José María Riveira naceu no Vicedo (Lugo) en 1922. De mozo emigrou xunto co seu pai á República Arxentina onde espertou
o seu interese pola fotografía e onde iniciou a súa formación.
Regresou a España para facer o servizo
militar e xa non marchou. Aproveitando os seus coñecementos traballou como
fotógrafo no Ferrol e Vilalba, pero finalmente acabou instalándose en Ordes en 1949. Viviu e traballou na casa do Ribacho no Recreo ata finais dos anos 70 en que se trasladou
á Rúa da Fonte onde montou un laboratorio e unha tenda de fotografía.
Casado
con Francisca Román Martín
(1928-2002), con ela tivo catro fillos: José Francisco, Víctor, Ana e Rosi.
Durante os seus primeiros anos en Ordes José
Mª e a súa muller traballaron sobre todo facendo ampliacións. Percorreu as
aldeas da comarca primeiro en bicicleta e logo en moto recollendo fotos de carné
para transformalas en retratos familiares, un labor artesanal que combinaba
arte e técnica, pintura con fotografía. Pouco a pouco os clientes foron
demandando novo material, así que tamén fixo fotos de estudio, fotos para
carnés e retratos individuais para mandar a familiares que emigraran a América
ou Europa.
Tamén deixaba algunha cámara a mozos de Ordes
(Manuel Caramelo Pena, Leandro del Río Naveira e David Faya Rodríguez) para que
fixeran fotos polos arredores da Alameda os domingos e festivos.
Naqueles anos 50 practicamente a única
competencia que tiña en Ordes era "Foto
Novío" (Mariano Novío Morillo e o seu fillo Carlos Novío Lousa), un
estudio con sede en Betanzos pero que tamén tiñan un local nos Lagartos -e
despois no "Bar Caribe" en Alfonso Senra- que se mantiveron en Ordes
ata 1970.
Xa nos 60, coa mellora da economía, Riveira comezou
a centrarse no revelado dos carretes e nos actos sociais: vodas, bautizos e
comuñóns e, nos primeiros tempos, funerais (aínda que hoxe poida parecer
macabro).
En 1970 marcha Novío de Ordes pero aparece na
vila nova competencia en 1975 con Fernando
Carvajal López (1936-2011), un xixonés que monta un estudio na Rúa
República Arxentina ata que cerrou en 1992. Ese mesmo ano José Luis Cobas Domínguez puxo en marcha "Foto Órdenes"
en Alfonso Senra, onde instalou a primeira máquina de revelado nunha hora e que
foi a competencia máis dura.
RIveira, non obstante, foi no século XX o
máximo expoñente da fotografía ordense, o primeiro no que se pensa cando se
fala de fotógrafos. As súas fotos son testemuña dunha época e un documento de
gran valor para conservar a memoria do que foi Ordes.
Faleceu aos 88 anos o 4 de outubro de 2010.
Tres dos seus fillos seguiron a súa senda.
José Francisco Cuqui
traballou durante anos no local do Recreo ata que montou no ano 1987 "Foto
Cuqui" na Rúa do Mercado. Doutra banda Rosi e o seu marido Ricardo Barca
Transformaron en 1999 "Foto Riveira" en "Riveira
Fotógrafos".
No hay comentarios:
Publicar un comentario