Poderiamos dicir que o rei dos arbustos na
comarca (e en toda Galicia) é o TOXO,
ou mellor toxos en plural, porque son dúas as especies, aínda que a súa
distinción é difícil: o toxo maior ou arnal
(Ulex europaeus) e o toxo menor ou toxo femia
(Ulex gallii). Ambos os dous determinaban a paisaxe da comarca, a súa estrutura
e mesmo a súa cor grazas ás rechamantes flores amarelas que posuen (o toxo
maior durante o inverno e a primavera e o menor na primavera e o verán). Aínda
que actualmente está en retroceso, segue a ser moi abundante.
Outro arbusto sumamente abundante é a XESTA. Tamén neste caso hai dúas
especies: a xesta común ou xesta
brava (Cytisus scoparius -en castelán retama negra-)
e a xesta mansa (Cytisus striatus).
Na nosa zona usábanse principalmente para a fabricación de vasoiras, ata o
punto de que a palabra "xesta" pasou a ser sinónimo de vasoira. Tamén
como combustible para a lareira ou os fornos de pan e como tellado dos
"cabanotes" (unha especie de hórreos non permanentes que existiron
ata os anos 60). Nas montañas orientais de Galicia tamén se usaba como estrume.
Segue a ser abundante e nalgúns lugares
como o Mesón do Vento pode haber enormes exemplares.
O CODESO
(Adenocarpus complicatus) debeu ser tamén moi abundante no pasado. Hoxe non o
é, aínda que tampouco é raro nin dificil de atopar. Parécese superficialmente á
xesta.
Bastante menos común é a xilbarbeira (Ruscus aculeatus -rusco-), tamén chamada rascacú e, na nosa comarca, carrasco -ao igual que un tipo de queiroa-. Destaca polas súas baias vermellas. Antigamente empregábase para facer vasoiras.
Tamén arbustos (aínda que ás veces de moi
pequeno tamaño) son as ericáceas, chamadas así porque o nome científico da
maioría das especies empeza pola palabra Erica. En castelán son brezos e en galego reciben múltiple nomes: QUEIROA, queiroga, uz, urce ...
As pequenas e fermosas flores de cor rosa
forte ou púrpura son parte do seu encanto, lástima que non duren demasiado
tempo. É difícil para un profano distinguir unhas especies doutras. O Carrasco (Erica cinerea) e a carroucha (Erica umbellata) son moi
comúns en calquera matogueira sobre chans non encharcados -e Erica cinerea, ás
veces, tamén nestes-.
A SILVA,
pertencente á familia das rosáceas, é unha planta moi invasiva con longos talos
cheos de espiñas. Tamén hai varias especies. As máis habituais son a silva común (Rubus fruticosus) e a silva mediterránea (Rubus ulmifolius). Antigamente
reservada aos valados, onde os rapaces as buscaban para saborear as súas ricas moras, na actualidade invadiu moitos
montes e terreos baldíos.
Arbustos tradicionalmente usados para os
valados eran o mirto (Myrtus
communis) e o buxo (Buxus
sempervirens -boj-) -que ademais era empregado na fabricación de gaitas-. Hoxe foron case
totalmente substituídos polas tuias
(Thuja). Nas zonas moi húmidas medran os vimieiros ou vimbieiras que antigamente fornecían o vime, o material do que se facían os cestos e que era toda unha artesanía típica que hoxe desapareceu case totalmente.
Finalmente tamén podemos atopar na comarca
arbustos foráneos de recente introdución.
Moi abundante é o arbusto das bolboretas (Buddleja davidii), chamado así porque estes insectos síntense moi atraídos polas súas flores. Procede de China e
Xapón e ten colonizado a maioría do territorio. A pesar da súa beleza, desde
2013 está prohibida a súa posesión, transporte, tráfico e comercio, cousa que
non lle parece afectar en absoluto.
Outro arbusto foráneo é a cortadeira, herba das pampas ou rabo de raposo
(Cortaderia selloana). Chegou como planta ornamental (de feito, usouse como adorno nas medianeiras da AP-9) pero
pronto invadiu outros espazos. Actualmente hai unha forte loita contra ela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario