En agosto de 1918 o xuíz de Ordes, Marcial del Río Díaz, o forense Antonio
Concheiro Rodríguez e unha parella da Garda Civil acudiron a unha
chamada do xuíz de Cerceda.
O corpo sen vida do mozo Andrés Rodríguez Rama foi
atopado nunha leira de millo na parroquia de Queixas, onde se supoñía que fora
levado polo agresor (ou agresores). Concheiro, con quilométrica experiencia en
atender a feridos en liortas, determinou inmediatamente que a causa da morte
foran tres puñaladas, unha no pescozo, outra no ventre e outra no tórax. Esta
última foi mortal de necesidade, pois tocou ao corazón.
Tamén foron achados preto do lugar un
revólver, un pau e un coitelo, probablemente o usado no crime.
A
investigación non lle levou moito tempo ao xuíz de instrución. Simplemente
preguntou por algún paisano que estivese posto a mal co morto e todas as
respostas conducírono aos irmáns Antonio e Manuel Muiño Fraga, conveciños de
Andrés.
Rexistrada a súa casa, a camisa que levaba
aquel día Antonio, aínda que recentemente lavada, tiña vestixios de sangue. Non
foi necesario máis para deter aos dous irmáns como supostos criminais e aos
seus pais, José Muiño Gómez e Carmen Fraga, por encubridores.
Ante isto, Antonio Muiño Fraga recoñeceuse
único autor da morte. Declarou que á noitiña do día 18, cando ía entrar nunha
leira, topouse con Andrés Rodríguez. Ambos os dous tiñan unha inimizade que
viña de vello, así que comezaron a insultarse e pronto chegaron ás mans. Como
levaba a peor parte, Antonio botou man do seu coitelo e asestoulle varios
golpes con el para defenderse. Logo, asustado ao ver que Andrés estaba morto,
escondeu un pouco o seu corpo e tirou as armas.
O xuízo case tardou un ano. Celebrouse en xullo
de 1919 e foille moi favorable.
Xa temos dito algunha outra vez que naquela
época víanse as liortas como unha especie de fatalidade plenamente aceptada.
Optábase por seguir a filosofía do refrán castelán "El muerto al hoyo y el vivo al bollo", así que as
sentenzas, agás casos moi raros, eran bastante benévolas.
O mesmo sucedeu aquel día: o fiscal Ignacio Docavo,
pediu 12 anos, 8 meses e un día de reclusión máis unha multa de 5.000 pesetas
de indemnización para os herdeiros de Andrés Rodríguez, pero o avogado defensor
Emilio Suárez Carrero foi máis convincente para os xurados que ditaminaron a
inculpabilidade de Antonio Muiño.
Así que o 3 de xullo de 1919 volveu gozar da
súa liberdade, mentres os restos de Andrés Rodríguez repousaban para sempre no cemiterio parroquial
de Santa María de Queixas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario