En outubro de 1903 comezou na Coruña o xuízo contra Francisco Liste Areosa que, o ano anterior, roubara, asasinara e
roubara novamente a Joaquina Obelleiro,
coa propina engadida de queimarlle a casa, tentando destruír as probas do asasinato.
O crime tivera lugar na parroquia de Numide (Tordoia), aínda que a prensa
denominárao "El crimen de
Órdenes".
Fora un suceso tan comentado que o xuízo espertou
unha expectación brutal. A sala estaba chea a rebordar de publico desexoso de ver
a Liste e non perderse unha palabra.
Tamén
era xulgada a súa irmá maior, Filomena,
por presunto encubrimento, aínda que as probas eran débiles. Francisco, en
cambio, tíñao moi complicado.
Diso era moi consciente o seu avogado, Luís Cornide Quiroga, así que se
decidiu pola única estratexia posible: tentar introducir no xurado a idea de
que Francisco era un suxeito moi supersticioso e básico.
Aferrouse á historia (aínda que só fosen
rumores) de que Joaquina botara un cuartillo na lámpada de aceite do Santísimo
e, segundo a superstición popular, a medida que este se consumise consumiríase a
persoa maldicida.
Naqueles tempos a corrección política non
existía así que utilizou expresións como reo
de crasa ignorancia, imbécil, zafio e outras similares referíndose a
Francisco. Segundo esta interpretación, este empezara a ter dores de cabeza e,
ante o temor de morrer, viuse obrigado a cometer o crime.
Non esqueceu deslizar tamén posibles móbiles
sentimentais.
O acusador privado Alfredo García Ramos atacouno vehementemente:
- ¡Es una injuria! ¡Este hombre no es
un imbécil!
O xurado deixouse seducir pola teoría do
defensor. Así que finalmente a sentenza que impuxo o xuíz Francisco Ruíz de Andrés foi de 17 anos de condena polo crime máis
outros 5 polos diversos roubos e unha indemnización de 4.057 pesetas (as 57 polo roubo).
A súa irmá Filomena foi absolta.
O resultado foi considerado, con toda a razón,
un gran triunfo do defensor Luís Cornide ao que todo o mundo felicitou.
E que foi de Liste? O "imbécil"
participou en dous intentos de fuga no cárcere da Coruña que saíron mal de
casualidade. Quizais non era tan parvo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario