sábado, 10 de junio de 2017

O Camiño por Montaos

   Montaos, topónimo que vén de "Montanos" (do monte), é unha parroquia de case 10 Km cadrados, situada ao SO do concello. O terreo, regado polo río Cabrón, é un fértil val de pouco máis de 250 metros de altura, pero que sube a máis de 300 na capital parroquial, Santa Cruz. 
 
  Montaos ten unha historia moi antiga. Na Idade Media era a cabeza dun territorio que os reis concederon aos prelados composteláns para neutralizar o poder dos nobres. Así, arredor do ano 925, Fruela II otorgoulles o condado de Montaos que entón comprendía desde o Tambre ata a terra de Nendos, é dicir, ata Faro (Coruña) e Betanzos. 
  En 1124 Alfonso VII doou á Igrexa de Santiago a Terra de Montaos. Ese documento permítenos saber que os seus límites eran parecidos aos da actual comarca aínda que chegaban ata Sumio (Carral) e Dubra. 
  Naqueles tempos existía o castelo de Montaos, no lugar de Castrelo, a uns 800 metros ao oeste do Camiño Inglés. Hoxe só queda o lugar e non hai resto algún. 
  Na Idade Moderna, Montaos sempre aparece nos mapas, proba aparente de que era un dos lugares máis importantes da comarca.


   Pero esa importancia era máis ben nominal. De feito a xurisdición de Montaos, que practicamente correspondía ao actual concello de Trazo (comprendía 8 das 11 parroquias actuais -menos Berreo, Monzo e Restande- sumando 3 de Tordoia: Castenda, Leobalde e Numide) non incluía a parroquia de Montaos!  Pertencía á xurisdición de Folgoso, como a maioría das actuais parroquias de Ordes.
  
  En 1828, segundo o "Diccionario Geográfico-Estadístico" de Sebastián de Miñano, Montaos tiña 64 veciños -303 habitantes- e pagaba unha contribución de 760 reais. 
  A mediados do século XIX, en 1848, segundo o "Diccionario de Madoz", eran 68 veciños -389 almas-. Engadía que o terreo, que era de mediana calidade, producía millo, centeo, patacas e trigo. Había 70 casas, 5 fontes e 5 muíños fariñeiros. Precisaba que o clima era temperado e san "si bien se padecen fiebres inflamatorias"
  Hoxe Montaos conta con máis de 800 habitantes repartidos en 13 entidades de poboación, o que a converte na de maior densidade despois da capital ordense. 


   Despois de atravesar a Ponte Pereira seguimos ata chegar á estrada que vai cara á Albariña. Alí collemos un camiño á esquerda que nos leva a Carrás, topónimo que significa "camiños". Preto das súas casas hai unha fonte que quizáis sexa a que nomeou Frei Martín Sarmiento: "Caga Boy da fonte en Santa Cruz de Montaos". 
  En Carrás atravesamos a estrada, onde podemos ver antigas lastras, e subimos por un frondoso camiño que bordea o castro e que é unha das paisaxes máis bonitas de toda a etapa. Chegados arriba, continuamos por pistas forestais en dirección á Baxoia, xa no veciño concello de Oroso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario