Xa temos dito algunha vez que a principios do
século XX a xente era bastante incivilizada e a comarca de Ordes non era a
excepción. Sabémolo porque había unha gran cantidade de xuízos por agresións e
lesións e os casos máis notables saltaban continuamente á prensa.
Chegábase ás mans con facilidade e non só ás
mans. Todos os homes e aínda os adolescentes adoitaban levar navalla, tamén
eran frecuentes os bastóns ou varas, xeralmente rematadas nun groso vulto, que
servían como un garrote en caso de pelexa. Ademais, un detalle que nos pode parecer
sorprendente a día de hoxe e que nos fai evocar as vellas películas do oeste,
é que tamén había bastantes armas de fogo.
Iso si, a puntería non estaba ao nivel dos
pistoleiros americanos. Hai máis noticias de accidentes con armas que de
feridos intencionados. Por exemplo, nos Carballos o 23 de xullo de 1911, José
Muíño Calviño, mozo de 20 anos de Campo (Trazo), enfadado porque un tal Antonio
Camba se negara a abonarlle un boliche de gasosa que lle comprara, disparoulle
tres tiros que nin o rozaron pero que atravesaron a ferrocarrilana que pasaba
por alí naquel momento (milagrosamente tampouco ningún pasaxeiro resultou
ferido). O asunto acabou con tres persoas no cárcere: José, Manuela Remuiñán de
Oroso e Domingo Picón Liñares de Trazo, estes dous últimos por tentar encubrilo
e esconder a pistola.
Non máis hábiles resultaron varios mozos de
Sigüeiro que en setembro do mesmo ano
cruzaron entre eles varios disparos. Ningún resultou ferido, pero dous acabaron
no cárcere: Juan Balado e Miguel Berdomás.
Bastante máis precisión había coa navalla.
Como exemplo, en 1902 Juan Regos Caramelo (si, o futuro marido de Angustias
Viqueira) foi ferido de gravidade por Manuel del Río Campos. Outras veces usábase o que se tiña á man:
en xaneiro de 1911 nun mesón que Pedro Rodríguez tiña preto da igrexa de Mesía,
Manuel Sánchez Mosquera atacou cun galleto a Bernardo Uzal feríndoo na cabeza
(que debía ser dura porque recuperouse nun mes).
Pero onde de verdade había nivel era co garrote, tamén chamado moca. Todo o mundo andaba con elas e empregábanse con frecuencia. Podía dar fe José Garaboa que tardou 25 días en recuperarse dunha malleira que lle propinaron José Botana Rey e Manuel Louro Rodís na feira da Adina en abril de 1911.
Pero onde de verdade había nivel era co garrote, tamén chamado moca. Todo o mundo andaba con elas e empregábanse con frecuencia. Podía dar fe José Garaboa que tardou 25 días en recuperarse dunha malleira que lle propinaron José Botana Rey e Manuel Louro Rodís na feira da Adina en abril de 1911.
Tamén era a arma preferida nas pelexas masivas. Estas non só eran frecuentes senón cotiás.
Practicamente non había unha reunión festiva de calquera clase que non acabase
con mozos de distintas parroquias enfrontados (de feito unha vez un xornal
felicitou a Ordes polo sorprendente de que nas súas festas dese ano non houbese
ningunha pelexa, o que demostraba "cuan
progresiva era la villa").
Obviamente as parellas da Garda Civil
mantiñan a orde coa súa presenza pero os mozos esperaban a que se retirasen (e
ás veces nin iso) para comezar as hostilidades.
En maio de 1902 a romaría de Cestaños
viviu unha gran pelexa que acabou con 4 mozos de Parada detidos: Manuel del
Río, Juan Liste Castro, Antonio Padrón e Benito Fraga.
O verán do ano 1905 viu unha liorta monumental
entre os mozos de Mesía e Abellá que acabou con moitos feridos e con 8 dos seus
promotores detidos: José Uzal, Andrés Suárez, José Presedo, Antonio López, José
Sánchez, Bernardo Blanco e os irmáns Antonio e Ramón Quindimil.
En xuño de 1909 na romería de Cabrui outra
liorta rematou coa morte de Jesús Sánchez Peña. Foron acusados tres veciños
seus: Juan Lata Lata, Manuel Riobó García e José Cernadas Ares
"Patiño". No xuízo, celebrado en 1910, foron absoltos por considerar
que Sánchez e os seus amigos foran os provocadores e os paus que repartiran a granel estaban
xustificados.
En agosto de 1911 nas festas de Oroso houbo
outra pelexa entre mozos de Pena e de Barreiro. José Dono Rial, mozo de 20 anos,
quedou gravísimo por sufrir un garrotazo na cabeza, pero o agresor, Antonio
Míguez, resultou ser do mesmo lugar (ignoramos se a agresión foi intencionada
ou é que na calor da refrega pegaba indiscriminadamente ao que tivese
diante).
Tampouco as mulleres se libraban. En 1912 María Lata Paz, preocupada porque Ramón Blanco non pisara unhas coles cando pasaba por un carreiro no medio da súa leira, púxose diante del e comezou unha discusión que rematou cando recibiu un pau co sacho que el levaba. En
xaneiro de 1913 houbo un suceso case calcado do anterior: Carmen Pallas, de Ordes, enfadouse porque Rosendo Becerra Lamas,
un veciño que, polo que se ve, debía ser máis bruto co anterior, atravesaba por unha
das súas leiras. Foi a recriminarllo airadamente e levou varios garrotazos que a deixaron lesionada. Os dous asuntos remataron, como era habitual, no xulgado.
Tamén eran frecuentes os altercados dentro das familias. Ignacio Calviño denunciou a dous irmáns e ... á súa propia nai! por golpealo despois dunha discusión pola propiedade dunha leira no verán de 1911.
Tamén eran frecuentes os altercados dentro das familias. Ignacio Calviño denunciou a dous irmáns e ... á súa propia nai! por golpealo despois dunha discusión pola propiedade dunha leira no verán de 1911.
Podería pensarse que o baixo nivel cultural
da maioría da poboación tiña que ver con esta violencia. Probablemente, pero
non en todas as ocasións. Por exemplo en Santaia de Gorgullos tivo lugar un
caso moi comentado no que os protagonistas foron o mestre de escola Edilberto
Cid González e o coadxutor da parroquia (!) Joaquín Torre Silva. O mestre foi
detido en agosto de 2011 en Santiago e ingresou no cárcere por "homicidio
frustrado". Hai que dicir en defensa do gremio do ensino que foi absolto
no xuízo, pero polo si ou polo non Edilberto marchou ben lonxe da nosa comarca,
concretamente á escola de Goente (A Capela).
As cousas non ían mellorar nos anos
seguintes, moi ao contrario. A tensión política iría en aumento e sería outra
causa engadida que mantería altos os niveis de violencia.
No hay comentarios:
Publicar un comentario