lunes, 15 de agosto de 2016

Informe meteorolóxico 2015

  Na páxina de MeteoGalicia temos á nosa disposición o informe meteorolóxico anual -ou mes a mes- de Galicia. Vexamos agora un resumo do ano 2015.

TEMPERATURA
  O valor da temperatura media foi case un grao (1.0ºC) superior ao valor medio (período de referencia 1971-2000), destacando especialmente os meses de novembro e decembro, moito máis cálidos que o propio desta época. Cabe polo tanto cualificar ao 2015 en conxunto como un ano cálido.
  Agás Mesía e zonas altas de Ordes, Cerceda e Tordoia, que baixaron dos 12ºC, a maior parte da comarca superou os 12ºC de media e gran parte dos concellos de Trazo e Oroso superaron os 13ºC de media.
 Febreiro foi frío. Abril, maio e xuño foron cálidos. O outono proseguiu con temperaturas, que deron lugar novamente a un outubro cálido en xeral para toda Galicia. Novembro e decembro remataron o ano, con temperaturas elevadas, aínda que cabe destacar o excepcional que resultou o mes de decembro, no que se acadou a anomalía de temperatura máis alta dende 1961, tanto para as máximas como as medias, e para as mínimas foi o segundo decembro máis cálido moi preto de 1989.

PRECIPITACIÓNS
 En canto ás precipitacións, o ano 2015 foi seco, cunha porcentaxe do 26% por debaixo do habitual. O ano anterior máis seco foi 2007.
  Os tres concellos centrais tiveron en moitas zonas entre 1000-1200 mm (mesmo a zona das Encrobas baixou de 1000 mm) mentres que os 4 concellos periféricos estiveron por enriba dos 1200 mm anuais.
  Xaneiro destacou por presentar dous episodios chuviosos moi concentrados, nos días 15 e 30 do mes. Marzo e abril foron secos. Xuño acadou a categoría de moi seco, destacando a provincia de Coruña, na que non chegou a haber nin un 20% da precipitación normal para esta época do ano. Xullo tamén resultou seco. En cambio agosto foi máis chuvioso do normal. Pero o ano rematou con dous meses de novembro e decembro secos en xeral para toda Galicia.

No hay comentarios:

Publicar un comentario