Realmente debemos falar de toxos en plural,
porque son dúas as especies, aínda que a súa distinción é difícil: o toxo maior
ou arnal (Ulex europaeus) que, como o seu nome indica, pode alcanzar grandes alturas e o toxo menor ou toxo femia (Ulex gallii).
Ambos os
dous configuraban a paisaxe da comarca, a súa estrutura e mesmo a súa cor grazas
ás rechamantes flores amarelas que posuen (o toxo maior durante o inverno e a
primavera e o menor, máis tardío, na primavera e o verán).
Antigamente o toxo tiña unha enorme
importancia económica. De feito, sementábase como outra planta calquera. No
verán íase ao monte para cortar o toxo, levando un gabillo e unha galleta. Co
gabillo cortábanse as puntas do toxo porque era onde tiña máis nabiña (semente). Agrupábanse en feixes e
despois cargábanse no carro coa galleta. Ao chegar ás casas poñíanse as legumes
do toxo nunha manta a secar. Unha vez seca, mállabase para gardar a semente.
Os montes sachábanse cun legón moi pesado. Era un traballo durísimo (os homes máis fortes
podían sachar ata medio ferrado ao día -pero eran poucos-). Logo queimábanse os
terróns (rozas) para que a borralla abonara a terra. Alí plantábase o trigo e,
despois de recollelo, sementábase toxo e piñeiros.
Coa necesidade que había, o toxo non se
deixaba medrar demasiado. Cortábase cando era tenro e usábase para estrar as
cortes dos animais. Mesturado cos excrementos convertíase no esterco, o único abono que se
empregaba.
Cada certo tempo baleirábanse as cortes e
levábase o esterco ás leiras co carro. Alí esbardallábase (espallábase por todo o terreo) para
alimentar ata o último recuncho da finca.
Este ciclo era respectuoso coa natureza.
Aproveitaba ao máximo todos os recursos e non desperdiciaba nada. Isto durou
ata os anos 50-60 do pasado século.
Pero os tempos cambiaron. Coa modernización
do campo (introdución de maquinaria, novos abonos -o famoso
"nitramón"-, chan de formigón nas cortes ...) o toxo foi perdendo
progresivamente a súa importancia. Xa non era necesario como estrume.
Abandonado á súa sorte, igual que a maioría do territorio, o toxo medrou sen
control ata alturas desmesuradas, dominou os montes e converteuse no principal
combustible dos incendios forestais. De ser imprescindible pasou a ser un
problema.
A antiga ditadura do toxo na comarca hoxe
está en discusión. Segue sendo abundante loxicamente pero xa é difícil ver as
extensas toxeiras de outrora. Non parece convivir tan ben co eucalipto como o
facía cos piñeiros e claramente vai a menos en todas partes.
Para os que vivimos esta decadencia do toxo é
sumamente sorprendente ver que tamén emigrou -galego coma nós ao fin e ao cabo-
e que lle vai ben noutros lugares. Iso si, non é un inmigrante querido: está na
lista das "100 especies exóticas invasoras máis daniñas do mundo".
Coñecido en América Latina como retamo espinoso
causa bastantes problemas á flora local como podedes ver neste vídeo da televisión colombiana.
No hay comentarios:
Publicar un comentario