Juan José Liñares Martiáñez, máis coñecido como Juanjo Linares, naceu en Ordes o
6 de Setembro de 1933. Era fillo de Gumersindo
Liñares, propietario do "Bar Liñares" (entón punto de reunión
dos VIPs de Ordes) e de Valentina
Martiáñez Bengochea, unha madrileña de distinguida familia.
Juanjo viviu por e para o baile. Entregou toda
a súa vida á danza, nas súas diferentes facetas: bailarín, coreógrafo e mestre
e, sen ningunha dúbida, foi unha máxima autoridade no estudo do baile
folclórico español (el prefería o termo “danza tradicional”) ao que consideraba
como un patrimonio que debía ser atendido e conservado.
Desde moi pequeno, Pocholo,
como era alcumado en Ordes, escapaba do bar e achegábase uns 100 metros á casa da súa
tía avoa Rita Castro Bao (m.1984)
-hoxe Alfonso Senra 106-, que lle ensinou os primeiros pasos de baile.
Xa sabía bailar aos 6 anos e aos 10 presentouse ao
concurso de baile galego que había nas festas e por suposto gañouno. Logo
acudiría ás romarías de Santa Margarida na Coruña, tendo como primeira
compañeira de baile á súa veciña Teresa Marcos.
Esa afección ao baile rexional levouno
a ser instrutor de "Coros y
Danzas" durante 3-4 anos, a traballar co "Ballet de la Coruña", ser profesor de "Lembranzas
do Arte" e colaborar con "Follas Novas" e "Aturuxo".
Paralelamente chegou a estudar Dereito pero a súa dedicación á danza impediulle
rematar a carreira.
Despois de estudar con Paco
Reyes, o mestre Carito, Salvador Melho ou Lolita Domíngez e facer televisión
con José Toledano, en 1960 prodúcese
o seu debut profesional no Teatro de La
Comedia de Madrid co Ballet Español de Rosario (1918-2000),
ex-parella do seu admirado Antonio.
Obtivo un gran éxito, ata o punto de que a crítica bautizouno como “o
bailarín dos pés alados" (como Aquiles). Gañaba 400 pesetas ao día que pronto
se converteron en 500.
Logo sería primeiro bailarín con Mariemma e colaboraría con Marifé de Triana,
Antoñita Moreno,
o Ballet español de Pilar de Oro e Alfredo Gil, María Rosa ... en fin, os nomes
máis prestixiosos desa época.
Tamén formou o seu propio ballet coas
bailarinas Carmela Prieto, Malena Muñoz, Fefa de Alba, Elvirita Loal e Dolores
España, acompañadas ao piano por América Villar.
A súa etapa como bailarín rematou cando, traballando
como artista convidado con María Rosa foille diagnosticada unha tuberculose
renal en 1970.
Tempo despois regresa á capital onde se lle
ofreceu a creación do Grupo Nacional de Danzas de Educación e Descanso. Coa
caída do franquismo, pasa a ocupar un posto de funcionario que compatibilizou
coa montaxe de coreografías para o Ballet
Nacional de Festivales de España, Antonio Gades, Ballet Folklórico Nacional, a Compañía de Zarzuela Isaac Albéniz,
Imperio Argentina, José Greco, etc.
En 1970 "Sementes do Arte" en Ordes foi o primeiro de varios grupos de
danza folclórica que creou por Galicia e Castela. En 1971 foi "Semillas del Arte" de Puebla de Moltalbán (Toledo), e logo varios máis, porque o estudo
e o ensino da danza tradicional foi a
paixón á que dedicou a segunda metade da súa vida. Escribiu varios libros e moitos traballos pequenos sobre bailes rexionais. Discípulos seus serían Javier García, Manuel Segovia,
o director da Compañía Ibérica de danza, ou Aida Gómez, que preparaba un traballo con
el.
Paralelamente era un coleccionista compulsivo
de traxes. Sostiña que o clima e por tanto o vestido determinaban o modo de
bailar. Non tiña un oco libre na súa casa, ocupada totalmente por centenares de traxes, non só rexionais senón tamén vestidos de artistas famosas coas que compartira o escenario. Ao longo da súa vida realizou
exposicións en Madrid, Santillana del Mar, Cádiz, Córdoba… pero finalmente
legou a colección a Ordes, que creou para ela o Museo do Traxe.
Non puido asistir á súa inauguración, en
xaneiro de 2010, porque morreu o 16 de novembro
de 2009 no Hospital de la Concepción
de Madrid, aos 76 anos, por complicacións dun infarto sufrido cando ía saír da
súa casa para impartir unha clase maxistral. Rematou a súa vida “coas
zapatillas postas” como era a súa obsesión.
Juanjo Linares foi o ordense máis exitoso
durante os anos 60 e 70. O número de premios e distincións que acadou é altísimo,
destacando a Medalla de las Bellas Artes
(prata) e unha das Medallas de Galicia (bronce). É Fillo predilecto de Ordes
desde 1990 e leva o seu nome a rúa coa que fai esquina a Casa da Cultura.
No hay comentarios:
Publicar un comentario