízo tivo lugar case un ano despois, en xuño de 1911. O fiscal, Sr.
Hernández, considerou o feito como homicidio frustrado e pediu 9 anos de
cárcere, aínda que atopou unha atenuante en que, aparentemente, Lorenzo estaba
embriagado cando se produciron os feitos.
O avogado defensor, Sr. Vilas, comezou
negando a participación do acusado, pero finalmente aceptouna cualificando
unicamente o resultado como "lesións leves" e falando con gran
elocuencia das grandes calidades (?) de Lorenzo.
Agora chega o realmente estraño (polo menos
aos nosos ollos do século XXI): o xurado popular "comprou" esa versión,
nin sequera considerou o das lesións e declarou "non culpable" a
Lorenzo (teño a impresión de que non había ningunha muller nese xurado).
O fiscal pediu unha nova deliberación e, cando isto lle foi negado, solicitou a revisión do proceso con outro
xurado distinto.
O tribunal ditou sentenza absolutoria non
estimando pertinente nada do solicitado polo fiscal, iso si, consignando na
acta a súa protesta.
Así acabou este extraordinario suceso do que
só podemos extraer un pensamento positivo: ás veces a torpeza non é de todo negativa,
grazas a ela ninguén acabou morto.
No hay comentarios:
Publicar un comentario