sábado, 24 de mayo de 2025

Parroquias de Cerceda en 1607

 
Jerónimo (ou Géronimo) del Hoyo foi un relixioso castelán que desde 1603 visitou e documentou a arquidiocese de Santiago de Compostela en nome do arcebispo Maximiliano de Austria. Levou a cabo unha descrición das parroquias, vilas, cidades, hospitais e fortalezas, que deixou recollida no libro Memorias del Arzobispado de Santiago de 1607. Aquí tedes os textos -no idioma orixinal- sobre as parroquias de Cerceda (que entón aínda non existía como concello), catro do Arciprestado de
Berreo de Arriba e dúas do de Berreo de Abaixo.
 
SAN ROMÁN DE LAS ENCROVAS
  Esta felegresía tiene ciento y diez feligreses. Los fructos todos llieva el conde de Altamira y el retor solos ocho dezmeros, que valdrán treinta cargas de todo pan. Presentación del conde de Altamira, pero estos desmeros dice no los puede mudar aunque vengan en pobreça. La fábrica tiene ciertas leiras que rentan seis reales y medio, molino y cierta parte de un monte que suele andar arrendado en seis ferrados de trigo.
 
SAN ANDRÉS DE MEIRAMA
  Esta felegresía tiene veinte feligreses. Los fructos se hacen dos partes: la una y un dezmero lleva la cura, que valdrá como catorce cargas de todo pan, la otra, por sincura eclesiástica collativa, llieva Pedro Montero clérigo; cura y sincura son de presentación del monasterio de Sant Martín y de su forero. La fábrica tiene un ferrado de trigo de renta de unas leiras (fol. 391, v.).
 
SAN MARTIÑO DE CERCEDA, ANEXO DE POCO A SAN ROMÁN DAS ENCOBRAS
  Esta felegresía tiene sesenta y un feligreses. Los fructos se hacen tres partes: la una y un dezmero llieva la cura y las dos partes el conde de Altamira. Vale la parte de la cura veinte cargas de todo pan. Presentación del monasterio de San Martín. La fábrica tiene ciertas leiras que habrá quatro años que rentaban seis ferrados y medio de trigo. Hay apeo dellas que está en el libro de visita. Hay una hermita de San Juan, que no tiene renta y está a cargo del retor tenerla reparada y limpia, porque un labrador que llevaba las ofrendas se la dejó con este cargo.
 
SANTA MARÍA DE QUEIXAS    
  Esta felegresía tiene sesenta y un feligreses. Los fructos se hacen tres partes: la una y tres dezmeros llieva la cura y las dos el Collegio de Santiago. Vale la parte del retor como treinta cargas de todo pan. Presentación del arçediano de Cornado y de su forero en su nombre. La fábrica no tiene renta, sino solo unas heredades que quando se labran, al dézimo año dan alguna cosa por ellas (fol. 392, r.).
 
SANTA COMBA DE GESTEDA
  Esta felegresía tiene quarenta y nuebe feligreses. Los fructos (folio 393, v.) se hazen dos partes: la una y un dezmero llieva la cura y la otra el Cabildo de Santiago. Vale la parte de la cura treinta y seis cargas de todo pan. Presentación del arcediano de Cornado. La fábrica tiene ciertas letras que andan arrendadas en catorze reales y quatro maravedís.
 
SAN MARTIÑO DE RODÍS
  Esta felegresía tiene veinte y quatro feligreses. Los fructos se hacen tres partes: la una y un dezmero y el iglesario llieva la cura, las dos el Cavildo de Sanctiago. Vale la parte de la cura quarenta cargas de pan. Presentación de la casa de Montaos. La fábrica tiene de renta un solo ferrado de trigo. Hai una hermita de Santi Spirictus y Sancto Amaro da Silva no tiene renta sino solas las limosnas.

domingo, 18 de mayo de 2025

Castro de Uzal (Barbeiros)

