O novo réxime
comezou en España en setembro de 1923.
O seu programa era moi simple (orde na rúas, combate ao caciquismo e
rexeneración social) pero de enorme aceptación popular. Moitos dos que despois
criticaron a Alfonso XIII polo seu apoio á ditadura foron os primeiros en
recibila con entusiasmo.
Era tal o cansazo producido polo réxime da
Restauración que gran parte da poboación só vía saída nun modelo autoritario ao
estilo do "cirurxián de ferro" que teorizara Joaquín Costa.
Do mesmo xeito que no resto de España, en
Galicia o novo réxime foi saudado con xúbilo, mesmo polos nacionalistas das
Irmandades dá Fala.
Os primeiros pasos do directorio militar
foron varios: supresión dos vellos partidos, peche das cámaras parlamentarias e
entrega de concellos e deputacións a novo persoal político mentres as
gobernacións civís quedaban en mans dos militares, definidos como técnicos e
"politicamente neutros".
É dicir, houbo unha gran renovación das
elites, anticipación da que logo tería lugar no franquismo. As denuncias de
corrupción foron constantes nos primeiros meses da ditadura, satanizando toda a
tradición política anterior. Lonxevos caciques como Manuel Viturro na Coruña ou Pepe Benito
en Lugo foron apartados do poder e substituídos polos partidarios do novo
réxime.
Estes eran unha amálgama de descontentos do
anterior réxime: conservadores e ultracatólicos, mauristas, agraristas,
rexionalistas e persoas sen anterior adscrición seducidas pola mensaxe de
rexeneración. E por suposto non faltaban os oportunistas que sempre se apuntan
ao carro dos vencedores.
Os mauristas foron
un dos soportes máis importantes. Na súa maioría mozos católicos con certo aire
rexionalista, achegaron algunha das figuras máis sólidas da ditadura en materia
de organización administrativa e económica. Entre eles o máis destacado foi Calvo Sotelo,
un dos poucos políticos que acompañou a Primo en toda a súa travesía de
goberno, primeiro como secretario técnico de Administración local e logo como
ministro de Facenda no Directorio civil, a partir de 1925.
O outro gran apoio do réxime en Galicia foron
os agraristas.
A súa invertebración organizativa e o seu pluralismo ideolóxico facilitaron a
incorporación ao réxime. Desde a CRAG de Basilio Álvarez
ata moitas sociedades comarcais e parroquiais apoiaron con entusiasmo ao
ditador. Moitos dos seus líderes como Varela de Limia,
Maseda Bouso
ou Domingo Bueno acabarían
formando parte da CEDA. Xunto aos agrarios tamén os indianos participaron
activamente na política local en moitos casos como alcaldes designados polo
goberno civil.
O apoio do mundo rural á ditadura foi
correspondido con medidas tan esperadas como a solución do problema foral (decreto de redención
de foros en xuño de 1926) e fomento da repoboación forestal e
individualización dos montes comunais.
En cambio o inicial apoio dos rexionalistas e
nacionalistas como Vicente Risco
ou Losada Diéguez
pronto desapareceu cando viron como se foron enfriando os sentimentos
rexionalistas do réxime, cousa que fixo fracasar o proxecto de Mancomunidade
Galega tan desexado por eles.
En Ordes a
ditadura tamén supuxo a substitución das elites. Dúas das familias máis ligadas
ao antigo réxime, os Liñares e os Concheiro-García,
viron recortado o seu poder. Gumersindo Liñares, que nese momento era
alcalde de Trazo, foi detido e levado á Coruña en outubro pois negouse a
entregar o seu bastón de mando á autoridade militar. En Ordes José García Bermúdez tamén foi deposto e
substituído brevemente por Benito Regos. Ademais as inspeccións no
concello levaron á detención do ex-alcalde Juan Liste, de José Varela e do secretario accidental.
Novos nomes que respondían aos criterios que
primaban na acción do réxime (profesións liberais, pertenza ás "forzas
vivas", prestixio) saltaron á primeira liña: o antigo republicano e
agrarista Julio Pol Caamaño, o farmacéutico Santiago del Río Seoane, os irmáns Jacobo e Ricardo Amor del Río, o procurador de
tribunais Manuel García Rivas ou o profesor Nicolás del Río Castelo foron algúns dos
escollidos. De todos os xeitos non se pode dicir que en Ordes se producise un
cambio radical como demostra o feito de que o responsable da Unión Patriótica,
o partido do réxime, fose un membro da familia Liñares, o médico Francisco Liñares Iglesias.
No hay comentarios:
Publicar un comentario