Se hai algo que caracteriza aos ordenses de
calquera época é o noso gusto pola festa. Nos peores momentos da nosa historia,
incluída a guerra civil, non faltou a música e o baile. Como din os escasos
críticos (seres tristes e amargados de dubidosa ordesidade): "Non haberá cartos para comer, pero sempre
hai para festas".
No ano 1921 houbo diversas desgrazas, pero
non afectaron para nada ás festas patronais que foron tan concorridas e buliciosas
como de costume. Pero a cousa non parou aí. Para despedir adecuadamente á
multitude de forasteiros que veraneaban en Ordes celebrouse a finais de agosto na
aula da Escola nacional de nenos outro baile máis. As mozas do pobo, por
suposto, encargáronse "con exquisito
gusto" da decoración.
Grazas a La
Voz de Galicia e El Correo de Galicia de Arxentina coñecemos
o nome de moitas das "bellas
señoritas" da boa sociedade que acudiron ao baile: Maruja e Piedad
Carnota, Pilar Astray, Rita Castro Bao, Encarnación Castro, Higinia del Río, María,
Amalia e Asunción Concheiro, Pilar e Carmen del Río Barros, María e Antonia Amigo,
María Iglesias Romero, Carmen Blanco, Isabel e Celia del Río Castro, Amparo Castro,
Mª Cruz García "y otras muchas que
no es fácil recordar".
A velada
rematou ás catro! da noite deixando "imperecedero
recuerdo entre los concurrentes".
Pero non foi
o último baile dese ano. En decembro varias "simpáticas
y elegantes" mozas da localidade (Lola Calviño Rama, Lola Caramelo, Moncha Faya
Vilariño e Obdulia Abeijón Sánchez) decidiron celebrar a "Festa da
bandeira" e organizar outro baile co obxectivo de recadar fondos* para os
soldados ordenses ou galegos que estaban en Marrocos.
Contaron coa axuda de Carlos Troche Rivas (da familia propietaria do
Salón Troche, que estaba no que hoxe é o "Bar Saloon" nos Parques
Municipais), Pedro
del Río (que era o encargado do salón) e Manuel Franqueira (acomodado
propietario do Recreo).
Foi un éxito. Entre os que acudiron ao baile
estaban Ezequiel Astray, Alfonso e Enrique García, Jaime Veiga, José Maceiras,
Luis Faya, Juan Calviño, Antonio Platas, Segundo Ferreiro, Emilio Sánchez, Luis
Barros, Ricardo e Eduardo Villar, Manuel Regos, Ramón Abeijón, Segundo Faya e
José Castro Liste.
As mozas recibiron ademais unha carta dun
soldado de Tui, Mariano Victorio Rey, que pertencía
á compañía de ametralladoras do Rexemento de Zaragoza, na que lles daba as grazas
no seu nome e no dos seus compañeiros por ese agasallo de Nadal.
*
O total da recadación foron 407,50
pesetas, das que 100 foron doadas pola comisión das festas patronais. O resto
foron achegas particulares encabezadas por Manuel García Bermúdez e José Mariño, ambos os dous con
10 pesetas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario