miércoles, 18 de febrero de 2026

O ano 2014


  O ano 2014 será lembrado polas moitas catástrofes que houbo: a máis grave, a epidemia de Ébola, en África Occidental. Ademais en marzo un avión de Malaysia Airlines desapareceu no Océano Índico con 239 pasaxeiros, en abril afundiu un barco surcoreano morrendo 304 persoas, en xuño outro avión da Malaysia Airlines foi derrubado en Ucraína con 298 pasaxeiros a bordo e por fin en decembro un avión indonesio caeu á auga morrendo os seus 162 ocupantes. Non faltou o habitual terremoto en Chile e diversas desgrazas como o secuestro de máis de 200 adolescentes en Nixeria polo grupo Boko Haram, a desparición de 43 estudantes mexicanos no estado de Guerrero e un ataque Talibán a unha escola de Pakistán que deixou máis de 140 mortos. Pero a máis mortífera foi unha ofensiva israelí en Gaza que deixou sen vida a case 2.200 palestinos.
  En política asistimos ás primeiras protestas antigobernamentais en Venezuela e ao fallido referendo de independencia de Escocia. Ese ano morreron o escritor Gabriel García Márquez, os actores Philip Seymor Hoffman e Robin Williams e o único e incomparable Roberto Gómez Bolaños Chespirito, o creador de "El Chavo del 8". E como anécdota foi o ano do 7-1 sufrido por Brasil con Alemaña (que logo gañaría a final á Arxentina) no Mundial de Brasil.  
 
  En 2014 escoitamos Uptown Fuk do bailón Bruno Mars, Thinking Out Loud de Ed Sheeran e Happy de Pharrell Williams. En cine destacou Interstellar de Nolan, pero tamén apareceron Guardians of the Galaxy ou Captain America: The Winter Soldier, e chegou o decepcionante final da serie How I Met Your Mother.
 

  España, marcada pola crise económica, viviu outro ano de incidentes, folgas e manifestacións contra os recortes, e perdeu ademais a un político admirado cando morreu o 23 de marzo o ex-presidente Adolfo Suárez. Continuaban os malos tempos para a monarquía. En febreiro a infanta Cristina declaraba como imputada nos xulgados de Palma e o 2 de xuño chegaba a abdicación de Juan Carlos I. Tamén o PP enfrontaba problemas co caso Bárcenas e logo coa operación Púnica. Mentres, Pedro Sánchez logrou a secretaría do PSOE enfrontando a Eduardo Madina e comezaba o auxe de Podemos que acadou 5 deputados nas eleccións europeas. O outro gran problema foi Cataluña: Artur Mas asinou en setembro o decreto polo que convocaba a consulta soberanista que se celebrou o 9N. A única boa nova neste sombrío panorama foi que os bancos españois superaron as probas de estrés do Banco Central Europeo.
  Galicia seguía en crise e tivo o peor saldo vexetativo do país, perdendo ese ano máis de 10.000 habitantes. Non obstante houbo brotes verdes, naceu Abanca e a Xunta logrou que a petroleira mexicana Pemex contratase dous barcos á industria naval galega. O inverno dese ano foi moi duro con varios temporais e as ondas do mar chegaron aos 28 metros de altura en Cabo Vilán. Santiago viu como 7 ex-edís do PP foron condenados por prevaricación, Lugo soportou unha histórica folga de lixo e o novo rei Felipe VI fixo a súa primeira ofrenda ao Apóstolo.
 
  Para Ordes 2014 foi deprimente. Seguía a crise económica e o ano rematou con máis de 1.000 parados. O Concello tampouco se libraba e xa non houbo obras de calado, aínda que se remozou a piscina e a rúa da Igrexa. No Mesón do Vento remataron as obras de ampliación do cemiterio. Un certo alivio foi o remate da construción da nave de Ramón García no polígono de Ordes, futura sementeira de novos postos de traballo.
  O orzamento que presentou o goberno no verán foi de 9,2 millóns de euros (o máis baixo dos últimos anos). Despois dunha década de gran movemento os políticos e o pobo ordense viviron un tempo de calma esperando ás eleccións do ano 2015. E como nun "déjà vu" o BNG recorreu de novo a Ramiro Recouso en decembro. O maior sobresalto tivo lugar en febreiro cando se desclasificou o sumario da Pokémon e saíu á luz que Regos recibira regalos de Vendex (da que era filial Sermasa, a empresa que xestionaba a gardería municipal) e que Silvia Marín recoñeceu mediar para que foran contratadas 4 persoas, aínda que non lle gustaba chamar a iso "enchufar".
 
Outros temas que preocupaban ese ano foron a posible perda do Xulgado e a decadencia de Expo Ordes. As celebracións volveron a ser numerosas co Combo Dominicano triunfando na 2ª Festa da Xuventude e Panorama congregando nas festas patronais de agosto 7.000 seguidores.
  A noticia máis impactante foi unha operación policial na que se atoparon 390 Kg de cocaína nunha nave do polígono de Ordes e que propiciou a detención de numerosos traficantes. A máis triste foi un accidente mortal en Leira no que perdeu a vida a moza de 27 anos Paula Vigo Varela e a alegre foi o triunfo no campionato de España da veterana atleta ordense Ánxeles Rodríguez.
  Como novas curiosas ese ano Orencio Uzal trouxo a Ardemil un xigantesco dinosauro que se converteu na máxima atracción fotográfica do Camiño Inglés e sen ningunha explicación rematou de funcionar Ordessiete, o blog de propaganda, perdón informativo, do Concello.

No hay comentarios:

Publicar un comentario