domingo, 28 de abril de 2024

Vodas en 1955

  En 1955 houbo tres vodas que apareceron na prensa.
  A primeira tivo lugar o 14 de marzo na capela de San Roque en Pontevedra. Os contraentes eran María Jesús Pemán Couceiro, de distinguida familia pontevedresa, co mozo ordense Pedro Pardo Villaverde da familia Pardo de Merelle, que naqueles tempos tiña 30 anos e era médico en Puertollano.
  A noiva con traxe branco e veo de tul ilusión entrou no templo do brazo do padriño, o notario santiagués Manuel Pardo de Vera, mentres el ía acompañado da súa irmá maior Ramona Pardo Villaverde. O oficiante foi o capelán da Armada don Jesús Cea Buján. Despois da íntima cerimonia os asistentes foron obsequiados no Casino de Pontevedra cun lunch.
  O matrimonio tería un fillo, Pedro Luis, pero non duraría moito. Manuel volvería casar con Mª Rosario Naredo coa que viviría en Xixón e coa que tería outro fillo, ata a súa morte en 1983.
 
  A segunda voda tampouco tivo lugar en Ordes, senón en Santa Lucía da Coruña. Foi o sábado 28 de maio. Casaban Mª Ángela Beatriz Mollón Ábalos con Ramón Liñares Castro. A noiva foi con traxe de glasé e tocado de tul ilusión do brazo do seu pai Ángel Veiga Mollón. O noivo ía compañado pola súa tía Rita Castro Bao lucindo con donosura unha mantilla española. O oficiante foi o párroco de Ordes don Joaquín Andrade Orza.
  Representou ao xuíz o irmán do noivo e alcalde de Ordes Juan Liñares castro. Asinaron como testemuñas por parte da noiva Luis Lorman Mollón, Enrique Mariñas Romero, Luis Pardo García, Venancio Carro Amil, Juan Ripoll, Cayetano Orch e Pablo Campos Manrubia. Por parte do noivo asinaron Ramiro Oubiña Regueiro, Manuel Liñares Castro e Pablo Fonteche.
  O banquete foi nun céntrico restaurante. Despois os noivos sairían de lúa de mel por diversas localidades de España e Portugal.
  Creo que este matrimonio non foi un éxito porque Ramón emigraría pouco tempo despois a Venezuela, onde segundo informacións fiables traballou de proxeccionista nun cine. Mª Ángela morrería na Coruña no ano 2003.
 
 
E por fin a última voda esta vez si foi en Ordes e tivo lugar o 17 de setembro na igrexa parroquial.
  Casaron Mª de las Mercedes Mariño Iglesias, de coñecida familia ordense, co prestixioso avogado santiagués de 28 anos Ramón Ríos Silva, fillastro de José Pampín Guerrero.
  Aos acordes da marcha nupcial de Mendelson fixeron a súa entrada. Mercedes, que lucía un traxe de nylon con tocado de gardenias, ía do brazo do seu medio irmán Francisco Mariño Vilela, representando a outro irmán, José Mariño Iglesias, porque este último estaba en América. O noivo ía acompañado da súa nai Avelina Silva Alvela.
 
  Levaron as arras os nenos Mª Ángeles Astray Mariño e Carlos Mª Poyán Álvarez.
  Oficiu a cerimonia o párroco don Joaquín Andrade Orza que deu unha "sentida plática" glosando, como non, as virtudes do matrimonio. Non faltou o "Ave Maria" de Gounod.
  Representou á lei o avogado Manuel Astray Rivas, cuñado da noiva, e asinaron a acta como testemuñas Guillermo Poyán Vega, Fernando Solórzano Rodríguez, Manuel Mariño Vilela, Juan Chacón Blanco, Benigno Méndez Montero e Viriato Lamas Gutiérrez por parte da noiva. Por parte do noivo asinaron José Pampín Guerreiro, Fernando Concheiro García, Julio Collado Solís, Ricardo Ríos Martínez, José Luis Lorenzo Lorenzo e José Llovo Fernández.
  Ao rematar a cerimonia os asistentes foron obsequiados cunha merenda fría no salón dos Lagartos pero amenizada por unha orquestra. A festa e o baile prolongáronse ata media noite.
  Os xa esposos partiron de lúa de mel por varias capitais. Á volta instalaríanse en Santiago. O matrimonio tería dous fillos, Mª Mercedes e José Ramón, e sería longo pois durou 40 anos ata a morte de Ramón en 1995.

No hay comentarios:

Publicar un comentario