O cultivo e aproveitamento do liño en Galicia foi moi importante
desde a Idade Media (e posiblemente antes) sobre todo na zona do litoral e
nalgúns vales do interior.
A época de maior apoxeo da artesanía do liño
vai desde mediados do século XVIII ata principios do XIX, período no que,
ademais do liño do país, tamén se tecía liño procedente da zona do Mar Báltico
que entraba polos portos de Ribadeo, Carril e Vigo. Unha vez confeccionado o
lenzo, exportábase cara a Castela ou América.
Coa chegada do liño foráneo prodúcese un
descenso nas colleitas do autóctono, que co paso do tempo foi perdendo calidade
pola falta de renovación da semente. Non obstante seguía estando mellor
valorado, como vemos no refrán: "O liño de Holanda pesa e non anda"
(non rendía moito ao tecelo).
Nos anos 60 do século XIX esta artesanía
entrou en crise como consecuencia dos elevados aranceis sobre o liño importado
que favorecían á industria téxtil catalá.
A partir deste momento o cultivo e tecido do
liño pasou a ser unha actividade para o autoconsumo, ligado a épocas de
carestía económica (como os anos 20 ou a posguerra española). As familias
labregas que non tiñan recursos para comprar prendas manufacturadas víanse
obrigadas a producilas artesanalmente a partir do liño. Elaborado este,
levábase á tecedeira para que confeccionase mantas, sabas e teas para facer
vestidos, camisas ou cirolas.
Os labores do liño foron unha parte
importantísima do traballo, da economía, das relacións sociais e da vida cotiá
dos nosos avós ata os anos 60 na que remataron definitivamente sepultados polos
cambios socioeconómicos daqueles anos.
Alí se perderon traballos, ferramentas,
nomes, ditos, festas ... que ata ese momento eran habituais e que hoxe son
totalmente descoñecidos para as novas xeracións.
Os traballos do liño eran maioritariamente
femininos e individuais ou familiares, pero nalgúns casos eran comunitarios e
acostumaban rematar en festa. Ao arrigado
acudían as mulleres da casa, axudadas por familiares ou veciñas, mentres que ao
tascado ían os mozos para cantar e
parolar coas mozas e logo bailar con elas cando remataban.
O
proceso era, máis ou menos, o seguinte:
Sementado: Sementábase a liñaza normalmente en maio.
Arrigado: Mes e medio despois aproximadamente colleitábase a
planta (non se cortaba senón que se arrincaba do chan antes de que estivese
completamente madura), logo facíanse feixes e deixábase secar no campo.
Ripado: Sacábase a bagaña coa liñaza no seu interior.
Pasábanse os monllos a través dos dentes dun ripo. A liñaza desprendíae, caía e estendíase ao sol.
Empozado: Metíanse os feixes de liño suxeitos con pedras nun
remanso do río para que afloxaran as febras do liño da parte leñosa.
Tendillado: Estendíase o liño en carreiras ao sol uns 4 e 5
días dependendo da temperatura para que a planta secase. Logo gardábase en
feixes na eira.
Mallado: Golpeábase cun mallo
(ou manlle na nosa zona) para
separar a febra do tronco leñoso. Nalgúns lugares, mazábase cun mazo e noutros
trillábase cun trillo.
Estrigado: O liño mallado recollíase formando unha especie de
rolos. Deses rolos sacábanse presas para facer estrigas.
Espadelado: Normalmente cara ao final do ano as febras de lino
apoiábanse sobre unha táboa vertical (espadeleiro)
e golpeábanse cunhas espadelas co fin de separar definitivamente o liño das
partes leñosas. Na comarca de Ordes non se facía isto e pasábase directamente
ao tascado.
Tascado: Despois de meter as estrigas no forno cunha
temperatura morna para amolecelas, as mulleres sentadas no banco pasábanas polo
fío do tascón repetidamente cun movemento de vaivén coa finalidade de eliminar
as arestas e poñer a febra o máis delgada posible.
Restrelado: As estrigas eran pasadas polo restrelo (unha especie de cepillo con moitas púas) para separar a estopa
(a parte máis burda) do lenzo (o fío máis puro e máis branco).
Cerros e manelas: Cunha porción de lenzo facíanse os
cerros e cunha de estopa as manelas. En ambos os dous casos estaban listos para
fíar.
Fiado: O lenzo e a estopa envolvíanse nunha roca. Cos
dedos dunha man íanse sacando as febras que se humedecían con cuspe mentres se
retorcían dándolles forma de fío. Coa outra man facíase xirar o fuso de tal
xeito que o fío ía envolvéndose nel. Ese fío formaba unha mazaroca.
Sarillado: A mazaroca sacábase do fuso. ara que o fío non se
enredase e collese nós facíanse marañas usando o sarillo.
Lavado e branqueado: As marañas lavábanse e branqueábanse
nunha póla con auga fervendo e un pouco de borralla. Despois eran lavadas,
batidas e clareadas.
Debandado: Unha vez ben secas as marañas, poñíanse na
debandoira. Tirábase do fío e manualmente íase envolvendo sobre si formando un novelo.
Tecido: Os novelos eran levados a un tecelán (normalmente
unha tecelá). Os fíos saían da urdideira
en forma de cadea quedando listos para colocar no orgo do liño do tear.
FONTE: Manuel Pazos "O proceso básico do liño".
No hay comentarios:
Publicar un comentario