lunes, 8 de agosto de 2016

O cemiterio novo


  Xa nos anos 80 do século XX era patente a necesidade dun novo cemiterio. O antigo estaba cheo e as novas familias que chegaran á vila a partir dos anos 60 tiñan que enterrarse nos seus lugares de orixe ou noutras parroquias próximas. Ademais os novos hábitos facían tamén imprescindible un tanatorio para os velorios.
  Por fin se levou isto a cabo nos anos 90. O concello, do que era alcalde naqueles tempos Teodosio Martino, elixiu o lugar do Balado e encargou as obras en 1994 á empresa arzuana "Construcciones Chofricas SL". Os traballos empezaron no ano 1996 e, tras diversas polémicas, no verán de 1998 estaba rematado o tanatorio e as dúas primeiras mazás de nichos.
  Xa en setembro do 1998 foi soterrada nel a primeira persoa: dona Jovita Suárez Rivas (nai de Suaricos).
  As polémicas xurdiron do aluguer a 50 anos, en vez da propiedade perpetua dos nichos e da uniformidade estilística que se pretendía e que, desde logo, non se logrou.


  Os primeiros anos "Chofricas" (aínda que con outro nome) encargouse da xestión do cemiterio, ao mesmo tempo que se ían construíndo novas mazás, pero a nova corporación, ao mando de Manuel Regos, insatisfeita coa empresa asumiu a xestión directa do cemiterio a partir de decembro de 2007.
  No ano 2009, cun custo de máis de 800 mil euros, renovouse o tanatorio e engadíronse novas salas de velorio (ata chegar ás catro) e diversas melloras.  
  En xuño de 2017 aumentouse o aparcadoiro. Pasou de ter 4.600 m2 a 6.850 m2 (máis de 200 prazas de estacionamento).
  A finais do ano 2021 a empresa "Construcciones Siber" iniciou as obras de 96 novos panteóns na zona oeste.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario