domingo, 11 de septiembre de 2016

Velutinas en Ordes

A avespa asiática denominada cientificamente Vespa velutina é unha avespa grande (rolda os 3 centímetros) e case totalmente negra, agás a cara e unha banda no abdome que son dunha cor alaranxada. En xeral as nosas avespas autóctonas son máis pequenas. Só o tártago (Vespa crabro) é de tamaño similar pero ten o abdome predominantemente amarelo con bandas negras.

  Non é máis perigosa para a xente que outras avespas, pero, ao matar ás abellas, supón unha ameaza para a diversidade biolóxica nativa.

Como chegaron aquí?
A velutina é orixinaria do centro e sueste de Asia (China, India, Tailandia, Vietnam, Indonesia ...). Parece que chegaron a Europa no ano 2004, nun buque mercante que atracou en Burdeos, e extendéronse rapidamente chegando a Portugal, Bélxica, Italia e Alemaña. En 2010 confirmouse a súa presenza en España, onde chegaron atravesando os Pireneos. As primeiras capturas en Galicia foron no ano 2011 na costa lucense e posteriormente apareceron na zona da Coruña e nas Rías Baixas (Vigo, Baiona ...) que seguen sendo as zonas máis infestadas.

Cando chegaron ás Terras de Ordes?
Foron vistos niños de velutina no ano 2014 nos concellos de Cerceda e Ordes. No ano 2015 en Cerceda e Oroso (neste concello un único niño). No ano 2016, quizais axudadas polo aumento de temperatura, as velutinas xa foron vistas nos concellos de toda a comarca ordense como podedes ver no mapa. Tamén en Galicia aumentaron de forma espectacular pasando de ser vistas en 111 concellos galegos a selo en 179. No ano 2017 continuaron a súa expansión.
 

No hay comentarios:

Publicar un comentario