jueves, 24 de octubre de 2019

Onde chove máis?

EUROPA
  Se por norma chove máis no norte, nas zonas altas e na costa, o lugar máis chuvioso de Europa non sorprenderá a ninguén: é a franxa occidental de Noruega, moi coñecida polos seus fermosos fiordos entre os cales se elevan montañas que alcanzan os 2.000 metros.
  «Nestas montañas, situadas na cara oeste dos Montes Escandinavos, rexístranse os valores máis altos de precipitación de toda Europa, superando amplamente os 3.000 mm por ano. A cidade de Bergen é unha das máis chuviosas de Europa, con 2.250 mm de media» indica o físico da USC Damián Insua.
  O segundo posto é para o norte de Escocia. Nas Highland (Terras Altas) a choiva é xenerosa. Entre as súas montañas acumúlanse cada ano máis de 2.000 mm. «Rexistra cantidades moi similares ás de Galicia, especialmente na marxe occidental. Na vila de Fort William, por exemplo, a cantidade media de precipitación é case a mesma que nas cidades de Santiago e Vigo, en torno aos 1.800 mm», apunta Insua. 
  O terceiro posto si é sorprendente: Montenegro. Pero os datos non deixan lugar a dúbidas. Trátase dunha das zonas máis húmidas de Europa. «Na parte sur do país, bañada polo Mediterráneo, roldan os 2.000 mmA cidade de Cetinje, unha das dúas capitais do estado, que está situada ao pé dos Alpes Dináricos, rexistra de media 3.300 mm cada ano, un valor realmente extraordinario».
  No cuarto posto atópanse os Alpes. Debido á súa gran elevación, que supera nalgúns puntos os 4.000 metros, as precipitacións son frecuentes. «As copiosas nevadas do inverno xunto coas frecuentes tormentas do verán, fan que os valores medios de precipitación na parte máis alta da cordilleira sexan moi grandes, superiores aos 2.000 milímetros».
  E por fin, no quinto posto atópase Galicia cos seus 1.200 mm de precipitacións aínda que as provincias occidentais (A Coruña e Pontevedra) superan amplamente esta media.
  Iso si, Europa non ten nada que facer fronte a lugares como Mawsynram na India onde as precipitacións poden superar os 10.000 mm anuais.

ESPAÑA
  España destaca a nivel europeo por ser un dos países máis secos, xa que os valores medios anuais en moitos lugares están por debaixo dos 500 litros por metro cadrado como ocorre en Madrid. Pero, por suposto, ten varias zonas chuviosas e mesmo moi chuviosas.
  A serra de Grazalema, na provincia de Cádiz, ten fama de ser o lugar máis chuvioso de España. Segundo o Atlas Climático Ibérico elaborado con datos de precipitación rexistrados entre 1971 e o 2000, a media anual ascende a 2.103 litros por metro cadrado, debido á choiva orográfica que se produce pola elevación do lugar. «Tratáse dun valor realmente alto, pero está moi lonxe dos rexistrados noutras zonas. Asegurar que Grazalema é o sitio máis chuvioso de España é unha afirmación rotundamente falsa», asegura Damián Insua.
  De feito o mesmo atlas climático sinala que o sitio máis chuvioso do Estado atópase na localidade coruñesa de Rois, cunha media anual de 2.959 mm. Isto representa un corenta por cento máis de auga da que se recolle na serra gaditana. Un dato que desmonta por completo o falso mito. «De feito, os valores rexistrados en Grazalema non só se ven superados en Galicia, senón tamén noutros lugares, como en Goizueta (Navarra) con 2.562 mm, Oiartzun (Guipuzcua), 2.561 mm, ou Soba (Cantabria) 2.384», engade o físico do mesmo grupo de investigación, Martín Senande.
  Agora ben, se ampliamos o foco a toda a Península Ibérica, Galicia ten un duro competidor no país veciño. «No norte de Portugal, concretamente na Serra de Gerês, as precipitacións que se recollen son realmente cuantiosas, iguais ou superiores ás que se recollen nos puntos máis chuviosos de Galicia. Por exemplo, a estación situada en Portela do Homem, coñecido paso fronteirizo entre Ourense e Portugal, rexistra precipitacións medias anuais superiores aos 3.000 mm», destaca Damián Insua.
  En anos especialmente chuviosos, como os que se rexistraron na década dos 60, medíronse mesmo valores de 5.000 mm, o triplo do que adoita caer en Santiago de Compostela. «É moi probable que os dous puntos máis chuviosos da Península se sitúen nos cumios da serra pontevedresa do Suído e da serra portuguesa do Gerês. Están orientados cara o océano e polo tanto moi expostos á chegada das frontes atlánticas. Debido a que a Serra do Gerês presenta elevacións superiores ás do Suído, os valores de precipitación máis extremos da Península quizais se rexistren nalgún dos picos da serra portuguesa», explica Senande.


GALICIA
  Ademais, aínda que o Atlas Climático Ibérico sosteña que Rois é o lugar máis chuvioso iso non implica necesariamente que o sexa. «En realidade non o podemos saber con total certeza, porque a nosa rede de estacións meteorolóxicas non é suficientemente densa. Rois aparece como o punto máis chuvioso porque alí hai instalada unha estación dende hai moitos anos. Estamos ante un problema de medida. Se tivésemos un pluviómetro instalado nos cumios máis altos da serra do Barbanza sería moi probable que o valor de 2.959 mm se vise superado», comenta Senande.
  Os modelos dos que dispón a comunidade científica indican que a zona máis chuviosa de Galicia é a Serra do Suído (Pontevedra). «Aí dispoñemos de estacións en Fornelos de Montes onde se superan os 2.500 de media. Pero sería necesario ter datos dos picos máis altos da serra, en torno aos 1.000 metros, para atopar valores máis elevados, por riba dos 3.000 mm de media», comenta Insua.
 Outros puntos onde a auga cae en abundancia son os Montes das Paxareiras, entre Carnota, Muros e Mazaricos «Carecen de estacións, polo que sería moi interesante que se instalase alí algunha. Na Serra do Barbanza, que se eleva por riba dos 600 metros tamén chove moito. A estación de Muralla supera os 3.000 mm anuais. Non obstante, aínda non ten unha serie temporal o suficientemente longa como para calcular medias climáticas, polo que é cedo para afirmar se é ou non o lugar máis chuvioso de Galicia».
Xavier Fonseca. La Voz de Galicia.


ORDES
  A comarca de Ordes é bastante chuviosa xa que se enclava nunha zona de clima oceánico hiperhúmido. Non obstante as precipitacións non son homoxéneas senón que aumentan normalmente de leste a oeste, porque os ventos que traen a chuvia son os que veñen do suroeste -do Océano Atlántico-. Por tanto as parroquias máis occidentais como Anxeriz (Tordoia), Monzo, Restande e Benza (Trazo) son as máis chuviosas da comarca. Probablemente (pero sen certeza absoluta) o punto máis chuvioso sexa o Cotón da Voutureira, na parroquia de Monzo, que une á súa situación no suroeste da comarca unha gran altura de 512 metros.

No hay comentarios:

Publicar un comentario