Tal como podemos ver na web de Carlos Calvo Varela, Aldeias de Ordes, en toda a
comarca hai moitos topónimos que proceden da existencia de vilas ou algún outro
tipo de explotacións agrícolas medievais que tomaban o nome do seu propietario.
Velaquí máis de 20 exemplos do concello de Ordes.
Adrán
Lugar da parroquia de Vilamaior, Adrán provén do xenitivo
Hadriani, isto é, uha vila,
granxa ou outra propriedade dun tal Hadrianus, nome romano procedente da cidade de Hadria
(preto da actual Venecia) e que tamén da nome ao Mar Adriático. “Hadria”
probablemente estaba relacionada co termo Ater
“sombrío, negro coma o carbón”.
Ardemil
A parroquia de San Pedro de Ardemil debe o seu nome a unha vila altomedieval propiedade
dun tal Ardemirus,
nome seguramente composto polos elementos góticos hard ‘duro, severo’ e mêreis
‘famoso, célebre’, ou sexa “célebre pola súa dureza”. Esta *(villa) Ardemiri probablemente fose
durante un tempo Ardemir, antes de chegar á forma definitiva de Ardemil,
topónimo que, como outros rematados en –mil, deu pé a lendas populares que vían
no número 1000 a
súa razón de ser. A lenda dos mil mouros queimados debeuse ver favorecida polo
famoso romance galego-portugués do Figueiral
e o tributo das cen doncelas de Mauregato, con resonancias en Morgade.
Axáns
Lugar da parroquia de Ardemil, preto do Mesón do Vento. Probablemente veña dunha *(villa) Agilanis, propiedade dun tal Agila, nome dun rei visigodo que contén a partícula agi
‘espada’.
Baltares
Lugar da parroquia de Barbeiros. Baltar podería proceder dunha hipotética *(villa) Baltarii, xenitivo do nome xermánico Baltarius.
Esmorís
O topónimo Esmorís (parroquia de Buscás) explícase
pola existencia dunha vila ou explotación agrícola altomedieval propiedade dun
señor chamado Hermericus.
Esta *(villa) Ermerici ou Hermerici, en xenitivo latino sería “Vila
de Hermerico”. Hermericus, á súa vez, é un nome xermánico que, como era costume
neles, representaba o que os pais esperaban para o futuro dos seus fillos. Neste
caso está formado por dous elementos góticos: *aírmas/aírmins ‘grande, groso, largo’ e *rikaz ‘poderoso’, resultando que
Hermericus viría a significar algo como “Grande poderoso”. O prestixio de
Hermerico, o primeiro rei suevo de Galicia, explica a popularidade do nome e
por tanto a abundancia deste topónimo en toda Galicia.
Faramilláns
Este lugar do norte de Buscás foi durante o Antigo Réxime unha parroquia de seu. Aparece citado como "cautum de Flaminianos" na carta de doación que lle fixo o rei Alfonso VII á Igrexa de Santiago no ano 1124. Flaminiano deriva do nome Flaminius -como o senador Flaminius Priscus (s.III)-, que á súa vez ven de flamen, especie de sacerdote romano.
Froxil
Esta aldea de Ardemil debeu ser *(villa) Frogilde, pertencente a un
terratenente chamado Frogildo, nome xermánico moi abundante na época e
que resulta da unión dos elementos góticos frauja
‘señor’ (aplicado tamén a deus) e gild
‘imposto, contribución’. Parecido orixe ten Faxilde, xenitivo dun tal Fagildus ou Fagildo, outro
nome xermánico co elemento gild
‘tributo’ acompañado de *fahs
‘alegre’, tendo o sorprendente significado ‘Alegre tributo’.
Gosende
Aínda
que debido á nosa gheada Ghosende recórdanos
ao nome castelán José, en realidade ven dunha Gundesindi medieval, posesión dun dono portador do nome
xermánico Gundesindus
(de gunths ‘loita’ e sinths ‘camiño, expedición militar’). Para Dolores González de la Peña en cambio ten outra orixe.
Guindiboo
Posiblemente
Guindiboo xunto con outros topónimos que empezan por Gund– ou Gunt– como Guntín (Mercurín) teñan relación
cun nome comezado polo elemento gótico gunthi, que significa ‘loita,
combate’. O lingüista arxentino Martins Estévez, a propósito do Gundivós
do Val de Lemos, considera que pode ser un topónimo celta *Gunitt Bodos
"Foso da batalla".
Guntín
Esta aldea de Mercurín sería *(villa) Guntini, (villa de Guntinus) antropónimo latinizado de orixe xermánico, formado pola voz gótica gunthi ‘loita, combate’ e a desinencia -inus, adaptación do sufixo tamén gótico -eins.Mañufe
En xeral os nomes rematados en –ulfe ou –ufe son de orixe sueva e teñen relación coa palabra
xermánica wulf ‘lobo’. Este é o
caso de Mañufe
(parroquia de Mercurín) que debe vir dunha *(villa) Mannulphi, propiedade medieval
dun señor de nome xermánico Mannulphus,
composto polos dous elementos góticos manna
‘home’ e wulfs ‘lobo’, co que o
nome completo significaría “Home lobo”. O home lobo en Xermania non
ten nada que ver co das películas de Hollywood, pois é máis ben un guerreiro
temible e defensor do seu pobo que deixa despois dos seus ataques a pegada dun
lobo sobre a neve.
Meitufe
Similar
caso é o de Meitufe (parroquia
de Leira). Pode que o nome do seu fundador medieval se explique polo elemento math ‘poderoso’, significando Meitulfus
ou Meitulfo “Lobo poderoso”.
Mercurín
O
topónimo Mercurín probablemente faga referencia ao deus romano Mercurio,
protector dos viaxeiros. Na Serra do Caurel hai uns "Montes de Mercurio" onde se amoreaban pedras para guiar aos camiñantes. Tal podería
ser o caso aquí.
Orellán
Pepín
O
topónimo Pepín (Mercurín) procede dunha altomedieval (villa) Pippini, propiedade
dun terratenente de nome Pippinus, igual co do rei dos francos Pipino o Breve, pai de Carlomagno e
fundador da prestixiosa dinastia carolinxia. O nome franco Pippinus, á súa vez,
deriva da raiz bibl- ‘tremer’.
Ponte Quinín
Viría dunha Ponte Quinnini, ou Ponte de Quindinus, nome composto do elemento kinth ‘proxenie,estirpe’ e a desinencia -in.
Ramil
Ramil (Barbeiros) ven dunha *(villa) Ranimiri
“Vila de Ranimirus”, nome que se converteu en Ramiro. Este antropónimo xermánico contén
de novo o termo mêreis ‘célebre’,
que orixinou moitos topónimos rematados en –mil.
Non está tan claro de que elemento gótico
ven o Ra- inicial.
Requián
Segundo explica Cabeza Quiles, o
topónimo Requián (Beán) “debe ser a versión actual do acusativo *Requilanem, do nome xermánico persoal en
–ila, Rikila ou Rekila. Polo
tanto, dende unha posible *(villa)
ou *(villare) (de) Requilanem
chegariamos ao actual Requián, en referencia a un dono chamado Rikila ou Rekila, nome xermánico en que parece encontrarse o elemento
gótico rik ‘rei’. Rekila foi o 2º rei suevo de Galicia, fillo de
Hermerico, que abdicou no ano 438.
Trasmil
Trasmil (Mercurín) deriva do nome Trasmirus, que contén *thras
‘desputar’ e de novo o termo mêreis ‘célebre, famoso’,
que orixinou moitos topónimos rematados en –mil. Este antropónimo rexístrase na Galicia medival nos séculos IX e X.
Vilagudín
O
topónimo deste lugar de Lesta fai referencia a unha medieval *Villa Godini, dun señor chamado
Godinus
(nome xermánico tal vez formado a partir do étnico Goth ‘godo’). Na parroquia
de Mesía tamén hai un Gudín, do que caeu o “Vila” inicial. Quizais foi o
mesmo terratenente Godinus ou Gudinus o que fundou no seu dia as dúas vilas.
Vilasenín
Este lugar de Leira (no que tamén hai un encoro) debe o seu nome a unha *Villa Sinnini, dun tal Sindinus
(sinth ‘forte’ máis a desinencia in -sinth ou swind tamén o podemos atopar no nome Gumersindo ‘home forte’-).
Xenarde
A etimoloxía popular fala dun gran incendio. “Arden
mil montes, arde-mil!”, berraban os veciños desesperados, ata que nun pequeno
outeiro, o Cotón de Xanarde
(451m), comezou a amainar o lume e unha veciña deu a boa nova: “Xa non arde, xa
n’arde!”. A fría etimoloxía cientifica supón en cambio unha vila medieval, *(villa) Janardi, propiedade dun tal Janardos.
Este antropónimo, documentado na Galicia do século IX, está formado polo
elemento gótico hard ‘duro, forte’ o mesmo que aparece na composición do
topónimo Ardemil. Tal vez a 1ª partícula de Janardus sexa *gais–
‘lanza’, así que significaría "Lanza forte".
Noutros concellos
da comarca atopamos moitos máis destes topónimos como Antemil, Calvente, Papucín, Restande,
Rosende, Sadurnín ...
No hay comentarios:
Publicar un comentario