Cerceda é o concello máis
setentrional da comarca, limitando coas comarcas costeiras de Bergantiños e A
Coruña das que está separada pola Serra de Montemaior
e os Montes do Xalo.
Ten una extensión duns 111 km2
repartidos en 6 parroquias, 4 occidentais (Rodís, Xesteda, Queixas e Cerceda) e 2
orientais (Meirama e As Encrobas).
A súa pertenza á comarca de Ordes
sempre foi dubidosa. Aínda que fisicamente só as 2 parroquias orientais -regadas
polo río Barcés e non polos
afluentes do Lengüelle- son alleas a ela, as historicamente malas comunicacións
coa vila de Ordes e a proximidade con Carballo e A Coruña ocasionou que non
houbera moita relación humana ata tempos relativamente recentes.
O terreo alcanza as maiores alturas
no NO do concello na Serra de Montemaior que chega case aos 600 metros no Alto de Cedeira.
No NE alcanza menores pero tamén altas cotas nos Montes do Xalo. Entre ambas as
dúas serras esténdese a fonda depresión de Meirama, formada no mioceno e
ocupada polo río Barcés, onde se ubicaba un gran xacemento de lignito pardo.
Cara ao sur o terreo descende
suavemente, manténdose en alturas entre os 300-400 metros e só baixando
dos 300 nos vales fluviais dos regatos que desaugan no río Lengüelle, fronteira natural co
concello de Ordes.
Esta suavidade do relevo meridional
ten que ver coa composición do terreo formado polos chamados xistos de Ordes. En cambio toda a zona
norte está composta de granodioritas, rochas graníticas que afloran facilmente
á vista nas zonas máis altas.
(Preme para ver máis grande)
O clima
como no resto da comarca, é oceánico hiperhúmido.
A poboación rolda os 5.000 habitantes. En 1970 chegou aos
7.500 pero desde entón houbo un continuo descenso
que non detiveron as importantes empresas nel instaladas (a Central Térmica de Meirama e a planta
de tratamento de residuos da empresa Sogama).
Hai paisaxes de gran beleza coma os que rodean os encoros de Vilagudín e Vilasenín, e algúns
con formacións rochosas singulares.
Os numerosos castros proban unha temperá
ocupación do territorio. No da parroquia de Cerceda foi atopado un torque de
ouro que figura no escudo heráldico do concello. Tamén conta cun interesante patrimonio civil e relixioso. Hai 3 pazos: Lavandeiras, Gontón (que foi trasladado pedra a
pedra e onde agora están as oficinas de Limeisa) e Boado (que pese a ser
declarado BIC é o que está en peor estado). A igrexa máis notable é a de Santo
André de Meirama, construída no século XII e
reformada en 1720.
A das Encrobas tamén foi trasladada pedra a pedra ata a súa actual ubicación.
Unha importante atracción turística
é o parque acuático Aquapark a carón do polígono
industrial do Acevedo.
Cerceda é un concello que sufriu
profundas transformacións, mesmo xeográficas, desde finais dos anos 70 por mor
do seu xacemento de lignito. A mina, progresivamente máis extensa e profunda,
foi desprazando pobos da zona. Os seus cascallos crearon un novo e enorme
outeiro e a refrixeración da central térmica obrigou á construción de dous
encoros que aportaron nova fauna e flora. Por fin, cando o xacemento se
esgotou, o gran burato foi convertido nun lago que ata alterou o microclima
na zona.
No hay comentarios:
Publicar un comentario