viernes, 6 de enero de 2017

El Terruño


  Naceu en Ordes en outubro de 1903 con frecuencia semanal. O seu subtítulo era Ecos y canglores de la Montaña (supoño que "canglores" é un erro e que querían poñer "clangores" -redobres de tambor-) e no interior declarábase Semanario Político de Órdenes.
  Imprimíase nos obradoiros de El Eco de de Santiago e, a partir do Nº 9, nunha tipográfica do Toural. Era un prego dobrado (catro páxinas) que custaba 10 céntimos e saía os sábados.

  A liña editorial mesturaba crítica e sátira. A súa principal obsesión era o caciquismo. Deste xeito arremetía en numerosas ocasións (ás veces cunha enorme agresividade verbal) contra o cacique local Saturnino Aller e membros de coñecidas familias que ostentaban o poder político naqueles anos. 
  A dureza dos termos quedaba enmascarada polo humor. Poemas, panxoliñas, uso do latín macarrónico... servían para adornar unha mensaxe corrosiva ata para os tempos actuais.  
  Aínda que tamén aparecían noticias, a maior parte de El Terruño estaba ocupada por artigos de opinión, moitos escritos polo director. Este personaxe, descoñecido para nós, conservador e xermanófilo, levaba o peso do xornal, pero tiña colaboradores tan populares como Heraclio Lacer ou o famoso xornalista ordense Vicente Carnota, cuñado de Antonio del Río (declarado inimigo político de Saturnino Aller, polo que moitos sospeitaban que era el o responsable da aparición do xornal).
  Tamén estaban Cuco Rouco, correspondente en Mesía, e Chaparro que dedicaba longas misivas ás "recuas municipales", ademais de artigos asinados por "X" ou "M". Non se pode descartar que algúns destes escritores fosen un alter ego do director (ou de Carnota) e non existisen na realidade.
    Como curiosidade, no Nº 3 (24 de outubro) aparecen as relacións de intercambio entre El Terruño e outros xornais da época: El Noroeste, La Tierra Gallega e Revista de Galicia de Coruña; El Áncora e Correspondencia Gallega de Pontevedra; El País de las Rías de Vilagarcía de Arousa; El Demócrata de Caldas de Reis e El Eco de Mugía.

  El Terruño foi o último xornal "profesional" de Ordes e un dos máis recordados. Non volveu haber ningunha publicación na comarca ata os anos 70 en que a Asociación Cultural "O Terruño", denominada así precisamente polo antigo xornal, sacou unha revista que durou poucos números. Logo outras asociacións ou partidos tamén editaron revistas pero sen continuidade.

No hay comentarios:

Publicar un comentario