sábado, 19 de octubre de 2019

O Terruño

  A asociación Cultural "O Terruño" naceu en Ordes no ano 1975 e legalizouse dous anos despois. Os seus fundadores foron un grupo de mozos amigos nados na década dos 50, estudantes na USC e próximos a grupos de esquerda florecentes naqueles tempos como o PSG, a LCR ou o PC. Entre eles estaban Santiago Amado Señarís (da familia Amado) que residía en Santiago pero pasaba os veráns en Ordes, Arturo Rivas, Dolores Ferreiro ou Xesús Pedreira (o futuro concelleiro do PSOE local). 
  O nome (proposto por Pedreira) tomárono do xornal anticaciquil "El Terruño" que se publicou en Ordes durante o ano 1903 e do que Manuel Moar Manolito de Ramos gardaba un exemplar.

  Na segunda metade dos 70 Ordes contaba con dúas asociacións: o "Círculo Cultural y Recreativo" (o Casino), fundado en 1965, que tiña ben pouco de cultural, funcionando máis ben coma outro dos moitos bares da vila (só que un pouco máis elitista cos demais) e "Sementes do Arte", o grupo de baile galego fundado en 1970 polo bailarín Juanjo Linares e dirixido por José Manuel Verea Rumbo.
  Moitos dos compoñentes do Terruño tamén formaban parte das outras dúas asociacións polo que a colaboración foi fácil. De feito, a sede era a mesma que a do casino, o 1º piso de Alfonso Senra 96.

  O Terruño sacou 5 números dunha revista, escrita integramente en galego, que tivo pouca repercusión porque era un boletín interno que non se comercializaba ao público xeral.
  Os contidos eran os habituais neste tipo de publicacións: estudos sobre historia e cultura galegas, opinións, reivindicacións e queixas varias, información das moitas actividades realizadas, etc. Por exemplo, no número 2, informábase da protesta que a asociación efectuara contra FENOSA pola carencia de luz na parroquia de Mercurín e que lle valeu para aparecer na prensa por primeira vez.

  Tamén foi publicado un número especial con motivo das Letras Galegas de 1979 onde aparecía como colaboración un par de poemas do mozo do Casal José Luis Rodríguez Pampín (falecido en 2014).

  Ao longo de varios anos o Terruño levou a cabo múltiples actividades a pesar da falta de locais axeitados (ata tivo que usar o ximnasio do colexio). Houbo representacións teatrais, mostras de etnografía (olería, tecidos...), exposicións de obras dalgún artista, conferencias, debates sobre temas entón tan candentes coma o aborto...
  Agás casos moi concretos, a asistencia nunca foi alta.

  Caso distinto foron as tres edicións da Feira da Cultura Popular Galega que se celebraron no verán dos anos 1979, 1980 e 1984, conxuntamente organizadas con "Sementes do Arte" e co Casino, e que tiveron un gran éxito de público. 
  Incluían exposición e venta de variados produtos artesáns e pola tarde actuacións musicais nas que chegaron a tocar grupos tan famosos como Doa ou Milladoiro. Os folletos e carteis publicitarios contaban con bonitos debuxos de Antonio Castro Tonecho de Lola, (especialmente o primeiro e máis icónico).

  Pasados os cinco primeiros anos, en maio de 1980 escolleuse unha xunta directiva que presidía Dolores Ferreiro Díaz con Antón Martínez de vicepresidente, Ramón Calvo de secretario, Luis Viqueira de tesoureiro e Pedreira, Bris Álvarez e Manolo Franqueira de vogais. Despois de celebrar a 2ª Feira da Cultura houbo unha crise na asociación. Como sucede a miúdo coas organizacións xuvenís, o pasar dos anos coa chegada do traballo, as responsabilidades ou simplemente novos intereses fan abandonar á maioría. A última feira de 1984 foi o canto do cisne do Terruño que desapareceu pouco despois.

No hay comentarios:

Publicar un comentario