Pereira é unha parroquia situada ao sur de Ordes e Poulo, cuns 6,64 km cadrados de extensión (aínda que outras fontes lle daban 11,2). A parte NO do seu territorio está entre o río Cabrón e o seu afluente, o Ponte Ribeira. Ao sur e ao leste (onde está Folgoso) o terreo é máis elevado e supera os 300 metros de altura.
Pereira estivo poboada desde a antigüidade como testemuña a presencia do Castro de Casanova. Tamén debeu ser o lugar máis romanizado porque no entorno do castro, preto da igrexa parroquial, atopáronse, sen ter feito unha excavación organizada e meticulosa, numerosos restos romanos, proba de que alí debeu haber un núcleo habitado de certa entidade.
No Antigo Réxime, antes de que se crearan os concellos modernos, Pereira formaba parte da xurisdición de Folgoso que abranguía 21 parroquias (171,5 km2). Hoxe esas parroquias están distribuídas en tres concellos distintos: 9 en Ordes, 5 en Frades e 7 en Oroso.
As outras catro parroquias de Ordes xa pertencían á veciña xurisdición de Mesía, máis extensa porque contaba con 47 parroquias en total.
En 1828, segundo o "Diccionario Geográfico-Estadístico" de Sebastián de Miñano (considerado non demasiado fiable), Pereira tiña 66 veciños -330 habitantes- e pagaba de contribución 2.700 reais.
En 1849 (21 anos despois) o "Diccionario de Madoz" di que Pereira contaba cunhas 50 casas, pero daba a cifra de 42 veciños -228 almas-. Tamén informa que a igrexa dependía da parroquia de Montaos que era a súa matriz.
Hoxe en día as súas 16 entidades de poboación superan os 300 habitantes.
Desde a Calle de Poulo o Camiño coíncide coa estrada. Pasa polas Remuñas e O Carballo e chega ata Casanova. Aquí saímos do asfalto cara á esquerda e andamos por camiños de terra uns 600 metros, pasamos preto da Lamela e os Carabelos ata chegar á ponte romana ou medieval, a Ponte Pereira.
A ponte antiga aínda permanece en pé, a carón da ponte nova. Podemos pasar andando e admirar as súas vellas pedras que tantos camiñantes soportaron.
Despois de cruzar a ponte o Camiño coíncide coa pista asfaltada que leva á Albariña pero uns 700 metros despois volve saír do asfalto tomando un sendeiro a man esquerda, dirección SO, que nos leva a Carrás, xa na veciña parroquia de Montaos.
No hay comentarios:
Publicar un comentario