   A parroquia de Barbeiros non conta con moitos xacementos arqueolóxicos.
  Na parte norte, nunha zona coñecida como Fonte Vella, ao leste da estación de peaxe da autoestrada e dunha liña de alta tensión, pódense ver os restos dunha medorra de entre 18 e 20 metros de diámetro e unha altura de menos de dous metros. Apréciase unha violación central.
  Ao sur dos Bieites houbo un castro, pero na actualidade está practicamente destruído. Na parte leste, a que está á vista desde a estrada, pódense observar con ollo atento, restos do parapeto ao decatarnos do cambio de cor da terra. Segundo recordaban os veciños máis vellos, era un recinto de forma oval que tiña un alto parapeto que se estendía uns 100 metros de norte a sur. No interior apareceu un fogar, unha pedra tallada rodeada dun círculo de cinzas.
 

  O que si está bastante conservado, dentro do que cabe, é o chamado castro da Devesa ou castro de Uzal, por estar a menos de 800 metros deste último lugar.
  No sueste da parroquia, a menos de 150 metros do río Samo e por tanto practicamente na fronteira coa parroquia de Galegos (Frades) podemos atopar esta testemuña do pasado.
  É un recinto vagamente circular fortificado por un único parapeto que o protexe polo norte, oeste e sur cun foso contiguo. Polo leste hai un gran desnivel xa que é a parte máis próxima ao río. Ten uns 120 metros de norte a sur, mentres que de leste a oeste a lonxitude parece algo menor, arredor dos 100 metros. A súa superficie debe achegarse a 1,3 hectáreas (sobre 20 ferrados).
 

  Na parte noroeste hai unha entrada que podería coincidir coa orixinal. Da a unha especie de sendeiro que atravesa o interior do castro de norte a sur e que vai rematar nunha zona onde o parapeto está desmontado. Actualmente o castro está rodeado de arborado bastante mesto por todas partes, mentres o interior está relativamente despexado pero con zonas completamente inaccesibles con gran cantidade de mato.
  De propina un vídeo de como podedes chegar ao castro de Uzal.
 

martes, 13 de mayo de 2025

Defendendo o Inxerio!

  O suceso máis relevante do ano 1961 en Ordes, foi o conflito do monte Inxerio na parroquia de Mercurín.
 
 
  O monte Inxerio é unha gran masa de terreo comunal que data de tempos moi antigos (xa aparece mencionado no Catastro do Marqués de la Ensenada de 1752). Este terreo era vital para a parroquia de Mercurín, que vivía nun sistema case feudal, onde os veciños apenas posuían terras e grandes propietarios como os Batanero tiñan múltiples lugares e caseiros. Os veciños máis necesitados plantaban trigo e levaban as súas vacas a pacer alí. O Inxerio ofrecía ademais o imprescindible toxo para estrar as cortes e ter despois algo de abono para as leiras, arbustos para queimar, herbas medicinais...
  Pero todo isto estaba en perigo pola obsesión reforestadora que xa non era daquel tempo, senón que viña desde a época de Alfonso XIII. De feito, o organismo coñecido como PFE (Patrimonio Forestal del Estado) foi creado en 1935 en plena República e o franquismo reforzou as súas competencias en 1941. Agora estaba o Inxerio no seu punto de mira.
 
  Na tarde do 18 de abril, sobre as 4 da tarde, unha brigada de case 30 obreiros do Patrimonio Forestal, dirixidos polo vixiante José Gómez, accederon ao monte Inxerio e iniciaron os traballos de repoboación. Apareceron entón unha ducia de mulleres da parroquia armadas con paus, apeiros de labranza e pedras. Conminaron aos obreiros a que marcharan "polas boas ou polas malas". Como os obreiros non se retiraron, comezaron a tirarlles pedras e duas delas, Encarnación e Manuela, agrediron cos paus ao vixiante ao tempo que proferían palabras "contra el santo nombre del Señor y de la santísima Virgen". Vendo que a actitude agresiva das mulleres non cesaba os obreiros víronse obrigados a marchar do monte.
  Este protagonismo das mulleres nas loitas comunais era habitual naqueles tempos, pois a represión sempre era menos forte contra elas que contra os homes.
 
  As mulleres serían denunciadas e multadas, pero o xuízo aínda tardaría en celebrarse. Sería en febreiro de 1962 na sala 1ª do Criminal da Coruña.
  O presidente do tribunal era tamén o da Audiencia Provincial, Manuel Lojo Tato, acompañado de Francinco Javier Badía y Gutiérrez de Caviedes e Alfonso Navascués y Pablos (que fora xuíz en Ordes). Representou ao Ministerio público o fiscal da Audiencia Territorial Antonio Couceiro Tovar e foron os avogados defensores César Fernández Mejuto e Manuel Murillo Carrasco, que tamén estaban representadas polo procurador Miguel Ortiz Merelo.
  Ás 11 da mañá do xoves 22 de febreiro comezou a causa coa declaración das procesadas e de nada menos que 32 testemuñas! Logo o fiscal expuxo o seu informe onde relatou o ataque das mulleres aos obreiros, feitos que el vía constitutivos do delito de coacción previsto no artigo 496 do Código Penal e polo que solicitou que lles foran impostas  ás procesadas a pena de 3 meses de arresto maior, 1.000 pesetas de multa e pago das costas xudiciais.
  Reanudado o xuízo ás 17:30, chegou o turno dos defensores. Antonio Couceiro negou o delito xa que, para el, as mulleres estaban defendendo as súas terras e o seu medio de vida. Declarou que o monte Inxerio nunca foi do Estado nin existía proba algunha de que estivese catalogado. Indo máis lonxe, a agresión patrimonial e persoal partiu dos propios empregados do Patrimonio Forestal que irrumpiron no monte arrasando as colleitas dos veciños de Mercurín. Por tanto pediu a absolución e en todo caso a eximente de defensa propia. Manuel Murillo comezou eloxiando a intervención do seu compañeiro e continuou polo mesmo camiño resaltando que as veciñas non defendían só un pouco de terra, defendían a terra dos seus antergos e que habían de herdar os seus fillos. "Su actitud en el monte fue la de la persona que angustiada contempla el peligro que se cierne sobre su persona, sobre su familia y lo evita". Rematou con esta "brillante disertación, plétorica de argumentos contundentes y rebosante de elocuencia" a vista da causa.
  A sentenza fíxose pública a semana seguinte, xa en marzo, e as 12 veciñas foron absoltas do delito de coacción ao estimar a Sala que de boa fe crían estar no seu dereito de opoñerse aos obreiros. A parroquia enteira respirou con alivio e o monte Inxerio seguiu a disposición dos veciños.
 
   Non obstante as mulleres estiveron unha boa época indo ata o Inxerio, armadas coas súas sachas e fouces vixiando todo o día (ata comían alí sen ir ás súas casas) para que non volveran os obreiros a plantar o monte.
  O paradoxo é que, co pasar do tempo, serían os propios veciños de Mercurín os que encherían de árbores gran parte do lugar.

sábado, 10 de mayo de 2025

Pazo de Galegos (Frades)

   No lugar do Pazo da parroquia de San Martiño de Galegos (Frades) achamos un dos monumentos máis importantes da comarca, o pazo de Galegos, do que temos noticias desde 1664, a mediados do século XVII.
 
 
  Accédese a el por un portón, feito de grandes pezas de cantería, de traza sinxela e co lintel recto. Amosa dous fermosos escudos, labrados sobre a pedra e bastante desgastados. No da esquerda están representadas as liñaxes  dos Salgado, Ribera e Gayoso, e no da dereita as dos Montenegro, Mosquera, Andrade e Bermúdez. Ademais no centro hai unha inscrición que alude ao paso de dona Mariana de Neoburgo, futura raíña de España:
 
  EN 15 DE ABRIL DE 1690 DURMIÓ EN ESTA CASA LA REINA NTRA. SRA. Dª MARIANA DE NEUBURGO, MUGER DEL REY NTRO. SR. D. CARLOS 2º, VINIENDO DE LA CORUÑA EN ROMERÍA Á NTRO. SANTO APÓSTOL SANTIAGO.- SIENDO DUEÑOS DE ESTA CASA D. ANTº MOSQUERA PIMENTEL RIVA DE NEIRA CASADO CON Dª BALTASARA ANTª DE LUNA LOVERA Y VALLADARES. AD MAYOREM DEI GLORIA.
 

  O corpo principal do pazo, que está á esquerda da entrada, ten unha planta rectangular moi alongada duns 25 metros de lonxitude por uns 7 de ancho. O tellado, a catro augas, conta cun par de chemineas. Apegada perpendicularmente a el hai unha pequena capela restaurada recentemente cun estilo disonante do resto do conxunto. Tamén hai no patio outra pequena edificación que agora serve de biblioteca e local social.
  As paredes do pazo están revocadas e pintadas de cor branca, pero sempre deixando á vista as pezas de cantería dos vans. Na fachada principal (non na do SO nin nas laterais) a zona revocada ten multitude de ocos aleatorios que deixan ver a pedra, o que lle confire unha estética similar á das igrexas e capelas mariñeiras. A porta de entrada, labrada en cantería, ten un lintel recto sobre pequenos canzorros a maneira de triglifos. No primeiro piso, entre a primeira e segunda fiestra, hai outro escudo, diferente aos da entrada, representando as linaxes dos Novoa, Luaces e Enríquez.
  O pazo conta tamén cuns xardíns de aproximadamente 3.500 metros cadrados.
 
 
  O primeiro propietario foi Gómez Mosquera Pimentel de Ribadeneyra, señor da casa de Lodoira, soar dos Mosquera e Espantosos, e capitán das milicias de Mesía, que casou con dona María Enríquez de Novoa Quirós y Sotomayor, señora da casa e fortaleza de Armariz e da súa xurisdición en Ourense. Ambos os dous están soterrados en suntuosos mausoleos na igrexa de San Martiño de Galegos.
  O herdeiro foi Antonio Mosquera Pimentel Ribadeneyra, que casou con dona Baltasara de Luna Llovera y Valladares, relacionada coa casa de Aplazadoiro. Estes foron os que acolleron a dona Mariana de Neoburgo e ao seu irmán don Luis. Como compensación foilles concedido o privilexio de poñer cadeas na súa casa (tal como sucedeu tamén cos anfitrións que hospedaran á raíña no pazo de Herves, os Quiroga e Ulloa).
  O seguinte herdeiro, tanto de Armariz como de Galegos, foi Antonio José Mosquera Pimentel, 2º marqués de Bóveda de Limia e Rexidor de Ourense, debido ao seu matrimonio coa titular das dúas dignidades dona Mª Teresa Espinosa y Berbetores (que era filla do 1º marqués -desde 1701- Juan Nicolás de Espinosa y Feijóo e de Isabel Melchora de Berbetores y Montenegro).
  O primoxénito deste matrimonio foi Benito Mosquera Pimentel Berbetores, 3º marqués de Bóveda de Limia, que en 1754 pertencía ao Real Seminario de Nobres de Madrid.
  Xa fóra da familia, no século XX, outro dos seus donos foi Emilio Folla Jean (m.1932), que en xuño de 1914 cedeuno a Maximiliano Linares Rivas (m.1932), alcalde do Ferrol e da Coruña. Herdouno a súa filla Rosario Linares-Rivas Amil-España. Esta cedeuno en xullo de 1966 á congregación de monxas de Santa Dorotea. Foron elas as que mandaron construír a capela. A súa presenza foi vital para a zona. Dirixiron unha escola para os nenos do lugar, cederon os terreos e as casas aos 19 caseiros que había e venderon a baixo prezo os terreos para que outros 29 mozos da parroquia edificaran as súas casas. Tamén doaron á asociación de veciños os terreos para o campo da festa e logo a Fraga do Petón.
  En 2024, Remedios Miguélez, a última das monxas doroteas que vivía en solitario no pazo, abandonouno o día 31 de agosto. A congregación estaba perfilando a cesión do pazo ao Concello de Frades.  

martes, 6 de mayo de 2025

A vida nas aldeas de antano

   Manuel Rodríguez García co seu libro "Historia viva" (1998) é unha gran fonte de información sobre o Ordes de principios do século XX. Velaquí algúns dos seus recordos sobre como era a vida cotiá antes de 1930.
 
  A vida nas aldeas de Ordes, hai máis de 70 anos, era moi familiar. As xentes estaban todas emparentadas, as casas unidas unhas a outras, igual que as eiras, cos palleiros agrupados. Os corrais de diante das casas formaban un só, e cada casa estraba con toxos a súa parte correspondente. Os hórreos agrupábanse así mesmo no campiño máis alto. Nas eiras situábase o pozo do cal sacaban a auga cun caldeiro atado a punta dun adibal enrolado nun sarillo de pau. O muíño tamén era comunal e estaba partido en pezas e medias pezas. No lavadoiro, construído no campo da fonte, cada veciño tiña a súa lousa de pedra para refregar a roupa, que se poñía a clareo no arredor, antes de tendela a secar nas silveiras.
 
  As mulleres da aldea xuntábanse todos os luns no lavadoiro; lavaban a roupa e contaban contos. Era un lugar de encontro; as xentes tamén se procuraban nos herbais, nas cortiñas, nas corredoiras e nos carreiros.
  Os nenos nacían nas casas e mamaban ata o ano e medio, pero aos poucos meses xa lle daban papas de fariña de millo con leite, que eran sempre de fariña do óleo, e máis caldo coa culler, que antes mastigaba a nai. Tamén lle daban a codia de abaixo do pan de boroa. Vestían "peleles", camisas, chaquetas, pantalóns longos por debaixo do xeonllo cun tirante só, un pouco cruzado, boina e zocos. Ían xogar cos outros nenos, ás veces en busca de nocellas, que arrincaban cun chuzo de pau, amoras, acedas, peruquiños dos espiños, abelás, piñóns de piñeiro macho, castañas, chuchameles e amorotes.
  No almorzo tomábase caldo do día anterior con pan molente ou sopas de nata ou manteiga; no xantar, caldo, compango (carne de cocho) e un chisco de leite; na cea, merenda de fariña de trigo con torrixos e graxa de cocho. Cando chovía moito acoraba o muíño e non moía fariña dabondo para cocer. Era cando se facían bolos no pote con torrixos ou bolas delgadas na borralla envoltas en verzas.
  A escola era de pago (un ferrado de trigo anual), e só acudían a ela os rapaces; ás rapazas, como non ían ao servizo militar, non lles facía falta saber ler. Pero mesmo os rapaces asistían pouco, pois xa desde pequenos tiñan que traballar, ás veces de sol a sol; levar as vacas a pacer, chamar aos bois a arar ou gradar a terra, ir apañar comida para os animais (herba, avea, nabos, verzas), ou toxos para as bestas, que había que trizar no trizadeiro e botarllas no pesebre.
  Cando algún neno estaba empanicado, a nai facíalle os remedios na casa: para a gorxa, mel con limón; para os ollos, celidonia con leite; para a cabeza, lonchas de patacas postas na testa de diadema amarradas cun pano; para o constipado, auga fervida con romeu, ruda, follas de eucalipto, malvas e fiunchos; para purgalos, ouropeso; para as feridas, po de champiñóns; para os tirizós, afumalos con fume de carozos; para o trancazo, unha ortigada no lombo; e para os golpes, fregas de nabo caíño.
 
OS MUÍÑOS
  Os muíños de río eran comunais e estaban partidos en pezas ou medias pezas, sendo a peza de sol a sol. Pola mañá cedo, antes de saír o sol, apañaba a fariña o que moeu de noite e deitaba o millo o que moía de día. Se tiña media peza apañaba á posta do sol e deitaba a da noite.
  Despois de cear na casa xuntábanse as mozas da aldea e ían dar conta do muíño... Que había moito raspiñeiro! Levaban un farol e un candil para alumear, pandeiretas e cunchas para bailar a muiñeira.
  Ao chegar os mozos, que levaban algunha gaita, xa empezaba a muiñada para toda a noite. A moza que bailaba co mozo que lle gustaba pronto se cansaba de bailar e dicíalle se quería sentarse, así ían sentarse no canto do tremiñado ou no pasadoiro e contaban moitos contos. El botáballe o brazo por enriba e dáballe uns beliscos, e ela toda se revolvía coma quen non quere a cousa. Así brincaban ata moi tarde e cantaban: 
"Unha noite no muíño, unha noite non é nada. Unha semaniña enteira, esa si que é muiñada" ou "O muíño do meu sogro, eu ben lle sei o tempero. Cando está alto baixalo, cando está baixo erguelo".

viernes, 2 de mayo de 2025

O ano 1961


  En 1961 a Guerra Fría subiu de intensidade, con Cuba e Berlín á cabeza.
  Os dous rivais, un comandado por Nikita Kruschev e o outro por John Kennedy disputaron unha encarnizada carreira espacial, encabezada naquel tempo pola URSS, que puxo en órbita a Yuri Gagarin e a Guerman Titov mentres nos USA Shepard e Grissom só realizaban voos suborbitais. Ambas as dúas potencias continuaban competindo tamén a ras de terra efectuando máis probas nucleares.
  Non lle ían tan ben as cousas á URSS en Berlín onde a xente emigraba en masa ao sector occidental, así que decidiron construír un muro ese verán. Ata o mundo da cultura participaba na loita (fuxida do bailarín Rudolf Nureyev). Pero onde todo subiu de punto foi en Cuba que viviu a invasión da Bahía de Cochinos en abril e (ao ano seguinte) sería protagonista da crise dos mísiles.
  Outras noticias dese ano foron o inicio da CEE e de Amnistía Internacional, a fundación da OLP ou a 1ª sesión da Asemblea Xeral da ONU. Continuou a descolonización coa independencia de Serra Leona e Tanganica en África e de Kuwait en Asia.
 
  1961 foi ano de boas películas como Yojimbo ou One, Two, Three e de libros tan interesantes como El coronel no tiene quien le escriba, Solaris ou Catch 22. Na música continuaba o fenómeno twist con "Let's twist again", pero tamén aparecía o 1º gran éxito da Motown "Please, Mr. Postman" e baladas como "Can´t help falling in love".
 

  En España a economía comezaba a ir coma un tiro. Era o comezo do "desarrollismo" auspiciado polos tecnócratas. Símbolo das inversións estranxeiras que estaban a entrar a feixes no país foi a rodaxe da película El Cid. 1961, ano no que houbo algúns graves accidentes, foi testemuña da retirada das tropas de Marrocos e do inicio da banda ETA.
  No campo da cultura apareceu o primeiro cómic de 13, Rue del Percebe e os libros Un millon de muertos e Tiempo de silencio. O cine deu dúas grandes obras como Plácido e Viridiana, pero houbo películas máis populares como Tres de la Cruz Roja ou Ha llegado un ángel (a 2ª da estrela infantil Marisol). Na televisión naceu o mítico Escala en hi-fi. Na música o Dúo Dinámico sacaba Quisiera ser, arrasando entre a mocedade (sobre todo feminina), e comezaba o fenómeno Manolo Escobar.
  Galicia contemplou co asombro o secuestro do trasatlántico Santa María polo DRIL (onde había moitos galegos). No ámbito da cultura destacou a publicación en Arxentina de Memorias dun neno labrego, que sería a novela máis lida na nosa lingua. Apareceu a asociación cultural O Galo, morreu Asorey, o noso máis famoso escultor, e como guinda final, Pucho Boedo uníuse aos Tamara.
 
E... que pasaba en Ordes?
XANEIRO: Daniel Vieites, empregado de Fenosa, agraciado con 200.000 pesetas na lotería. Roubo na igrexa de Queixas (Cerceda). Rematou o xuízo contra Bascuas e Castro, os acusados do crime de Vilar de Couciero. Nomeado médico en Ordes Francisco Díaz Rilo. O día 16 morreu Carmen Calvo Pena (muller de Eduardo Martínez Viqueira) aos 30 anos en Mercurín, o 19 José Bermúdez Raña aos 75 anos tamén en Mercurín e o 26 Andrés Varela Campos con 83 anos en Leira. Tamén morreu o neno Amancio Espiñeira.
FEBREIRO: Nomeado xuíz de 1ª Instancia e Instrucción Martín Otero Fernández. O almacén do SNT estivo 4 días aberto, outros meses só abriría un día. 51ª Asemblea Sacerdotal comarcal do arciprestado de Berreo de Arriba coa visita o último día do cardeal Quiroga Palacios. 107 solicitantes en Ordes dunha vivenda para pobres, pero sen ningún resultado, do que se queixaba Fausto Blanco, correspondente do xornal El Correo Gallego. Tamén se queixaba do mal estado das estradas a Frades e Trazo. Suprimidas as escolas masculinas do Mesón do Vento e de Castrelos (Leira). O día 23 morreu atropelado por un camión na curva de Formarís na Sionlla o labrador Luis del Río Grela (de 47 anos, casado e con 7 fillos, cuñado de Estevo da Reverencia), cando conducía dous bois pola estrada.
MARZO: Voda de Susita Viaño co coruñés Melchor Lois Santos. Bautizo de César Manuel González Brey, fillo de César González e Rocío Brey. Fausto Blanco queixábase do atraso das rúas Lagartos e Recreo en canto a alcantarillado e beirarrúas. Naceu Pedro Carrasco del Río. O día 7 morreu o industrial madeireiro Manuel Regos Caramelo aos 64 anos.
ABRIL: Mulleres de Mercurín apedraron a unha brigada de obreiros de Patrimonio Forestal. Xubilación do alférez da Garda Civil Luis Suárez Rey que marchou a vivir en Fene. Inauguración do servizo eléctrico en Poulo. O día 30, último partido do Ordes en 3ª División empatando na casa do Coruxo 1-1.
MAIO: Atopado morto coa cabeza metida nun regato Manuel Mesías, veciño de Merelle, que regresaba da feira da Adina. Partido do Rayo FC contra o Portazgo en Miramár  ao que gañou 3-4. Voda de Lolita Couto Carballido con José Feijoo Álvarez. Bautizo de Lino F. Garea, 2º fillo de José Garea e de Iluminada González.
XUÑO: O xoves día 1 presentación e inauguración do campo do novo equipo de fútbol, o Rayo FC, con partido contra o Victoria e un festival coa elección de "Guapa de Órdenes". Visita pastoral do bispo auxiliar Novoa Fuente ás parroquias do arciprestado de Berreo de Arriba e multitudinario acto de confirmación (246 nenos) o luns 19.
XULLO: 1ª Comuñón de Tilita Viqueira. Festas de Parada que duraron 3 días. O comercial coruñés Alfonso Romero, axudado por Ovidio Prado, levaba vendidas 2 ducias de tractores na zona.
AGOSTO: Premio de 2.000 pesetas otorgado polo gobernador civil a Mª Carmen Verea por ter o "establecemento máis coidado". Festas patronais coa Banda de Arca e as orquestras Florida e Radio. Morreu María Golán Vieites (sogra de Manuel del Río Mandayo) aos 88 anos.
SETEMBRO: Incendio dun camión que transportaba algúns cadros do pintor Juan Luis López, profesor de Belas Artes en Barcelona. Aprobada pola Deputación a reconstrución da ponte Marzoa por máis de 550.000 pesetas. En Poio voda de Antonio Concheiro Carro con Mª Pilar Coello. Voda de Fausto Blanco García coa profesora Mª Ángeles Álvarez. O día 8 morreu Casilda Becerra de Arriba (muller de Manuel Becerra Viqueira) aos 59 anos en Mercurín.
OUTUBRO: Morreron o mestre José Bello Segade aos 47 anos, José Areoso Golán aos 73 anos e María Castro Bao (nai do alcalde Juan Liñares) aos 74 anos.
NOVEMBRO: Morreu Pedro Álvarez Mosquera. Solicitude de electricidade para Lesta.
DECEMBRO: Exitosa actuación de Juanjo Linares na Coruña. Traslado dun muíño do Mesón vendido por Asunción Copa a Fonte da Viña en Beán polo comprador Manuel Rey Chico. O día 22 morreu Manuel Franqueira Martínez Manolo da Ponte aos 85 anos.