sábado, 10 de mayo de 2025

Pazo de Galegos (Frades)

   No lugar do Pazo da parroquia de San Martiño de Galegos (Frades) achamos un dos monumentos máis importantes da comarca, o pazo de Galegos, do que temos noticias desde 1664, a mediados do século XVII.
 
 
  Accédese a el por un portón, feito de grandes pezas de cantería, de traza sinxela e co lintel recto. Amosa dous fermosos escudos, labrados sobre a pedra e bastante desgastados. No da esquerda están representadas as liñaxes  dos Salgado, Ribera e Gayoso, e no da dereita as dos Montenegro, Mosquera, Andrade e Bermúdez. Ademais no centro hai unha inscrición que alude ao paso de dona Mariana de Neoburgo, futura raíña de España:
 
  EN 15 DE ABRIL DE 1690 DURMIÓ EN ESTA CASA LA REINA NTRA. SRA. Dª MARIANA DE NEUBURGO, MUGER DEL REY NTRO. SR. D. CARLOS 2º, VINIENDO DE LA CORUÑA EN ROMERÍA Á NTRO. SANTO APÓSTOL SANTIAGO.- SIENDO DUEÑOS DE ESTA CASA D. ANTº MOSQUERA PIMENTEL RIVA DE NEIRA CASADO CON Dª BALTASARA ANTª DE LUNA LOVERA Y VALLADARES. AD MAYOREM DEI GLORIA.
 

  O corpo principal do pazo, que está á esquerda da entrada, ten unha planta rectangular moi alongada duns 25 metros de lonxitude por uns 7 de ancho. O tellado, a catro augas, conta cun par de chemineas. Apegada perpendicularmente a el hai unha pequena capela restaurada recentemente cun estilo disonante do resto do conxunto. Tamén hai no patio outra pequena edificación que agora serve de biblioteca e local social.
  As paredes do pazo están revocadas e pintadas de cor branca, pero sempre deixando á vista as pezas de cantería dos vans. Na fachada principal (non na do SO nin nas laterais) a zona revocada ten multitude de ocos aleatorios que deixan ver a pedra, o que lle confire unha estética similar á das igrexas e capelas mariñeiras. A porta de entrada, labrada en cantería, ten un lintel recto sobre pequenos canzorros a maneira de triglifos. No primeiro piso, entre a primeira e segunda fiestra, hai outro escudo, diferente aos da entrada, representando as linaxes dos Novoa, Luaces e Enríquez.
  O pazo conta tamén cuns xardíns de aproximadamente 3.500 metros cadrados.
 
 
  O primeiro propietario foi Gómez Mosquera Pimentel de Ribadeneyra, señor da casa de Lodoira, soar dos Mosquera e Espantosos, e capitán das milicias de Mesía, que casou con dona María Enríquez de Novoa Quirós y Sotomayor, señora da casa e fortaleza de Armariz e da súa xurisdición en Ourense. Ambos os dous están soterrados en suntuosos mausoleos na igrexa de San Martiño de Galegos.
  O herdeiro foi Antonio Mosquera Pimentel Ribadeneyra, que casou con dona Baltasara de Luna Llovera y Valladares, relacionada coa casa de Aplazadoiro. Estes foron os que acolleron a dona Mariana de Neoburgo e ao seu irmán don Luis. Como compensación foilles concedido o privilexio de poñer cadeas na súa casa (tal como sucedeu tamén cos anfitrións que hospedaran á raíña no pazo de Herves, os Quiroga e Ulloa).
  O seguinte herdeiro, tanto de Armariz como de Galegos, foi Antonio José Mosquera Pimentel, 2º marqués de Bóveda de Limia e Rexidor de Ourense, debido ao seu matrimonio coa titular das dúas dignidades dona Mª Teresa Espinosa y Berbetores (que era filla do 1º marqués -desde 1701- Juan Nicolás de Espinosa y Feijóo e de Isabel Melchora de Berbetores y Montenegro).
  O primoxénito deste matrimonio foi Benito Mosquera Pimentel Berbetores, 3º marqués de Bóveda de Limia, que en 1754 pertencía ao Real Seminario de Nobres de Madrid.
  Xa fóra da familia, no século XX, outro dos seus donos foi Emilio Folla Jean (m.1932), que en xuño de 1914 cedeuno a Maximiliano Linares Rivas (m.1932), alcalde do Ferrol e da Coruña. Herdouno a súa filla Rosario Linares-Rivas Amil-España. Esta cedeuno en xullo de 1966 á congregación de monxas de Santa Dorotea. Foron elas as que mandaron construír a capela. A súa presenza foi vital para a zona. Dirixiron unha escola para os nenos do lugar, cederon os terreos e as casas aos 19 caseiros que había e venderon a baixo prezo os terreos para que outros 29 mozos da parroquia edificaran as súas casas. Tamén doaron á asociación de veciños os terreos para o campo da festa e logo a Fraga do Petón.
  En 2024, Remedios Miguélez, a última das monxas doroteas que vivía en solitario no pazo, abandonouno o día 31 de agosto. A congregación estaba perfilando a cesión do pazo ao Concello de Frades.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario