Como podedes supoñer polo título, este artigo
só pretende ser unha lixeira introdución ao tema, lonxe do rigor científico. Por tanto limitareime a nomear unha ducia de bolboretas moi comúns nos arredores da
vila de Ordes, das case 80 que, segundo Alejandro Lázaro Camafreita, hai na comarca. O
que queira nomes latinos e precisión académica pode picar nas ligazóns para ampliar
coñecementos.
Os profanos, ou sexa o 99,9 % de nós, non
sabemos o nome de ningunha bolboreta, pero, sendo algo observadores, decatámonos
polo menos de que a maioría das que vemos ao pasear polo campo son de tres
cores: brancas, marróns e amarelas.
As case totalmente brancas (que en galego reciben o nome de anxos) pertencen a dúas
especies moi parecidas: a bolboreta da col e a branquiña da col. Se nos fixamos
ben cando están pousadas, podemos distinguilas porque a segunda é algo máis
pequena e carece de banda negra na punta do borde das ás anteriores. Na miña
infancia, preto dos núcleos habitados, as bolboretas da col viánse máis que case
todas as outras bolboretas xuntas, pero a diminución das hortas con verzas, sustento das súas eirugas,
provocou unha baixada importante na súa poboación.
Aínda hai unha terceira especie
predominantemente branca pero con gran número de manchas negras. En castelán é a medioluto
(medioloito),
nome que lle deron porque parecía estar de alivio, deixando o loito.
En canto ás bolboretas amarelas hai dúas
especies moi fáciles de distinguir. Se nos fixamos un pouco, decatarémonos de
que unha semella ter unha cor máis forte. É a colia (en galego xofrada), que voando, parece de cor case alaranxada pero coas ás pechadas é simplemente amarela. Se nos
achegamos podemos ver tamén un punto branco, algún negro e uns grandes ollos
verdes. A outra bolboreta, de máis tamaño ca anterior, ten unha cor amarela
mais clara, ás parecidas a unha folla e ollos escuros. Chámase limoeira e podedes
supoñer a razón do nome.
Pasemos agora ás bolboretas marróns. Aquí xa
temos máis problemas porque hai varias especies parecidas e que ademais son moi
abundantes todas. A bolboreta loba (meadow brown "prado marrón" en inglés e bailadora dos prados en galego), a lobiño -ou tamén lobiño agreste-, que ten as ás pola parte
interior máis alaranxadas (en inglés gatekeeper
"porteira" ou hedge brown
"seto marrón"), e a pánfila (ninfa de linneo ou níspola
en castelán, nêspera en portugués, e small heath "pequena uz" en
inglés).
Tamén bastante común é a maculada ou vanesa dos muros. O seu
nome significa "manchada" e ten por fóra un tono bastante alaranxado.
Aínda máis alaranxada e gris clara é a bonita e inconfundible cardeira, así chamada pola querencia
ás flores de dita planta e que ten un tamaño bastante grande (ata 9 cm) comparada coas
anteriores.
Rematamos falando de dúas bolboretas
bastantes escuras e moi bonitas. A atalanta ou vulcana e a
espectacular paxara ou pavo real. Esta última coas
ás pechadas parece unha tea negra de encaixe, pero cando as abre vemos un
precioso espectáculo que xustifica o seu nome. Por certo que as eirugas de
ambas as dúas son grandes comedoras de ortigas e non teñen nin de lonxe a
beleza das súas conxéneres adultas.
Unha caractéristica sorprendente de moitas destas bolboretas é que parecen ter só 4 patas (realmente as 2 primeiras son moi curtas e están pegadas ao tórax). Isto ocorre coas bolboretas das familias Satyridae, Ninfalidae e Danaidae.
Unha caractéristica sorprendente de moitas destas bolboretas é que parecen ter só 4 patas (realmente as 2 primeiras son moi curtas e están pegadas ao tórax). Isto ocorre coas bolboretas das familias Satyridae, Ninfalidae e Danaidae.
Continúa en Bolboretas para non expertos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario