lunes, 14 de agosto de 2017

O consistorio novo

  No  ano 2010 comezou a construción do consistorio novo (aínda que oficialmente só é unha ampliación do vello). Neste caso quizais é máis interesante a súa xénese que o edificio en si.

  Todo empezou en maio do ano 2007 coa chegada ao poder de Manuel Regos, á fronte dunha heteroxénea coalición de goberno. Disposto a deixar a súa pegada no concello, emprendeu, xunto a Roberto González (edil de Urbanismo), unha política de grandes obras como a remodelación da alameda ou o paseo do río Mercurín.

  A pesar da crise económica que pesaba no ambiente, considerou prioritario ampliar o vello consistorio para convertelo "nun edificio do século XXI adaptado ás necesidades dos veciños de Ordes".
  O proxecto presentouse en outubro de 2008. O seu custo era de 1,38 millóns de euros (600.000 achegados pola Consellería de Presidencia). O 50 % aproximadamente sería para o novo edificio de case 890 m2 que integraría paneis solares de aforro enerxético e eliminaría todas as barreiras arquitectónicas.
  Este consistorio con soto e tres plantas (con ascensor), comunicadas por pasarelas co vello inmoble, albergaría os diversos servizos de atención ao público, quedando aquel para a parte gobernamental e protocolaria do Concello.

  A oposición clamou contra  o proxecto pero iso era esperado e non inmutou a Regos. O primeiro problema real foi que o novo edificio implicaba un cambio nas normas subsidiarias de Ordes, pois o lugar constaba como zona verde. Así que en febreiro de 2009 houbo un pleno para cambialas e logo a Xunta aprobou ese cambio.
  En setembro de 2010 comezaron as obras. A oposición, que sostiña que eran un "ataque neurálxico ao centro do pobo", gastou o último cartucho: Gonzalo Castro (BNG) presentou unha moción na que instaba a Regos a volverse atrás e reorientar o investimento. Jesús Pampín, concelleiro do PSOE, uniuse ao BNG e ao PP, pero, nun deses típicos xiros da política ordense, José Luis Díaz Hermida (PP) tamén rompeu a disciplina de partido e votou co goberno, así que a moción foi rexeitada.


  En 1911 as obras do novo edificio xa estaban rematadas e ía comezar a rehabilitación do vello inmoble que deparou desagradables sorpresas, xa que a estrutura estaba máis deteriorada do que ninguén podía imaxinar ... pero esa xa é outra historia. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario