sábado, 9 de mayo de 2020

Sangue en Chaián

  Houbo un tempo, felizmente pasado, no que a celebración de festas en Galicia estaba inevitablemente acompañada das liortas. Normalmente os mozos de parroquias veciñas aproveitaban estes momentos de reunión festiva para dirimir as súas diferenzas a paus, coiteladas e mesmo tiros (o uso das pistolas era moi frecuente). Non faltaban tampouco os enfrontamentos e pelexas entre veciños que se levaban mal.

  Este foi o caso que se deu nunha festa o 28 de agosto de 1932 en Santa María de Chaián en Trazo. Nela cruzáronse Antonio Noya Andrade, un labrador casado de 24 anos, e José Pichel, tamén de 24 anos, que tiñan unha historia de resentimentos persoais.
  Foi o preludio da traxedia: José recriminoulle a Antonio que andaba difamándoo entre a veciñanza. A discusión agreouse rapidamente e derivou en pelexa na que José Pichel derrubou ao seu adversario con dous golpes na cabeza. Unha vez no chan, Antonio Noya continuou recibindo paus por parte dalgúns amigos de José. Cando se detivo a pelexa, Antonio estaba case morto.
  Aos poucos días faleceu mentres José era detido xunto a tres amigos: José Ramas, Manuel Ramas e Avelino Vázquez.

  O xuízo tivo lugar medio ano despois, en marzo de 1933. O fiscal foi José Mª Bejarano Ortiz, avogado experimentado neste labor, e o defensor Manuel Iglesias Corral, que daquela só tiña 32 anos e xa era alcalde da Coruña.
  Bejarano pedía para os catro acusados unha pena de 17 anos de cárcere e 20.000 pesetas de indemnización.
  Declararon máis de 40 persoas que estaban presentes na festa e que non fixeron cambiar de opinión ao fiscal. O defensor, en cambio, sostivo que José Pichel actuou en lexítima defensa e que os outros inculpados non interviran na pelexa.
  Como era habitual naqueles tempos o xurado comprou a tese do defensor e absolveu aos catro acusados que foron postos en liberdade.  

  Houbo outra causa no mesmo día que tamén procedía do xulgado de Ordes. Neste caso era un homicidio que se producira en Tordoia en abril de 1931.
  A liorta tivera lugar nunha taberna entre José Pombo Guiance e José Becerra que ía acompañado do seu fillo Antonio. Este último saltou en defensa do seu pai e foi o que saiu peor parado, perdendo a vida.
  O fiscal, neste caso Gustavo Varela Radío, pediu doce anos e un día de cárcere para José Pombo, mentres que o defensor, o prestixioso avogado Manuel Casás (que casualmente tamén fora alcalde da Coruña), solicitaba a absolución.
  Adiviñades o veredicto? En efecto: José Pombo foi absolto e liberado.
 
  Iso non ocorreu con Plácido Amor Iglesias que matou a José Álvarez Amor o 27 de xullo de 1932 nunha romaría celebrada no campo da feira de Cerceda.
  José Álvarez discutiu con Felisa Amor por molestarlle que bailase con outros e acabou dándolle unha patada. O irmán de Felisa, Plácido, discutiu con el e saíron a pelexar a un lugar máis apartado onde lle disparou 5 tiros, un dos cales atravesou o corazón de José e produciulle a morte instantánea.
  En marzo de 1933 tivo lugar o xuízo onde Plácido foi defendido por Manuel Iglesias Corral contra o fiscal Alonso Pérez Hickman e o acusador particular Manuel Casás. Outra vez o veredicto do xurado foi de inculpabilidade pero o fiscal obtivo unha revisión para un novo xuízo.
  Este tivo lugar catro meses despois, en xullo de 1933, e as cousas cambiaron bastante. Esta vez o xurado aceptou as teses do novo fiscal, José Mª Bejarano, e do acusador particular Manuel Casás. Así que Plácido Amor acabou condenado a 8 anos de prisión e a pagar unha indemnización de 10.000 pesetas á familia da vítima.

No hay comentarios:

Publicar un comentario