lunes, 19 de septiembre de 2016

Mapa de Mesía

Preme para ver máis grande.

  A maior parte de Mesía é unha meseta (con suaves ondulacións) de máis de 400 metros de altura. A zona máis alta está ao nordeste e son os Montes da Tieira que superan os 500 metros. A partir deles o terreo vai declinando en dirección oeste e sudoeste.
  A parte norte do concello está ocupada pola cunca do río Samo e a do seu principal afluente pola dereita, o río Traveso, que rega as parroquias de Visantoña e Olas. En Visantoña unha estreita franxa de terreo cae de forma brusca cara ao leito do río Mero, no límite con Cesuras. En pouco máis dun quilómetro prodúcese un descenso duns 150 metros.
  A zona sueste moito máis baixa está ocupada principalmente pola cunca do río Maruzo e os seus subafluentes coma o Gaiteiro. O río Tambre serve de fronteira entre as parroquias de Castro e Boado co concello de Boimorto.
  Petrograficamente o concello forma parte do conxunto de xistos metamórficos de Ordes (o de maior extensión de Galicia).
  Mesía presenta unha particularidade na súa configuración: a parroquia de Bruma é un enclave rodeado por outros concellos e distanciado de Visantoña (a parroquia de Mesía máis achegada) uns 3 km. Isto é así desde o 6 de xullo de 1836 en que a parroquia de Ardemil, que pertencía á xurisdición de Mesía, pasou a formar parte do concello de Ordes.
  O clima é oceánico hiperhúmido.
  A poboación é escasa e decrecente. O lugar máis poboado é Xanceda.
  Conta con paisaxes de gran beleza e un interesante patrimonio artístico.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario