En todas as partes do mundo os cereais foron
e son a base da alimentación humana e Galicia (e dentro dela a comarca de
Ordes) non foi unha excepción.
O cereal máis importante en todo occidente
foi o trigo (Triticum aestivum) pero non así en
Galicia onde o centeo (Secale cereale) lle disputou sempre este
honor. A razón é que o centeo é menos esixente, máis resistente co trigo e máis
adaptable a todo tipo de solos. Por ese motivo foi o preferido das familias
humildes e das zonas máis montañosas a pesar de que daba un pan moreno máis
escuro e menos saboroso (por iso ás veces mesturábase a fariña de centeo coa de
trigo para mellorar o sabor). A palla de centeo, o colmo, tamén se usaba para
facer tellados nalgunhas zonas de Galicia.
Menor importancia tiveron a cebada ou orxo (Hordeum
vulgare) -máis relacionada coa fabricación de cervexa- e a avea (Avena sativa) que se cultivaba
principalmente para alimentación do gando, especialmente o cabalar.
Estes catro cereais estaban acompañados
doutros dous nos tempos medievais: o que entón se coñecía como "millo" (Panicum miliaceum) «mijo» en castelán (que se cultivaba amplamente na
comarca de Ordes e moitos lugares máis) e o paínzo (Setaria italica) «moha» (que se cultivaba preferentemente no litoral e
nas montañas de Lugo, Ourense e Pontevedra). Cando o millo americano (Zea mays) chegou a Galicia a principios do século XVII
o seu triunfo foi tan irresistible que lles quitou ata o nome. O Panicum miliaceum pasou a denominarse
"millo miúdo"
mentres o americano era ao principio "millo gordo" e despois
simplemente "millo". Nos lugares onde había paínzo, o millo
denominouse normalmente "maínzo".
A chegada do millo
máis ou menos no ano 1600 (aínda que realmente non comezou a súa difusión real
ata 1630) provocou unha verdadeira
revolución na vida dos galegos: inmediatamente converteuse no seguro de vida
dos máis pobres, pois o seu rendemento e fiabilidade non tiña comparación cos
outros cereais. Outra consecuencia foi reducir a superficie destinada a trigo e
a prados, causando unha diminución da gandería bovina e un incremento notable
do porcino.
Segundo os
historiadores galegos, a vaca foi o animal do pobre na Idade Media. Daba
traballo, leite e carne e comía herba, que era abundante. Os porcos, que só
daban carne e competían co home na súa alimentación, eran gando de ricos. A
chegada do millo modificou este panorama e os pobres cada vez tiñan menos
vacas, ata quedar sen ningunha, mentres ía incrementándose o número de labregos
que tiñan porcos.
Por suposto
non só se cultivaban cereais. A outra base da alimentación eran os cultivos de
horta, especialmente as legumes coma a faba (Vicia faba) ou o feixón verde (Phaseolus
vulgaris) e as hortalizas de folla verde: o repolo
(Brassica oleracea capitata), a coliflor (brassica oleracea botrytis), a verza (Brassica oleracea acephala) e, non podía faltar, o grelo (Brassica rapa) -a folla tenra do nabo- tan popular agora nas marxes
da estrada N-550.
A todas elas
uniuse a pataca (Solanum tuberosum) -tamén vida de
América-, coñecida xa no século XVI, pero que empezou a se xeneralizar na
primeira metade do século XVIII nas
zonas montañosas do interior. O seu éxito non foi tan abrumador coma o do millo
pero as sucesivas crises e fames do último terzo do século XVIII déronlle un
gran impulso. En canto mellorou algo o seu sabor, que ao principio era máis
amargo, a pataca pasou de ser inicialmente alimento para animais e logo soporte de
campesiños pobres a estar na mesa dos ricos á metade do século XIX. Hoxe non se
entendería a dieta galega sen ela.
Unha planta
fundamental en moitos lugares de Galicia, principalmente no sur, é a vide que deu orixe a unha potente industria. O clima da
comarca de Ordes non favorece este cultivo, de forma que só se plantou de forma
case ornamental á beira das casas, máis pola sombra que pola cantidade e
calidade das uvas que se consiguen.
Se houbo
un cultivo industrial importantísimo ese foi o do liño (Linum usitatissimum). Esta planta foi
fundamental para as familias pobres que non podían acceder a prendas
manufacturadas e que con ela producían artesanalmente tecidos para vestir e
abrigarse.
Na comarca
foi moi habitual pero nos anos 60 do século XX rematou o seu cultivo e
utilización e de paso todas as tradicións que con el estaban aparelladas e das
que falaremos noutro artigo.
No século XVIII tamén era abundante en Galicia o cultivo do cáñamo (Cannabis), pero xa a principios do século XIX estaba abandonado a pesar de varios intentos de fomentalo (as cordas e lonas eran de gran interese para a industria naval).
A mediados do
século XIX o "Diccionario de Madoz"
detallaba os cultivos da comarca de Ordes que eran por esta orde: trigo, millo,
millo miúdo, avea, patacas, legumes, liño e algunhas hortalizas e froitas. No
concello de Ordes, non obstante, xa apenas se plantaba millo miúdo (só en
Beán).
A primeira
metade do século XX viu cambios graduais no agro, que foron case unha
revolución a partir de 1950-60. Os campesiños da comarca viraron cara á
produción láctea que era a única fonte medianamente rendible e abandonaron
moitos cultivos, agás aqueles que se dedican ao autoconsumo.
Hoxe a
comarca de Ordes tende cada vez máis a dous monocultivos, o dos prados e
millo forraxeiro (que se planta mesto para aproveitar a folla máis co gran)
e o do eucalipto nas superficies forestais. Mentres, moitas das agras de antano
quedan abandonadas á súa sorte e son ocupadas por silvas e malas herbas que
chegan a alturas nunca vistas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario