Na Calle de Poulo, ao pé do Camiño Inglés, acháse
esta casa que é un dos edificios máis antigos de todo o concello pois data
(polo menos) do século XVI.
Feita de cachotería e cun tellado que mestura
a tella do país coa uralita non se distingue exteriormente doutras casas
tradicionais mal conservadas, agás por unha placa. Se nos achegamos á porta podemos
ver tamén un escudo e unha inscrición que di así: EN ESTA CASA POSO EL REI D PHELIPE 2 A 25 DE IUNO DE 1554.
Custa bastante ler a inscrición pero explica
a importancia da construción xa que nela pernoctou o rei Felipe II o 25 de xuño do ano 1554, cando ía a embarcar rumbo a
Inglaterra e contraer matrimonio con María Tudor.
Orixinalmente o escudo estaba moito máis alto
e a inscrición da pernocta do rei debaixo del, pero ao facer uns arranxos na
casa cambiárono ao lintel e a inscrición á xamba esquerda. O escudo sería
tomado como modelo para o do concello de Ordes.
Historicamente a casa pertenceu á familia del Río Maldonado. No século XVIII trasladáronse
a Santiago de Compostela acolléndose á protección dos arcebispos. Varios dos membros da familia
obtiveron coenxías en Santiago e Oviedo e cátedras na Universidade de
Compostela.
Un dos máis destacados foi Francisco
Antonio del Río Maldonado, médico do Real Hospital de Santiago de Compostela e
tamén do Santo Oficio.
Mediante enlaces matrimoniais a liñaxe dos
Turnes vinculouse coa familia Maldonado, sendo un dos descendentes don Andrés Vicente de
Turnes Sánchez, que chegou a ser avogado da Real Audiencia, alcalde de Santiago
e deputado do Común entre outras ocupacións.
Tamén destacou don Vicente de Turnes del Río Maldonado, o Cego Turnes, que foi poeta en galego e castelán a principios do século XIX, ademais de exercer de xornalista.
Tamén destacou don Vicente de Turnes del Río Maldonado, o Cego Turnes, que foi poeta en galego e castelán a principios do século XIX, ademais de exercer de xornalista.
A comezos do século XX, en 1908, faise coa propiedade Ricardo Uzal Regueiro, pai de Felisa Uzal Varela (m.1953), a esposa de Laureano Varela Ferreiro (1869-1928), un rico indiano que fixo a súa fortuna coa cana de azucre en Puerto Rico. Residían noutra casa, "a Casa do Escribano", á beira desta, que estaba habitada por caseiros. Durante anos tamén foi utilizada como corte para o gando e alpendre.
No hay comentarios:
Publicar un comentario