Aínda que positiva nalgúns aspectos,
provocaba grandes dramas persoais. Un deles foi o que sufriu unha familia do
concello de Trazo.
O mércores 8 de xullo de 1908 unha mociña que, como tantas outras da época,
traballaba como criada na casa dun labrego acomodado cruzaba por unha leira
cando o seu pé afundiuse un pouco. Sorprendida, decatouse de que a terra estaba
recentemente removida e, picada pola curiosidade, co pau que levaba comezou a
escarvar no chan.
De súpeto botou un berro. Recoñeceu o minúsculo pé
dun bebé! Aterrorizada, foi buscar ao seu amo. Este, despois de ir con ela e
confirmar a veracidade da historia, avisou o máis pronto que puido -ao día
seguinte- ás autoridades.
Alí foron o xuíz de instrución Pérez Ardá, o
forense de Ordes, Antonio Concheiro Rodríguez, e o garda municipal Liñares que
procederon ao levantamento do cadáver.
A investigación foi sinxela. Posto que a
leira era propiedade de Antonia Calviño
Otero, ela era a principal sospeitosa a pesar de que era unha muller de
reputación intachable na súa parroquia. Tiña dous fillos: un neno de 10 anos e unha
nena de 8. Pero o seu marido emigrara a Ámerica sete anos atrás e ficara soa.
Cando chegaron á súa casa, atopárona
gravemente enferma. Era evidente que dera a luz había pouco tempo.
Pero ... cometera un infanticidio ou sufrira
un aborto e enterrara ao bebé para tratar de ocultar que mantivera relacións
ilícitas?
Unha vez feita a autopsia, Concheiro
determinou que o bebé nacera vivo pero morrera ao pouco tempo como consecuencia
dunha hemorraxia do cordón umbilical. A nai, apenas sen forzas, soterrouno case
a flor de terra.
Foi detida e levada ao cárcere de Ordes,
bastante enferma. Probablemente iso salvoulle a vida xa que alí tivo atención
médica.
Catro meses despois tivo lugar no xulgado de
primeira instancia de Ordes o xuízo contra Antonia Calviño Otero por inhumación
ilegal. Foi condenada a un mes e un día de arresto maior máis unha multa de 150
pesetas e ao pago da metade das costas. Un alto prezo, pero barato se o
comparamos coa dor de perder un fillo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario