jueves, 10 de enero de 2019

Festas en 1923

  Como non podía ser menos, Ordes gozou (ou padeceu) de numerosas festas no ano 1923 ademais das patronais e das do Recreo.

  En xaneiro celebrouse a de San Xian de Poulo con misa solemne, procesión e baile campestre. O cura don José Mª Barreiro García aproveitou para ensinar aos visitantes as obras que estaba facendo na reitoral.
  O Entroido tivo como era costume animación nas rúas e un baile de alta sociedade no Salón onde destacaron as habituais mozas de sempre: Pilar Astray, Carmen del Río Barros, Teresa e Sara García, Milagros Troche, Rosita Trasmonte, Pilar Romero, Clotilde Stolle, Amalia Louro, Maruja, Antonia e Concha Amigo, Asunción Concheiro, Maruja e Pepita Amor, Ángeles e Maruja Rapela, Isabel e Sara del Río, Carmen Mariño ...

  En marzo a procesión do Venres Santo presidida polo alcalde Manuel García Bermúdez acolleu moita xente. Conducía o Santo Calvario o banqueiro e empresario Juan Liñares acompañado do fiscal Ramón Astray Mato e o secretario xudicial José Sánchez Somoza. Non faltaba por suposto a Garda Civil ao mando do comandante do posto Donato Revilla. Houbo iluminación en moitas das casas do percorrido, destacando a do farmacéutico Manuel Alvarez Valdés que contou xa con bombillas de luz eléctrica.

  En maio tivo lugar a festividade que as Fillas de Ma­ría dedicaban á Virxe. Predicou o Padre Cuadrado. Na misa cantou o coro (composto por Encarnación Barrasa Gutiérrez -irmá do notario de Frades-, Rita Castro Bao, Carmen Barreiro, Sara Rivas, María Amor, Aurora Castro, Pilar Romero, Leonor Franqueira, Rosi­ta Trasmonte Platas e Amalia Louro) dirixido polo sacerdote de Marzoa, D. Manuel Linares, que tocaba tamén o armonium. Pola tarde hou­bo o ofrecemento á Virxe da flor de pureza polas "anxelicais" nenas Lolita del Río Barros (que recitou un poema), Juanita Louro, Jesu­sa Amado, Clotilde Viqueira e Pilar Linares, que foran prepara­das por Carmen del Río Barros (filla do mestre don Nicolás). Logo da entrega da vela, houbo o sermón do párroco don Nemesio Morgade e unha despedida final de Encarnación Barrasa.

  En xullo celebrouse a festividade do Sagrado Corazón de Xesús e predicou na igrexa o franciscano padre Nilo. Cantou o coro (composto nesta ocasión por Julia e Carmen Pol, Carmen del Río, Carmen Barreiro, Sara Rivas, Maruja, Pepita e Maura Amor, Rita e Aurora Castro, Pilar Romero e Rosita Trasmonte Platas). Pola tarde houbo a procesión, conducindo o estandarte o notario José García Álvarez acompañado de Joaquín Varela Tojo e o mestre Nicolás del Río Castelo.
  En Santa Cruz de Montaos, a festividade do Carme foi custeada por Manuel Bao (que tiña unha "tablajería" -carnicería- en Ordes). Non reparou en gastos e trouxo a reputada Banda de Arca ademais de moitos fogos artificiais.
  En Parada a festa do Carme foi inaugurada polo propietario da Casa Grande Balbino del Valle González* que ademais custeara a imaxe da Virxe, construída no obradoiro do escultor santiagués José Rivas Rodríguez. A omnipresente Banda de Arca foi a que puxo música ao evento.

  En setembro, ademais das festas do Recreo, tiveron lugar dúas festas en Poulo. A primeira na que tocou a banda de Abellá foi custeada polo veciño da Calle Domingo Figueira que levou o estandarte na procesión, acompañado dos nenos Laureano e Ricardo Varela e da súa pequena irmá Conchita portando nunha bandexa flores diante da Virxe. Tamén houbo un festín na casa do rico propietario Laureano Varela Ferreiro (a muller deste, María Felisa Uzal, era a camareira da Virxe). O acomodado labrador de Lavandeira de Abaixo Pedro Gómez Soneira quedou encargado da festa do seguinte ano.
  A festa do día 24 foi custeada polo veciño de Santiago Ramón Suárez e trouxo para a ocasión a Banda de Arca.
  E en outubro houbo un novenario de misas en honra da Virxe de Lourdes custeado polo propietario do Pazo do Peñasco e avogado de Santiago Joaquín Varela Tojo.
 
* Balbino del Valle González (m.1958) de Carraltravesa, parroquia de Sabadelle (Chantada), casou en 1914 con Carmen Vázquez Mariño coa que tivo 11 fillos, un deles, José del Valle Vázquez, foi alcalde de Santiago, procurador en Cortes e gobernador civil de Lugo. Balbino del Valle tiña 9 lugares con caseiros en Parada. A Casa Grande foi herdada polo seu fillo Francisco e hoxe é propiedade da súa viúva que a visita coas dúas fillas do matrimonio. Nese ano 1923 Balbino tamén cedeu gratis os terreos para a construción da estrada con destino a Trazo. Igualmente a Escola de Parada (inaugurada no ano 1959) construíuse en terreos cedidos por el.

No hay comentarios:

Publicar un comentario