sábado, 14 de febrero de 2026

Inauguracións escolares en 1964


 Xullo de 1964 foi un bo mes para a comarca a nivel educativo. Varios edificios escolares foron inaugurados polo gobernador civil Evaristo Martín Freire, acompañado no seu labor polo subxefe do "Movimiento" José Luis Amor Fernández.
  A viaxe pola comarca tivo lugar o luns 27 de xullo e iniciou ás catro e media da tarde. No Mesón do Vento o gobernador foi recibido polo alcalde Juan Liñares Castro, o primeiro tenente José Galán López e o secretario Ángel Concheiro. Na súa compañía dirixiuse ao consistorio onde foi recibido polo resto da Corporación e outras personalidades locais. Alí subiu á sala de actos onde examinou a exposición "25 Años de Paz" (inevitable aquel ano).
  A continuación a comitiva saíu á rúa e procedeuse á inauguración de dúas escolas con vivenda incorporada, unha en Alfonso Senra e outra na calle General Mola (hoxe Rúa de Galicia). Logo inauguráronse outras dúas na Cruz de Beán e en Vilasenín (Leira). As catro escolas tiñan un custo de máis de 800.000 pesetas.
  Seguidamente gobernador e subxefe puxeron rumbo a Trazo onde foron recibidos polo alcalde Antonio Boquete Casas, o secretario Blanco Rey e o resto da Corporación. Trazo era entón a Galicia profunda e deberon deixar o coche oficial para realizar moitos quilómetros nun jeep por "camiños veciñais" -eufemismo para corredoiras impracticables-. Alí inaugurou un grupo de dúas escolas en Chaián, outro grupo en Morlán, unha en Xavestre e outra en Castelo. Tamén inaugurou dous lavadoiros na Baixa e en Xavestre. Todas esas obras custaran 1.310.000 pesetas.
  A última etapa da viaxe foi Oroso onde foi recibido polo alcalde Andrés Varela Villar o Carralés e onde inaugurou un grupo de dúas escolas en Pasarelos, outro en Trasmonte e outro máis en Senra, unha escola en Sigüeiro e outra en Vilacide. O custo destes edificios foi de 1.870.000 pesetas. Preto das nove da noite concluíu esta viaxe que, dadas as condicións viarias daqueles tempos, podemos cualificar como digna dun piloto de Fórmula 1. O valor total das construcións roldaba os 4 millóns de pesetas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario