martes, 16 de abril de 2024

O ano 1955

  En 1955 continuaba a Guerra Fría e Estados Unidos pasou o ano explotando bombas atómicas en Nevada. Tamén o RU, que contemplou a dimisión de Winston Churchill, anunciou plans para producir bombas de hidróxeno. Na URSS igualmente dimitiu o primeiro ministro, Georgi Malenkov, substituído por Nikolái Bulganin. En marzo Nikita Jrushchov foi nomeado secretario xeral do PCUS e en maio, como resposta á unión da RFA á OTAN, apareceu o Pacto de Varsovia. Arxentina, despois dun golpe de estado fracasado en xuño que causou máis de 300 mortos, viviu en setembro outro levantamento militar exitoso -a "Revolución liberadora"- que acabou co goberno de Perón, substituído polo militar Eduardo Leonardi. En Asia o xeneral Ngo Dinh Diem deu un golpe de estado apoiado pola CIA e proclamou a República de Vietnam do Sur en Saigón. Iniciarían así as primeiras hostilidades da Guerra de Vietnam.
.
 
  Outras novas foron o terrible accidente nas 24 horas de Le Mans que deixou máis de 80 mortos e o xesto de Rosa Parks en Montgomery (Alabama) de non ceder o seu asento a un home branco no autobús, fito na loita contra a segregación racial nos Estados Unidos.
  1955 foi un ano de impresionantes películas como "East of Eden" ou "Rififi" e de grandes baladas como "Only you" e "The great pretender" de The Platters ou "Unchained Melody", pero tamén da roqueira "See you later alligator" que levarían ao éxito Bill Haley & His Comets. Ah! e tamén apareceu o Libro Guinness!
 
  Para España 1955 supuxo o último paso do recoñecemento internacional do Réxime coa entrada na OCDE en xaneiro, a visita do secretario de Estado dos USA Foster Dulles en novembro e finalmente a entrada na ONU en decembro. Aparentemente había tranquilidade social pero o activismo estaba penetrando nas universidades. Tamén a economía melloraba, pero ao mesmo tempo subían os prezos e as condicións de vida seguían sendo duras. Unha pequena alegría foi lograr o campionato mundial de hockey sobre patíns, o único deporte no que destacabamos.
  1955 foi o ano no que sorprendeu "El Jarama" de Sánchez Ferlosio, unha novela de forte impacto no seu momento, aínda que agora estea esquecida. Foi o ano da gran película "Muerte de un ciclista" de Javier Bardem na que aparecía unha escena de protestas universitarias (como as que virían en 1956). Por suposto houbo máis películas de gran nivel como "Los peces rojos" e "Orgullo" e outras de maior éxito comercial como "Historias de la radio" ou "Recluta con niño". Tamén foi o ano de "Matilde, Perico y Periquín", un serial radiofónico costumista patrocinado por Cola-cao e onde aparecía a mítica canción promocional do negrito del África tropical.
 
  En Galicia Franco recompensaba os servizos ao Réxime do empresario Pedro Barrié de la Maza creando o condado de Fenosa. Nese ano Fenosa absorbeu á Sociedad General Gallega de Electricidad e inaugurou o encoro de Peares, inauguración protagonizada polo propio Franco, que repetiría co Hospital Xeral de Vigo. Tamén había actividade industrial no Ferrol coa empresa Bazán botando barcos de guerra como o Meteoro ou o Osado. Un pequeno fito cultural foi que en marzo na Facultade de Filosofía y Letras de Madrid creouse a cátedra Rosalía de Castro para o estudo da lingua, literatura e historia galegas.
 
  Ordes chegaba ese ano aos 11.800 habitantes de feito, dos que 2.100 vivían na vila. Foi un ano cheo de acontecementos. 
XANEIRO: Naceu a 1ª filla (Emilia) do matrimonio formado por Mª Luisa Liñares Martiáñez (irmá do bailarín Juanjo) con Emilio del Río Sánchez, correspondente de La Voz en Ordes. O equipo do Ordes quedou en 2º posto na liga 54-55. Atropelados por un camión cando saían dun bar Manuel Noya Liaño de 27 anos e José Mosquera Liste de 17. Morreu en Beán Francisca Lata Pérez aos 87 anos.
FEBREIRO: Novo adestrador para o equipo de Ordes: Antonio Villar Chao. O domingo 20 no inicio doutro torneo Rexional Serie A o equipo de Ordes empatou 0-0 co de Viveiro (debutante na categoría) en Vista Alegre. Chegada da imaxe da Virxe de Fátima.
MARZO: A raíz do partido Órdenes - Eumesa, multado o noso equipo por ser agredido o árbitro fóra do terreo de xogo. Cruzada do Rosario do Padre Peyton en Ordes. Voda en Pontevedra do médico ordense Pedro Pardo Villaverde con Mª Jesús Pemán Couceiro.
Morreron Dorinda Reboredo del Río aos 31 anos en Leira, e Francisca Pazos Boquete aos 76 anos en Lesta. Na vila faleceu Manuela Mosquera Barreiro, nai de Fernanducho, aos 79 anos.
ABRIL: Solta de pombas mensaxeiras en Ordes por columbófilos vigueses. Morreu o 9 de abril Piedad Carnota Soto, presidenta da Congregación das Fillas de María, filla da mestra doña Juanita e sobriña de Vicente Carnota.
MAIO: Voda de Ramón Liñares Castro. Morreu o día 4 Cándido Mosquera Barreiro, párroco de Abellá, aos 73 anos e Francisco Bouzas García aos 77 anos en Ardemil. Numerosos anuncios en prensa do Bar Antón (o Túnel).
 
 
XUÑO: Detida a parella de ladróns ordenses Manuel Seoane García e Consuelo Rey N. Morreu en Buscás Andrea Castro (da familia Cancelada Calviño) aos 81 anos.
XULLO: Incendio de 5 toneladas de palla no Parrote, propiedade do ordense Juan Ríos García Rada. Antonio Villar Chao deixou o CD Órdenes para adestrar ao Juvenil da Coruña e sería substituído por Neira. Jesús Regos Candal (bailando con Jesusa Ríos Vidal?) obtivo o 2º premio nas festas do Apóstolo en Santiago. O día 7 morreu José García Boquete, patriarca dos Garcías do Casal.
AGOSTO: Visita do Gobernador Civil a Mesía para inaugurar a Casa do Concello (do arquitecto Reboredo). Visita do director xeral da Garda Civil Pablo Martín Alonso ao cuartel de Ordes. Pasou a Volta a Galicia por Ordes con porto puntuable no Mesón (que gañou José Molina) e meta voante en Ordes (que gañou Couceiro). Pedida de man de Mª Mercedes Mariño. Festas patronais coa Banda de Arca e a Orquesta X ademais de partido contra o Deportivo. Nas festas de Santa Margarida na Coruña o ordense Jesús Regos Candal obtivo dous premios, un bailando coa ordense Jesusa Ríos Vidal e outro coa coruñesa Maruja Ferreiro Lema.
SETEMBRO: Novo secretario do xulgado Jesús Cristín Castro (estaría ata 1971). Voda de Mercedes Mariño Iglesias con Ramón Ríos Silva. Unha liorta ao volver da feira da Adina deu con tres ordenses feridos no hospital. Morreu atropelada Encarnación Golán García.
OUTUBRO: Roubado -e recuperado intacto ao día seguinte- na Coruña o taxi Plymouth (valorado en 75.000 pesetas) de José Ferreiro Recouso do Ramecho. Homenaxe a Vicente Carnota polo centenario do seu nacemento. Morreu en Leira Domingo Brandariz Fuentes aos 66 anos.
NOVEMBRO: Visita pastoral do cardeal Quiroga á comarca de Ordes. Grave accidente de tráfico en Oroso cun ferido atendido e operado no Sanatorio Concheiro polo doutor Baltar. Morreron Antonio Iglesias Gómez en Ordes aos 40 anos e José Veiras Mosquera aos 75 anos en Poulo.
DECEMBRO: Naceu Nel Astray Mariño. Actuación da agrupación "Aturuxo" e do humorista José Pérez Rodríguez "Eumedre" no Salón Moderno. O equipo de Ordes derrotou en Vista Alegre ao Santiago por 5-1. Morreron Ramón Gestal Fraga aos 75 anos en Leira e Jesús Carballido Noya, patriarca dos Carballidos de Poulo, aos 73 anos en Poulo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario