Unha das obras públicas máis importantes da
historia en Galicia é a Autoestrada do Atlántico, ou AP-9, que percorre 178 km desde O Ferrol ata
Tui.
40 anos despois pode parecer incrible,
non que se opuxeran a ela os campesiños aos que lles expropiaron as terras
(cousa lóxica e normal), senón a esquerda nacionalista que lle chamaba “navallada
no peito de Galicia” e que sostiña que suporía a ruína dos labregos afectados,
un desastre ecolóxico, e que separaría fisicamente á xente dun e doutro lado. Ata
se apelaba á "dignidade da vaca galega" que sería pisoteada ao ter
que cruzar os túneles debaixo da autoestrada.
En 1973
comezaron as obras na provincia de Pontevedra coa famosa Ponte de Rande como
elemento destacado.
O tramo Coruña - Santiago, do que uns 22 km pasan pola nosa
comarca, foi o 2º que se construíu. As obras que comezaron no ano 1976 e coincidiron no tempo coas da
Central Térmica de Meirama encheron Ordes de obreiros e supuxeron unha fonte de
riqueza e un ambiente e animación nunca vistos antes na vila.
3 anos duraron as obras dese tramo (un total
de 900.000 xornadas de traballo) e a inversión foi duns 11.000 millóns de
pesetas. Comezouse pola ocupación dos terreos, desbroce e construción de
accesos á obra.
Pronto chegaron os primeiros retrasos por
problemas na ocupación e polas adversas condicións climáticas entre o outono de
1976 ata a primavera de 1977. Pero logo avanzouse con rapidez: xa nese ano 77
iniciáronse os viadutos do Mero e Tambre e os dous pasos sobre a N-550 en
Sigüeiro.
O inverno de 1977 supuxo outro parón nas
obras, pero na primavera de 1978 volveu subir o ritmo e empezáronse a poñer as
primeiras capas de firme. No verán fixéronse os postos de peaxe e en outubro
extendeuse a última capa de firme. Quedaban xa cousas menores como
sinalización, barreiras, valados, etc.
Por fin en abril (case coíncidindo coas
primeiras eleccións municipais da democracia), concretamente o 27 de abril de 1979 abriuse ao tráfico o
tramo, aínda que a inauguración oficial esperou ata o 16 de maio e contou coa
presencia do ministro de Obras Públicas e Urbanismo, Jesús Sancho Rof, e a do
presidente da Xunta, Antonio Rosón Pérez.
As tarifas, aínda que menores que outras
autoestradas nacionais, non eran baixas. Distinguían entre cilindradas, así os
coches pagaban 50, 60 ou 80 pesetas pola viaxe enteira segundo a súa cantidade
de centímetros cúbicos.
O temor dos hostaleiros ordenses a perder
clientela nos seus negocios era infundado. A pesar de que a autoestrada foi
sendo cada vez máis utilizada, Ordes non se viu especialmente afectado.
Como anécdota curiosa, xa en 1980, precisamente no tramo ordense, a
autoestrada tivo o seu primeiro nacemento. Faustino Taboada Pérez viaxaba no
coche coa súa muller Teresa Mougás Martínez de camiño ao Hospital Militar de
Coruña, cando esta sentiu as dores do parto. Faustino parou un coche e a
solidaria condutora deste actuou de improvisada comadrona. Pouco despois a
parella e o seu fillo chegaron ao hospital de Coruña sen maior problema.
No hay comentarios:
Publicar un comentario